Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Rematan os prazos dos concursos de relato curto e mensaxes de (des)amor

xoves, 25 de febreiro de 2016

Os prazos para a entrega dos textos dos concursos Lingua de namorar e II Certame de Relato Curto de FANPA van chegando á súa fin, así que bulide se queredes chegar a tempo. Lembremos os principios requisitos que debemos ter en conta para participar neles.

Lingua de Namorar 2016 (Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia)
  • A data límite é o domingo 28 de febreiro. 
  • Podedes participar na categoría A (de 14 a 19 anos). Hai unha categoría B para os maiores de 20 anos ata 35 anos.
  • As mensaxes de amor deben estar escritas en lingua galega e poden redactarse en verso ou prosa.
  • A súa extensión máxima será de 350 caracteres (cóntanse os espazos en branco e os signos de puntuación) e cada participante poderá enviar dous textos a través deste formulario dixital no que se piden tamén os seus datos persoais. Poden levar título (dentro dos 350 caracteres).
  • Valorarase o grao de elaboración da mensaxe, a súa orixinalidade e a calidade lingüística. 
  • Eliminaranse todas aquelas mensaxes de carácter discriminatorio e ofensivo.
  • Consultade as bases completas aquí: premios, sistema de participación e votación, etc.
IV Certame de Relato Curto (Federación de Asociacións de Nais e Pais decentros públicos de Pontevedra - FANPA)
  • A data límte é o luns 29 de febreiro.
  • Participades na categoría de Secundaria.
  • Os textos estarán escritos en lingua galega, deben ser inéditos e a temática é libre.
  • Os textos narrativos terán unha extensión mínima de 200 palabras e unha máxima de 300.
  • Os traballos deben estar asinados cun pseudónimo. Os relatos deben enviarse en formato DOC, DOCX e ODT, tipo de letra Times New Roman, tamaño 12 e interliñado 1'5. 
  • Os relatos que pasen á fase final serán publicados en libro colectivo e todos os autores e autoras finalistas recibirán un exemplar. A gala final celebrarase en Pontevedra no mes de maio.
  • Consultade as bases nesta páxina da FANPA.

A Escarlatina de Soutomaior

mércores, 17 de febreiro de 2016

Esta é a fermosa Escarlatina, a cociñeira defunta de Ledicia Costas, deseñada en goma eva polo alumno Diego Vidal (2º ESO C) para completar de maneira creativa o traballo da lectura do 1º trimestre.




Guión de traballo (actualizado) para as lecturas de 3º da ESO

xoves, 11 de febreiro de 2016

O curso avanza e con el profundizamos na análise dos elementos narrativos, por iso o guión de traballo sobre as lecturas é máis completo e esixente. Partindo das correccións dos traballo do 1º trimestre (presentación, contido e lingua) e do repaso da narración (libro de texto, fragmentos de textos analizados e desta presentación), así como do comentario do texto "Sabela" de Castelao, estes son os puntos que debe abordar o novo traballo:

  
APARTADOS DO TRABALLO
1. Ficha bibliográfica
  • Título, autor, editorial, colección, lugar e data de edición. Outros aspectos: ilustrador/a se ten e o/a tradutor/a, se foi traducida ao galego.
  • Debe incluír tamén o xénero (narrativa, poesía, teatro) e o subxénero (terro, aventuras, ciencia-ficción, misterio…) literario da obra.
2. Argumento: breve resumo da obra.
3. Tema(s): hai que identificar o tema principal en torno ao que xiran os acontecementos así como os temas secundarios. Non só hai que nomear, senón explicar brevemente.
4. Estrutura: indicarase de que partes de compón, se é lineal ou cronolóxica, circular, fragmentaria, etc.
5. Tempo (interno e externo) e espazo (real ou imaxinario, un simple escenario ou cunha función relevante na historia…).
6. Narrador(es) e punto de vista: cómpre poñer exemplos, xustificar.
7. Personaxes: é preciso describir os protagonistas indicando como son física e psicoloxicamente: como actúan, como evolúen ao longo da historia, etc. Finalmente, hai que identificar os personaxes secundarios e simplemente indicar que papel cumpren respecto da historia. Tamén s epode identificar o(s) protagonista(s) e o(s) antagonista(s).
8. Opinión persoal: hai que emitir unha opinión argumentada sobre a lectura sinalando aquilo que máis/menos gustou, os seus puntos fortes/fracos, os personaxes máis atractivos e suxerentes, o que aprendeches coa súa lectura, etc. Débese facer unha especie de recomendación para outros/as lectores/as na que indiques a que tipo de lector pode gustarlle (segundo os temas e valores que trata, en relación a outras obras lidas ou películas vistas, etc.).

