Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Xerais recolle a reseña de 'Lúa do Senegal' de Ainhoa e Antía

mércores, 7 de marzo de 2012

O blogue da Editorial Xerais fíxose eco da reseña que sobre Lúa do Senegal publicaron na nosa bitácora Ainhoa Soto e Antía Lorenzo, alumnas de 1º ESO B. Ademais, o seu autor, Agustín Fernández Paz, mandounos un correo moi especial e quixo partillar con nós unha curtametraxe, Binta e a grande idea, que nos vai achegar moito máis ao Senegal, a patria de Khoedi, a protagonista da súa novela.



Binta e a grande idea

Curtametraxe que pertence ao filme No mundo a cada intre. Rodado en Senegal coa axuda de UNICEF, conduce ol espectador ao mundo de Binta, unha nena de sete anos que pon en marcha unha obra de teatro infantil para mostrar o desexo da súa curmá de ir ao colexio.


"Lúa do Senegal", de Agustín Fernández Paz

xoves, 1 de marzo de 2012

Esta novela é un diario da vida de Khoedi, unha nena de once anos africana que ten que mudarse do Senegal a Vigo, unha cidade galega que descoñece totalmente.

En Zunquinchor, onde se atopaba a súa casa antes, vivía coa súa nai, a irmá pequena, Naima, e a súa avoa, que morreu pouco tempo antes de que viñeran vivir a Galicia. Múdanse por fin para estar co seu pai, ó que fai moito tempo que marchou para Vigo.

Khoedi significa "Lúa" en wolof, por iso lle conta todo o que lle pasa á lúa, a mesma que vía no Senegal, e dille que lle gusta saber que van sempre xuntas. A historia está contada por un narrador e pola nena, altérnanse.

Os primeiros días naquela nova casa, na nova cidade, recordaba con nostalxia a súa avoa Mamá Feriane e as historias que lle contaba. Historias que ela, cambiándoas, facéndoas súas, lle contaba a Naima, e a moitas persoas máis que vai coñecendo co tempo. Tamén bota de menos o seu pobo, os amigos, a casa… Co tempo, as cousas van mellorando, e coñece a moita xente nova. Tamén fai amigos, que están no colexio onde está matriculada.

A lectura deste libro de Agustín Fernández Paz pareceume moi interesante. Gustoume moito, sobre todo porque trata da historia dunha nena de color, unha historia que podería ser real, non é unha historia totalmente ficticia como outras que teño lido.

Ás veces identifícome con Khoedi, a protagonista, nalgúns momentos cando se sente diferente ás demais, e simplemente cando está contenta, ou fala das cousas que lle dicía a súa avoa ou a súa nai. Púxenme no seu lugar moitas veces durante a lectura, e iso fíxome darme conta de que aínda qee dúas persoas sexan diferentes por fóra, ou sexan de diferentes razas, pódense sentir de maneira similar ou igual ás veces.

O primeiro capítulo fíxome chorar, porque era o principio dunha nova vida para Khoedi e a súa familia. Cóntalle á Lúa, á mesma do Senegal, os seus primeiros días en Galicia. Chea de nostalxia, fala do que bota de menos da súa casa en Zinguinchor, da súa avoa e das historias que lle contaba… Aínda que é moi triste ás veces, é un libro moi bonito, sinceiramente, un dos mellores que lin. Encantoume.

Ainhoa Soto (1º B)


É un libro moi real, refirome a que mostra a situación actual do noso país cara á emigración. Este problema nós vémolo dende o noso punto de vista, pero este libro ábreche os ollos. Ves a emigración dende o punto de vista dos emigrantes, ves que non é tan fácil como parece chegar a un país novo, sen coñecer a lingua, a xente, nada... é como empezar dende cero.

Cando o rematei, quedeime con ganas de ler máis. A min gustaríame que escribisen unha segunda parte deste libro, xa que é moi bonito. A parte que menos me gusta de todas é na que aparece Mareime, a profesora de universidade senegalesa. Esa parte resúltame un pouco monótona e aburrida. Polo demais, o libro esta moi ben feito, redactado, etc. Gústame tamén a ilustradora deste libro, as imaxes son en cores apagadas, polo que transmiten tristeza e soidade, dous sentimentos que encaixan perfectamente coa historia.

Antía Lorenzo (1º B)