Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

As estrofas na poesía galega

luns, 30 de xaneiro de 2012

Exemplos de estrofas na literatura galega

As vangardas artísticas e literarias, internacionais e galegas

mércores, 25 de xaneiro de 2012

Unha presentación de diapositivas e unha fermosa montaxe audiovisual para introducirnos nas vangardas galegas da man das vangardas artísticas internacionais e dos caligramas de Apollinaire.


O blogue da Editorial Galaxia faise eco dunha reseña de Lingua de Negueirós

O blogue da Editorial Galaxia publicou hoxe unha entrada sobre a reseña que Carmen (3º B) fixo sobre Memoria dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, unha das lecturas que podedes ler ao longo deste curso. Como vedes, é importante coidar a redacción dos textos, a súa corrección e adecuación lingüística e a súa presentación, sobre todo nos novos soportes dixitais, que nos permiten enriquecelos con ligazóns, imaxes, audio e vídeo, etc. Nunca se sabe se poden trascender na inmensa arañeira, nesta ocasión así o fixo.

Parabéns, Carmen!


Historias da Santa Compaña

Nun camiño de San Martiño de Tabeaio (Carral, A Coruña)

Foi unha vez que un pai e mais un fillo, que xa era home, viñan dunha viaxe e tiveron a desgraza de seguir, sen se decatar e sendo noite, un camiño que pasaba preto do adro dunha igrexa en San Martiño de Tabeaio. Dándose de conta do mal que lles traía o seu descoido ao se atopar nunha revolta coa Santa Compaña, que ao ser as doce sae do cemiterio para facer a súa rolda.

Pai e fillo viron arrepiados as luceciñas verdeais dos fachos que portaban as almas en pena e oíron o borboriñar dos pregos dos defuntos e, daquela, foi tanto o medo que gañaron que quixeron fuxir a escape sen o conseguir, porque o vello, xa canso e de poucas forzas, tropezou e caeu de contado sen folgos nin azos para se valer. O fillo chegou un pouco máis lonxe, pero mellor lle fora caer coma o pai para se aforrar moitos contratempos, xa que, coma o vello, tampouco tivo forzas nin saber para riscar no chan o circo e poñerlle no medio a cruz, como é indicado para se librar das cousas do outro mundo en meténdose un dentro.

O pai, ao caer no chan, afuciñado, quixo comprender que a Santa Compaña para por riba del, pois sentiu ben no corpo como o tripaban as pasadas dos defuntos, deixándoo esmendrellado; fixo un esforzo erguendo un pouco a cabeza para mirar se vía o fillo, mais, como era noite, non o viu. Escoitou un pouco e non oíu cousa. Sen dúbida, levárao a Santa Compaña para portar a cruz, o caldeiro da auga bendita e mais o hisopo. O pai, daquela, perdeu o coñecemento e non foi home ata o abrir do día. Estaba canso e sen forzas, doíalle o corpo, quixo poñerse en pé e as pernas non termaban del. Ao cabo, mal como puido, case ás arrastras, foi facendo o camiño da casa. O fillo aínda non chegara e el, perdida a cor e consumido, máis semellaba un defunto.

Ao rapaz atopárono logo os veciños. Apareceu durmido pé do cruceiro da parroquia, collendo nunha aperta o talo da cruz. O pai apenas tardou tres días en morrer e o fillo durou pouco máis tempo, mais ben pouco foi. Ninguén conseguiu del que dixese cousa, porque o que vai cos defuntos, aínda que queira, non pode dicir o que ve nin o que lle mandan facer e tampouco quen é o que o fai: non pode virar a cabeza para ver o que leva detrás de si, por eso nunca ninguén dá razón.