E unha última parte.... CREATIVA, individual ou grupal, sobre a lectura: crear un cómic, un booktrailer, un mapa interactivo, unha representación ou performance, unha presentación sobre algún aspecto concreto, un clube de lectura, etc.

FORMA DO TRABALLO
A PORTADA
  • Debe figurar o título da obra e o nome e apelidos do/a escritor/a, así como do/a autor/a do traballo.
  • Pode incluír unha imaxe ou debuxo da portada do libro ou dalgún elemento relacionado coa lectura.
O TRABALLO 
  • Extensión: non debe pasar de 3 ou 4 folios, se é utilizado o ordenador, e algo máis se é feito a man. 
  • Presentación: coidada, atendendo especialmente á correcta expresión gramatical e ortográfica. 
  • Formato. Se o traballo se realiza cun programa de tratamento de textos no ordenador, presentará:
TÍTULO:
  • Fonte: Times New Roman ou Arial (14 ou 16)
  • Parágrafo : Centrado
TEXTO:
  • Fonte: Times New Roman ou Arial (12)
  • Parágrafo: Xustificado
  • Cada novo parágrafo comezará cunha sangría.
Fonte: Marlou.

Abrimos o Ano Castelao con 'Os vellos non deben de namorarse' en Pontevedra e visitamos a empresa Marfrío

mércores, 3 de febreiro de 2016

Imaxe: Sermos Galiza
O pasado venres 29 de xaneiro o alumnado de 3º da ESO do noso centro asistiu á representación da obra teatral Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, no VI Edificio do Museo de Pontevedra, grazas á colaboración da Deputación e do Concello de Rianxo, que abriron con esta montaxe os actos conmemorativos do Ano Castelao 2016, centenario da chegada do autor á cidade do Lérez e 75 aniversario da estrea da que foi a súa única obra teatral.

No auditorio do Museo tivemos a oportunidade de presenciar a estrea da versión para títeres dunha obra que, tras ser escrita polo autor rianxeiro no exilio de Nova York e ser representada por primeira vez en Bos Aires o 14 de agosto de 1941, se converteu na peza máis representada do teatro galego de todos os tempos. E tivemos a sorte de comprobar o bo oficio da compañía de monicreques Fantoches Baj cunha escenografía e un deseño dos títeres que seguen fielmente o traballo de Castelao. Podedes incluír a obra, que tedes na Biblioteca e en formato dixital, na listaxe de lectura deste curso.

Fotografía de Uxía Arias
A mañá non rematou para nós en Pontevedra senón que seguiu en Marín coa visita á factoría Marfrío, empresa que se atopa nas instalacións portuarias desta vila do Morrazo e que elabora produtos derivados do peixe e o marisco, especialmente luras e diversas variedades de pota, pescada, túnidos e gamba. A compañía, que tamén conta con fábricas en Portugal e Perú e cunha frota propia de barcos conxeladores, acumula 30 anos de experiencia no sector e chega ás 40.000 toneladas de vendas ao ano cun catálogo de produtos de máis de 60 referencias que se atopan no mercado coa marca propia ou con outras das grandes cadeas alimentarias. Trátase, pois, dunha das empresas líder en Europa na elaboración e comercialización de peixe conxelado.

Na visita guiada, o biólogo e xestor de calidade da empresa, Arturo Lado, mostrounos polo miúdo todas as etapas de elaboración dos produtos dende a recepción na factoría da materia prima pasando pola cadea de produción ata chegar á embalaxe. Moi interesantes e de utilidade para as aulas foron todas as explicacións relativas ás certificacións de calidade, as medidas de hixiene e seguridade alimentaria ou a conceptos como a trazabilidade. 

Agradecémoslles tanto a Laura Paredes, que xestionou a visita e nos deu a benvida, como a Arturo e ao persoal que estivo pendente en todo momento da nosa seguridade, a súa atención e amabilidade e que fixeran posible esta actividade tan didáctica e proveitosa.

Preme aquí para ver a galería de fotos na páxina do colexio.