Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Como se fai unha reseña literaria?

domingo, 8 de xaneiro de 2012

Este modelo de recensión é válido especialmente para a narrativa e a banda deseñada, e habería que adaptalo para para outros xéneros como a poesía ou o ensaio. Debería constar das seguintes partes:
1. A referencia bibliográfica
É preciso presentar brevemente o libro que imos comentar dando o título, o nome do autor e a editorial. Tamén se pode indicar a data na que foi publicado e se aparece nunha colección concreta da editorial. Circunstancias como se o libro foi exitoso, se foi levado ao cinema ou se hai unha versión en cómic son cuestións que se deben comentar nesta introdución. Por último, este momento pode ser un bo lugar, non o único, para identificar o xénero narrativo: se estamos ante unha novela negra, histórica, romántica, cómica, de terror, xuvenil, etc.
2. A historia
Falar da novela ou dos contos en si é primordial nunha recensión. Cómpre dedicar unhas liñas a resumir o seu argumento. Non é necesario contar polo miúdo todo o que acontece, non podemos desvelar os segredos da historia aos seus lectores potenciais, abonda con presentala minimamente ao igual ca os personaxes. Ademais, indicaremos cal é o tema principal e outros temas secundarios da obra, así estaremos ofrecendo unhas boas pistas ao lector que se anime a mergullarse nas súas páxinas.
3. A valoración persoal
Esta é realmente a túa achega máis importante á hora de facer unha reseña. Agora é cando debes comentar se che gustou e por que, que che gustou máis ou aquilo que non che convenceu de todo ou que foi o que máis che sorprendeu da historia, dos personaxes... Sempre tes que xustificar, con razóns, as afirmacións que fagas sobre o libro, e se llo recomendas a un bo/a amigo/a, non esquezas indicar os motivos da túa suxestión. Finalmente, queres dar unha cualificación do libro no seu conxunto?
4. A publicación
Tanto se se trata dun traballo para o colexio como dunha recomendación que lle fas a un/unha amigo/a polo correo electrónico ou unha entrada no blogue da biblioteca ou da materia, a corrección debe primar en toda redacción, tanto ortográfica como gramatical sen esquecer o uso dun léxico coidado, o emprego de sinónimos, etc. A publicación da reseña na rede ofrece moitas posibilidades que hai que ter en conta: incluír no artigo unha imaxe da portada do libro e/ou do autor e facer unha ligazón á súa bibliografía. Se a historia foi levada ao cinema, un vídeo insertado dende youtube sempre pode servir de bo colofón á túa reseña. Por que non?
Algúns exemplos
Os nenos da variola, de María Solar.
O exército do fume, de Manuel Gago. 
O que sei do silencio, de Andrea Maceiras.
Made in Galiza, de Séchu Sende.
Infamia, de Ledicia Costas.
 
Igualmente, este tipo de texto, a reseña, é tamén extrapolábel a outros ámbitos e produtos culturais como o cinema, a música (un e dous), os videoxogos ou a banda deseñada.

0 comentarios:

Publicar un comentario