Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Tedes algo que comunicar?

mércores, 30 de abril de 2014

Un ano máis a Concellaría de Xuventude do Concello de Soutomaior convoca o Concurso Literario Verbas para comunicar, que xa chega á súa sétima edición. Este certame ten como obxectivo impulsar a creatividade, a comunicación e a lingua galega entre a mocidade do municipio. O Equipo de Normalización Lingüística do colexio, xunto co Departamento de Lingua Galega e o profesorado do ámbito sociolingüístico, colaboran neste certame para celebrar o Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica ao poeta Xosé María Díaz Castro. Nos taboleiros das aulas da ESO tamén podedes consultar as bases do concurso, que coma sempre ten uns premios moi atractivos en cada unha das categorías (A, de 12 a 14 anos; e B, de 15 a 18):
  • 1º Premio: Tablet
  • 2º Premio: Libro electrónico
  • 3º Premio: Cámara fotográfica
  • 4º Premio: Marco dixital
  • 5º Premio: Impresora
  • 6º Premio: auriculares
As bases son moi flexibles e abertas para que todos e todas vós atopedes iso tan importante que queredes expresar. Os requisitos básicos son:
  1. A temática será libre tendo en conta que o obxectivo xeral é transmitir unha idea, unha opinión, un sentimento... que desexemos compartir con outras persoas.
  2. Estará redactado en galego e valorarase a corrección lingüística, así como a presentación adecuada e a orixinalidade do traballo.
  3. O texto non poderá superar as 12 liñas e presentarase en papel ou cartolina que non supere o tamaño A4. O formato é, polo tanto, tamén libre: prosa, poesía, unha mensaxe, unha carta, un artigo de opinión, etc.
Pensade nunha idea, tirade dela, dádelle forma, pensade nos materiais se ides debuxar ou ilustrar o texto e... non deixedes de consultar todas as dúbidas cos vosos profesores e profesoras e, xa sabedes
E non esquezades que o prazo remata o 9 de maio!

Unha ducia de lecturas para rematar o curso (1º ESO)

xoves, 10 de abril de 2014



Propostas a eito para a lectura da 3º avaliación (3º ESO)


Como poderedes ver na listaxe, tocamos todos os xéneros e temáticas variadas para encarar a derradeira lectura do curso. Picade, lede, probade e avante! Se algún ou algunha de vós quere escoller outro libro, ten que falar antes co profesor. Unha última observación: quen lea algunha das lecturas marcadas con asterisco ten que escoller un segundo título, xa que se trata de lecturas moi breves.

Narrativa
  • Ana Frank, O diario de Ana Frank, Kalandraka. Sinopse
  • Ledicia Costas, Corazón de Xúpiter, Edicións Xerais. Sinopse
  • * Eric-Emmanuel Schmitt, O señor Ibrahim e as flores do Corán, Faktoria K. Sinopse. Tráiler do filme.
  • Lienas, Gemma, O diario vermello de Carlota, Galaxia. Sinopse.
  • Rosa Aneiros, Ámote Leo A., Xerais. Sinopse
  • Séchu Sende, Made in Galiza, Galaxia. Sinopse
  • Süskind, Patrick, O perfume, Sotelo Blanco. Sinopse. Tráiler do filme.
  • Xurxo Borrazás, Criminal, Sotelo Blanco. Sinopse
Poesía
  • * Carlos Negro, Makinaria, Edicións Xerais. Sinopse
  • * Carlos Negro, Penúltimas tendencias, Edicións Xerais. Sinopse.
  • * Fran Alonso, Poetízate (antoloxía), Edicións Xerais. Sinopse
Banda Deseñada
  • * Cava e Segui, As serpes cegas, BD Banda. Sinopse.
  • * David Montero, Sen mirar atrás, Demo Editorial. Sinopse. Booktráiler.
  • Marjane Satrapi, Persépole, Rinoceronte Editora. Sinopse. Tráiler
  • * Paco Roca, Engurras, El Patito Editorial. Sinopse. Tráiler
  • Prado, Miguelanxo, Ardalén, El Patito Editorial. Sinopse. 
Teatro
  • * Castelao, Os vellos non deben de namorarse, Editorial Galaxia. Sinopse
  • * Manuel Núñez Singala, Comedia Bífida, Editorial Galaxia. Sinopse
GUIÓN DOS TRABALLOS
Tanto os traballos das lecturas obrigatorias como das optativas, se queredes ler un segundo libro, debe seguir este esquema que xa coñecedes de cursos anteriores:
  1. Ficha bibliográfica:
    1. Datos básicos: título, nome e apelidos do autor, colección, editorial, lugar e data de edición.
    2. Xénero literario: narrativa (novela ou libro de relatos), poesía, teatro.
    3. Subxénero literario (para a novela): novela de aventuras, ciencia-ficción, negra, histórica, terror…
  2. O/a autor/a: breve reseña da vida e, sobre todo,  da obra do autor ou autora.
  3. Argumento: non pode superar unha páxina de extensión. Débese ser sintético e sintetizar a obra sen entrar en detalles superficiais.
  4. Tema(s): sinalarase o tema principal diferenciándoo, ademais, dos temas secundarios.
  5. Personaxes: diferenciar entre principais e secundarios. Descrición dos protagonistas (aspecto físico, psicoloxía..).
  6. Tempo e espazo: hai que describir os espazos da obra e determinar a época na que ten lugar a acción.
  7. Valoración persoal: hai que emitir unha opinión argumentada sobre a lectura sinalando aquilo que máis/menos gustou, os seus puntos fortes/fracos, os personaxes máis atractivos e suxerentes, o que aprendeches coa súa lectura, etc. Débese facer unha especie de recomendación para outros/as lectores/as na que indiques a que tipo de lector pode gustarlle (segundo os temas e valores que trata, en relación a outras obras lidas ou películas vistas, etc.).

Repaso dos determinantes

domingo, 6 de abril de 2014

Lembrade que empregamos estas magníficas presentacións como repaso esquemático dos determinantes para complementar o libro de texto e que nos cinximos á descrición morfolóxica das diferentes clases de determinantes á que lle sumamos algunhas observacións de tipo semántico e sintáctico. O groso da análise sintáctica xa a estades facendo na materia de Lingua Castelá.

DETERMINANTES 1:  A ARTIGO, OS POSESIVOS E OS DEMOSTRATIVOS



DETERMINANTES 2:  OS NUMERAIS, OS INDEFINIDOS (CUANTIFICADORES) E OS INTERROGATIVOS