Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

II Certame de Relato Curto. A toda máquina!

venres, 10 de maio de 2013


O EDLG do CPI M. Padín Truiteiro convoca o II Certame de Relato Curto coa finalidade de promover a creación literaria no alumnado e incentivar a creatividade en galego.
Bases para a ESO e para o profesorado
1. Participantes: alumnado de todos os niveis educativos do colexio que estean matriculados no presente curso 2012-2012. Profesorado dos tres niveis educativos.
2. Temática: os relatos han de ser orixinais, estarán redactados en lingua galega e versarán sobre a temática que centrou o XIV Salón do libro e Infantil e Xuvenil de Pontevedra, co que sempre colabora o EDLG:
Do latín machĭna, a Máquina é un conxunto de mecanismos formado de elementos móbiles ou fixos dispostos para aproveitar, dirixir, regular ou transformar enerxía, permitindo realizar distintos traballos.
Inventáronse para solucionar grandes retos: un guindastre ou unha escavadora son máquinas; pero tamén unha bicicleta, os foguetes espaciais ou un simple coitelo, un ordenador, as escaleiras mecánicas… : son inventos humanos que reducen o esforzo necesario para realizar un traballo.
A máquina como o aparato que move o mundo, como artefacto que fai realidade todo o que imaxinemos. Por exemplo: unha máquina para pintar, unha máquina para escribir contos, outra para facer chicles, unha máquina para facer cóxegas, unha máquina para volverse invisible, etc.
O ser humano como máquina, as máquinas e o movemento, o escritor como máquina de combinar palabras, a máquina do tempo, máquinas de música… invitámosvos pois a maquinar sobre as máquinas.
3. Categorías:
• ESO: 1º ciclo e 2º ciclo da ESO.
• Profesorado.
4. Extensión máxima: a extensión dos relatos non poderá superar as 300 palabras. Os textos poderán incluír ilustracións referidas ao contido do conto, que non computarán como páxinas do relato.
5. Presentación:
Os traballos entregaranse ao profesorado de Lingua Galega nun sobre, que terá que incluír pseudónimo pola súa parte externa. Deberán entregarse en tamaño folio DIN A4, tamaño 11, a espazo e medio, debidamente grampado ou encadernado. En cada traballo figurará o pseudónimo do autor ou autora. Os datos persoais (nome e apelidos e curso) incluiranse nun papeliño dobrado no interior do sobre. O xurado valorará unha coidada presentación dos traballos (limpeza, corrección lingüística, orixinalidade, etc.).
6. Prazo de entrega: a data límite é o luns, 27 de maio, inclusive.
7. Premios: entregaranse dous premios por categoría, consistentes nun lote de obsequios doados polo Concello de Soutomaior e o EDLG.
8. Xurado: estará constituído por cinco membros da Comunidade Escolar do CPI Manuel Padín Truiteiro que sexan compoñentes do EDLG ou persoas delegadas polo Equipo para esta función.
9. A resolución: darase a coñecer no mes de maio. O acto de entrega será fixado e publicitado nesas datas pola organización do certame.
10. Publicación: os relatos gañadores publicaranse nos sitios web do centro.