O único que lle é doado facer ao que vai coa Santa Compaña, se é que se sabe dar xeito é, se atopa a outro desgraciado no seu camiño, é poñerlle nas mans a cruz e o caldeiro de auga bendita e mais o hisopo. Así, líbrase de seguir el ao deixar a outro no seu lugar, mais, dende que o fai, é pouco o que tarda en morrer, pois co seu rudo traballo de pola noite, perde a cor e vai esmorecendo cada día máis, mirrándose amodiño.
________________________________________

Lois CARRÉ ALVARELLOS, Contos populares da Galiza, Museu de Etnografia e História, Junta Distrital do Porto, Porto, Portugal. (Adaptación)

________________________________________

A estadea

Esta curtametraxe foi realizada no ano 2010 con exteriores gravados en Sarandón (Vedra). Conta as vidas da familia de Roi e dos rapaces Xoán e Fran, que se verán atrapadas nos misterios que agochan os camiños dos bosques galegos.

Reparto: Julio Cea, Miguel Canalejo, Sheyla Fariña, Rubén Prieto e Brais Abad.
Dirección: Pablo Cacheda
Produción Carmen Rey
Música: Julio Montero

Soidades de Ana, de Jordi Sierra i Fabra

luns, 23 de xaneiro de 2012

Ana falece tras un aborto mal practicado, e a súa irmá Vitoria volve de Londres para ir ao seu funeral e apoiar os seus pais. Esta é a tesitura na que se encontra Vitoria, quen investigará os motivos polos cales a súa irmá morreu. Unha novela xuvenil que lles achegará aos lectores unha perspectiva próxima sobre as preocupacións, medos e problemas dos adolescentes, mesturados co amor e a amizade. Unha mestura que ten por resultado esta obra de Jordi Sierra i Fabra para a Editorial Galaxia na súa versión galega.

Soidades de Ana gustaralles a lectores mozos que prefiran ler unha novela interesante e da que se aprenda algo, unha novela necesaria para a sociedade. Persoalmente, penso que é unha lectura totalmente diferente ás que lera antes, e tan só cómpre sinalar que ao final pode resultar decepcionante para quen busque máis emoción e suspense, ou non, segundo os gustos do lector. Unha linguaxe sinxela, coloquial e sempre correcta fan deste libro unha lectura agradable e entretida.

Por Vanesa Portela Santoro (3º A)

Arredor da literatura: a linguaxe, os xéneros, a literatura culta e popular

martes, 17 de xaneiro de 2012

Nas últimas semanas mergullámonos na literatura como fenómeno artístico para coñecer máis polo miúdo as características da súa linguaxe e os xéneros literarios principais. Ademais, xa dende comezos de curso, fomos traballando o subxénero do conto e os elementos fundamentais do texto narrativo.

Lemos e analizamos contos, fixemos os nosos primeiros borradores e escribimos os nosos primeiros relatos breves. Así mesmo, algúns de vós xa tedes unha base para o conto que, se resulta seleccionado finalmente, poderá participar no Concurso de Relato Curto do colexio.

As dúas presentacións seguintes servirannos para repasar os esquemas sobre literatura dos tres primeiros temas porque, ademais de expresarnos creativamente, tamén temos por diante un exame.

A primeira xa a coñecedes, pasámola na aula e podedes descargala dende o ordenador da clase.

A segunda tomámola presentada da profesora Noemí Pazó e non a coñecía cando na aula repasamos as diferenzas entre a literatura culta e a literatura popular. Pero aínda a habemos aproveitar para o noso concurso e o traballo de investigación sobre a literatura popular oral.

Formamos palabras con prefixos e sufixos

Lembrade que no mes de decembro volvemos explicar os mecanismos de formación de palabras, en concreto a composición e a derivación, que volverán entrar, a modo de repaso, no primeiro exame deste segundo trimestre.

Velaquí a presentación de diapositivas coa que complementamos a explicación da formación de palabras mediante os sufixos e os prefixos. Tamén podedes encontrala no cartafol da materia de lingua galega dos ordenadores das aulas de 1º da ESO.

Lecturas para a segunda avaliación

domingo, 15 de xaneiro de 2012

Lecturas recomendadas de 4º ESO para a segunda avaliación.

