Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Resolución do Concurso Verbas para Comunicar 2016

luns, 16 de maio de 2016

O pasado venres celebrouse no Salón de Actos o acto de entrega dos premios acadados polo alumnado do noso colexio na IX edición Concurso Verbas para Comunicar, que organiza a Concellería de Xuventude de Soutomaior. Este ano presentáronse case 300 traballos entre os dous centros escolares de secundaria do municipio e, segundo confirmou o xurado, o veredito final foi ben difícil. 

Ao acto acudiron o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e mais a concelleira de Xuventude, Noelia Ocampo, que xunto co profesor Fernando Blanco tomaron a palabra para agradecerlle aos estudantes a alta participación e a calidade dos textos presentados no concurso e animaron a usar a lingua galega dentro e fóra das aulas, para expresar a súa creatividade e para empregar nas tarefas cotiás en todos os ámbitos da nosa vida. Ademais, ao finalizar a entrega de premios, na que todo o alumnado recibiu un agasallo do Concello, varios dos estudantes premiados foron entrevistadas pola Televisión de Soutomaior. Agardamos dispoñer en breve da gravación, así como das imaxes do fotógrafo do Concello, para partillalas con todos e todas vós.
 
O Deapartamento de Lingua Galega quere darvos os parabéns a todos os alumnos e alumnas participantes, así como ao concello por promover o uso da lingua galega no ámbito da creación literaria e a comunicación entre a mocidade.

Estes foron os textos premiados no noso centro escolar; non tedes máis que premer no título do texto para poder ler o traballo:

Categoría A (12 a 14 anos)

- 2º premio: Rime el Bahi, por Visión.
- 4º premio: María González Rodríguez, por Chámome Abugoh Abdala e teño 9 anos.
- 6º premio: Gabriel Alonso Martínez, por Por vós, esquecidos.

Categoría B (15 a 18 anos)

- 2º premio: Andrea Vilas Nieto, por Comunicar.
- 3º premio: Clara Álvarez Sobral, por Anacos, virutas e gretas.
- 6º premio: Aarón Tellería, por Microrrelato: Lembranza da infancia.

Reconciliádevos coa terra. Concurso de fotografía e ilustración Letras Galegas 2016 - Manuel María

mércores, 11 de maio de 2016


O ENDL e os Departamentos de Lingua Galega e Educación Plástica e Visual do CPI Manuel Padín Truiteiro convocan este certame artístico para o alumnado de Secundaria do noso centro de acordo coas seguintes BASES:

1. O concurso ten como finalidade asociar imaxes aos versos de invocación de elementos da paisaxe e a natureza de Manuel María, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

2. Baixo o lema “Reconciliádevos coa terra”, proponse ilustrar con debuxos ou fotografías a realidade natural propia, a que nos rodea, de xeito que a poesía de Manuel María se plasme na paisaxe de Soutomaior.

3. Cada participante poderá presentar unha ilustración e unha ou dúas fotografías baseadas nos versos do autor, que se poden escoller de entre a escolma de textos e as presentacións publicadas na páxina do colexio

4. Os traballos serán individuais e deberán cumprir as seguintes pautas:

a. Ilustración:
- De estilo libre, o traballo debe presentarse en tamaño A4 e montado cartolina.
- Os versos pode incluirse no debuxo ou no reverso.
- Os datos do participante (nome a apelidos e curso) deben anotarse no reverso.

b. Fotografía:
- A resolución da imaxe deberá ser mínimo de 300 píxeles/pulgadas.
- As fotografías poderán ser retocadas sempre que o fin sexa mellorar a súa calidade, brillo, contraste, luminosidade ou recorte. Non se permite engadir, eliminar ou mesturar varias fotos e/ou elementos que modifiquen a súa composición orixinal.
- As fotografías presentaranse en papel fotográfico, tamaño 18 cm x 24 cm.
- As fotos seleccionadas terán que ser enviadas posteriormente en formato jpg ao correo linguadenegueiros@gmail.com co asunto “Concurso Reconcialiádevos coa terra”.
- Cada fotografía deberá levar no reverso o nome e apelidos e curso do participante.

5. Estableceranse dúas categorías e dous premios por cada categoría:
- Categoría A: 1º e 2º da ESO.
- Categoría B: 3º e 4º da ESO.

6. Os orixinais entregaranse ao profesorado. Ademais do título da obra, terá que constar o nome e apelidos do autor/a e o curso ao que pertence. A data límite de recepción é o venres 27 de maio de 2016.

7. O xurado estará composto polos compoñentes dos equipos de EDLG, Lingua e Literatura Galegas e  EPeV, que valorarán a adecuación do texto á imaxe, a creatividade e a presentación dos traballos.

8. Os premios entregaranse durante un acto organizado ao efecto, de cuxa data informarase  oportunamente.

9. Cos traballos entregados  farase unha exposición e serán publicados na páxina web do centro e o blogue do Departamento de Lingua Galega.