Enderezo descoñecido, de Kressman Taylor, Xerais (2002).
Reencontro, de Fred Uhlman, Galaxia (2008).
De ratos e homes, de John Steinbeck, Galaxia (1997).
Dr. Jekyll e Mr. Hyde de R.L. Stevenson, Xerais (1986) e Xerais & La Voz de Galicia (2005)

Lendas, contos, supersticións... para alimentar a nosa creatividade

martes, 10 de xaneiro de 2012


O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do colexio convoca unha edición máis do Certame de Relato Curto coa finalidade de promover a creación literaria no alumnado e incentivar a creatividade en lingua galega, que conta coa colaboración do Concello de Soutomaior.

Podedes consultar as bases de participación no blogue do Equipo. Nos vindeiros días iremos dando conta nel e mais nesta páxina de recursos e materiais de interese que poden ser de utilidade para as nosas creacións.

Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas

domingo, 8 de xaneiro de 2012

No cincuenta aniversario desta novela de Xosé Neira Vilas, unha obra clásica da literatura infantil e xuvenil galega que foi traducida a diversas linguas, que vendeu centos de milleiros de exemplares en todo o mundo e que se converteu nunha peza clave na formación humana e literaria de varias xeracións de galegos, inauguramos a sección de reseñas literarias de Lingua de Negueirós cun texto de Carmen García Obelleiro (3º ESO B).

Memorias dun neno labrego fala dun neno chamado Balbino que vive na Galicia da primeira metade do século XX, cando os galegos emigraban a outros países, normalmente a América. Este rapaz é pobre e ten que traballar na leira do Señor. Balbino goza coas súas aventuras na aldea.

O libro está distribuído en capítulos nos que se contan historias da vida do protagonista. Balbino dálle a volta ó feito de non ser un adulto, de non poder emigrar a América. A pesar da súa idade, pensa no mundo, no futuro, no Señor, en Manolito, en Eladia (que queda olvidada finalmente por mor de Flora), en querer emigrar a América…

Finalmente, Balbino remata a historia servindo na casa do Señor Landeiro, na que ten moitos libros para ler e o caderno cae nas mans de Alberte, que xura que non llo ensinará a ninguén.

O libro Memorias dun neno labrego gustoume moito. Nunca lera unha novela coma esta. Xosé Neira Vilas asombroume moito. Cando escollín esta novela, finalmente, soábame o autor, xa que escoitara falar na casa del.

Este libro achegoume á Galicia do pasado. Durante a miña lectura do libro, preguntáballe a miña avoa e ó meu tío o vocabulario en galego "antigo” que eu non entendía (xa que a edición do libro é antiga). Aprendín sobre o campo e sobre os instrumentos de agricultura tradicional galega, como o carro, por exemplo. Penso que sería unha mágoa perder este tipo de coñecementos sobre a cultura galega. Non é moi estraño que un rapaz da miña idade, por exemplo, nunca oíra falar sobre a "leira". Ademais, o que eu non aturo é que unha persoa fale do “monte”, por exemplo, de maneira ou de forma despectiva e inculta, xa que, probablemente, os seus avós e avoas traballaron nel como era normal antes.

O rapaz conta as súas aventuras nunha pequena aldea e, aínda que a súa familia sexa pobre, goza xogando. Na actualidade, xa non é igual. Os tempos cambiaron.

No pasado, prohibían falar o galego, pero a xente non perdía a esperanza e seguía falándoo. En cambio, no presente, está “totalmente normalizado” e permitido (como tería que estar sempre), pero a xente prefire falar o castelán porque din que “é máis culto”. Eu estou a favor de que se protexan as linguas dunha terra.

Hai xente á que non lle gusta o galego e que apoia que na ensinanza non se traballe con el. Xa se dicía na canción de Fuxan os Ventos, O Lelo, que está baseada no poema de Celso Emilio Ferreiro. A letra da canción trataba dun neno (da época de Balbino, máis ou menos) que falaba galego, como era natural, ía ir o primeiro día á escola. O mestre fálalle castelán e o rapaz cóntalle ó seu avó o que lle acontecía. Di que seu profesor utiliza falas estrañas. Que usa “Abuelo” en vez de “Avó”, “Madre” en vez de “Nai” e o “Chan” en vez de “el suelo”. O neno da canción dille ó avó que non precisa esa lingua para o seu traballo, disque lle chega coa súa lingua de sempre, a lingua dos seus avós e a lingua dos seus pais.

Algúns capítulos do libro cansáronme máis, como por exemplo, “O Loito”. Gustoume moito o libro, xa que a temática é do meu agrado. Gústame moito o sentimento que Balbino sente pola súa profesora. Eu recomendaríalle a calquera compañeiro meu este relato para que o goce como o gocei eu.

Con esta lectura, aprendín vocabulario en galego que non coñecía e cousas e conceptos relacionados coa Galicia desta época: como era a cultura, a relixión, o poderío, a lingua, os dereitos...

Realmente, esta lectura foi do meu agrado. Paréceme ben que o profesor nos dunha lista con libros en galego, para que nos escollamos o que máis nos guste.

Como se fai unha reseña literaria?

Este modelo de recensión é válido especialmente para a narrativa e a banda deseñada, e habería que adaptalo para para outros xéneros como a poesía ou o ensaio. Debería constar das seguintes partes:
1. A referencia bibliográfica
É preciso presentar brevemente o libro que imos comentar dando o título, o nome do autor e a editorial. Tamén se pode indicar a data na que foi publicado e se aparece nunha colección concreta da editorial. Circunstancias como se o libro foi exitoso, se foi levado ao cinema ou se hai unha versión en cómic son cuestións que se deben comentar nesta introdución. Por último, este momento pode ser un bo lugar, non o único, para identificar o xénero narrativo: se estamos ante unha novela negra, histórica, romántica, cómica, de terror, xuvenil, etc.
2. A historia
Falar da novela ou dos contos en si é primordial nunha recensión. Cómpre dedicar unhas liñas a resumir o seu argumento. Non é necesario contar polo miúdo todo o que acontece, non podemos desvelar os segredos da historia aos seus lectores potenciais, abonda con presentala minimamente ao igual ca os personaxes. Ademais, indicaremos cal é o tema principal e outros temas secundarios da obra, así estaremos ofrecendo unhas boas pistas ao lector que se anime a mergullarse nas súas páxinas.
3. A valoración persoal
Esta é realmente a túa achega máis importante á hora de facer unha reseña. Agora é cando debes comentar se che gustou e por que, que che gustou máis ou aquilo que non che convenceu de todo ou que foi o que máis che sorprendeu da historia, dos personaxes... Sempre tes que xustificar, con razóns, as afirmacións que fagas sobre o libro, e se llo recomendas a un bo/a amigo/a, non esquezas indicar os motivos da túa suxestión. Finalmente, queres dar unha cualificación do libro no seu conxunto?
4. A publicación
Tanto se se trata dun traballo para o colexio como dunha recomendación que lle fas a un/unha amigo/a polo correo electrónico ou unha entrada no blogue da biblioteca ou da materia, a corrección debe primar en toda redacción, tanto ortográfica como gramatical sen esquecer o uso dun léxico coidado, o emprego de sinónimos, etc. A publicación da reseña na rede ofrece moitas posibilidades que hai que ter en conta: incluír no artigo unha imaxe da portada do libro e/ou do autor e facer unha ligazón á súa bibliografía. Se a historia foi levada ao cinema, un vídeo insertado dende youtube sempre pode servir de bo colofón á túa reseña. Por que non?
Algúns exemplos
Os nenos da variola, de María Solar.
O exército do fume, de Manuel Gago. 
O que sei do silencio, de Andrea Maceiras.
Made in Galiza, de Séchu Sende.
Infamia, de Ledicia Costas.
 
Igualmente, este tipo de texto, a reseña, é tamén extrapolábel a outros ámbitos e produtos culturais como o cinema, a música (un e dous), os videoxogos ou a banda deseñada.

Cousas de vida, de Castelao

Lede a seguinte "cousa" e deixade un comentario: interpretación, sentido.


Aínda está no areal a osamenta do barco, como unha espiña de peixe xigante cuspida polo mar.

Cando non había tanto progreso, os nenos enredaban con barquiños de cortiza afacéndose a seren mariñeiros, e cando chegaban a vellos, enredaban cun barco verdadeiro para non decatarse da súa inutilidade.

Os doce vellos máis vellos da vila tiñan sempre un barco e un aparello para enredar. Alcumábanse “apóstolos” porque nos Oficios de Semana Santa laváballes os pés o señor abade.

Nos días mornos de sol largaban o aparello. Eu non digo que collesen peixe para vender; mais algunhas veces pescaban para unha caldeirada i entón enchíanse de fachenda.

As xentes aventurábanse a pronostica-lo bo tempo con iste dito: “Mañán pode ir ó mar o aparello dos apóstolos”. E non había nada que magoase máis ós probes vellos no seu corazón.

Daba xenio velos camiñar en ringleira levando o aparello ó lombo.

Cando se lles lembraba a súa probeza con calquera ben, agradecíano con dinidade:

— Tanto ben como nos fas, que che fagan a ti cando chegues a vello.

Todos tiñamos reparo en pousar un codelo de boroa nas súas mans, como se fái á xente terrestre que prega nas portas. A esmola é boa para os que están afeitos a recibila; un mariñeiro que chega a probe por chegar a vello morrería de vergonza cando sentise, no lombo, o peso das folicas limosneiras. O progreso trouxo riquezas e trouxo fames. Os “apóstolos” foron morrendo e os vellos de hoxe en día andan a pedir polas portas dos ricos que teñen barcos e non van ó mar.

Literatura medieval I: as cantigas de amigo

Agora que xa andamos metidos na análise das cantigas de amigo, tede moi en conta para cando as precisedes as presentacións que vimos devagar na primeira avaliación.

Na primeira delas, do profesor Ramón Cruces Colado (IES de Cacheiras), ademais do repaso xeral ao tema (diapos 1 a 16), deunos tempo a ver as cantigas de amigo (diapos 30 a 50), xénero profano do que fixemos unha caracterización xeral que atendeu á temática e aos principais recursos formais.
A segunda foi especialmente interesante e divertida para vós e permitiunos recoñecer algúns dos símbolos poéticos que nos axudan a facer unha lectura máis acaída das cantigas de amiga. Este traballo debémosllo á compañeira Ana Martíns, profesora de Lingua e Literatura do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños, a quen lle agradecemos esta contribución.
Símbolos nas cantigas de amigo
View more presentations from revoltalingua
Para rematar, recuperamos esta interpretación da cantiga "Mandad'ei comigo" a cargo do grupo de música antiga Martín Códax, que musicou, entre outras moitas, as composicións deste trobador da ría de Vigo, a quen lle debemos as únicas pezas musicadas que se conservan do noso rico patrimonio literario medieval grazas á descuberta do Pergamiño Vindel.

Lingua e literatura galego-portuguesa na Idade Media

Logo de achegármonos á realidade plurilingüe peninsular e de situarmos o territorio lingüístico actual do galego, profundizamos nas orixes do idioma. Para iso, acompañamos as explicacións de aula e do libro de texto con esta presentación (diapos 7 a 16), que tamén nos serviu para introducir esquematicamente a literatura galego-portuguesa medieval (diapos 17 a 21), que xa coñecerades na súa dimensión musical a primeiros de curso nas clases de Paula, que nos ocupou no mes de decembro na nosa materia e que durante xaneiro abordaremos máis polo miúdo en cada un dos seus xéneros.

A Península Ibérica, espello dun mundo plurilingüe

Comezamos a andaina deste blogue, Lingua de Negueirós, retomando unha presentación que vimos nas aulas de 3º da ESO durante a primeira avaliación para achegármonos ao panorama lingüístico da Península Ibérica. Completamos este diaporama (do que só vimos as 8 primeiras diapos) cun traballo do alumnado do CPI Aurelio M. Rei García de Cuntis (3º ESO, curso 2007-2008), que profundizou algo máis nas linguas minorizadas do Estado Español, con permiso do do dariya e do tamazig, falados nas cidades autónomas africanas de Ceuta e Melilla.