Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Xa está

martes, 21 de novembro de 2017

http://www.edu.xunta.gal/centros/cpimanuelpadin/?q=system/files/xa%20est%C3%A1%20web.pdfAsí titulou David Alján Lusquiños (3º ESO B) o relato co que acadou o 3º premio no I Concurso contra a Violencia de Xénero que convocou a Subdelegación de Goberno, ao que se presentaron máis de 500 traballos nas súas diferentes modalidades de relato e debuxo e nas diferentes categorías de idade. O galardón será entregado o vindeiro venres 24 de novembro, véspera do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, na sede de A fundación de Pontevedra. 

Dende aquí queremos darlle a noraboa a David pola calidade do seu texto e pola mensaxe social tan necesaria e contundente que transmite, e animalo a que siga cultivando e compartindo con nós a súa creatividade literaria, que xa foi recoñecida en anteriores ocasións noutros certames de ámbito local. E a todos e todas vós animámosvos a ler este relato e a traballar arreo para desterrar do noso contorno máis inmediato calquera manifestación, por moi sutil que sexa, de violencia contra as mulleres. 

Premendo aquí ou na imaxe podedes ver o relato de David. E se clicades nestoutra ligazón accederes á crónica da entrega de premios, que tivo lugar o pasado venres 24 de novembro en Pontevedra, e a outras actividades que se realizaron no centro con motivo do 25N.

Lingua de reis, lingua de pobo: sobre as orixes e o esplendor do idioma na Idade Media

mércores, 1 de novembro de 2017

Comeza un novo curso e nós emprendemos o noso camiño pola orixe da lingua galega. Ademais do libro de texto e doutros materiais vistos na aula, o capítulo 5 da serie Historias de Galicia aproximounos dun xeito ben divulgativo aos primeiros pasos da nova lingua romance nada no noroeste peninsular ("Lingua de reis, lingua de pobo", ata o min. 11'30'').



Este é o cuestionario-resumo relativo a este primeiro vídeo de apoio, que se corrixirá na vindeira sesión:
  1. Onde se gardan os Códices das Cantigas de Sta María?
  2. Quen foi Afonso X o Sabio? Por que escribiu en galego?
  3. Como naceu o galego? Con que outro idioma convivía? Quen falaba galego?
  4. Como se fixo a transformación do latín ao galego?
  5. Por que o século XI foi unha época de esplendor para Compostela?
  6. Cal era na Idade Media a lingua de prestixio?
  7. Que é o Cancioneiro de Ajuda?
  8. Que idioma desprazou ao latín na fala? E na escrita?
  9. Como se creou o reino de Portugal? Por que tivo tanta trascendencia para Galicia este feito histórico?
  10. Que ocorreu en Galicia a partir do século XV tanto a nivel político como cultural e literario?

Se tedes curiosidade, para coñecer máis polo miúdo a cultura castrexa é moi recomendable visionar El legado celta, un documental que repasa a singularidade da cultura ligada aos castros no noroeste peninsular dende a época megalítica ata a romanización. 

Tarefa: redactar e enviar un correo electrónico (3º ESO)

domingo, 22 de outubro de 2017

A tarefa consiste na redacción e envío dun correo electrónico que cada un/unha de vós ten que escribirlle ao profesor (linguadenegueiros@gmail.com) para solicitarlle a seguinte información (cando menos, debedes tratar 2 dos seguintes 3 puntos): 
  • Listaxe de lecturas e traballo: guión, exemplos de cursos anteriores, ligazóns onde consultar estes materiais, propoñer un título de escolla propia, interesarse polo Clube de Lectura e a 1ª obra escollida (Os nenos da variola), etc.
  • Datas de exames e da entrega de traballos.
  • Material complementario do Tema 1: recursos, apuntamentos... 
Lembrade que debedes escoller a variedade lingüística e o rexistro (formal ou informal) apropiados para esta situación comunicativa en función dos factores que determinan a adecuación textual (páxina 28 e fichas con apuntamentos e exercicios): intención, tema, destinatario e soporte. A extensión non debe superar as 200 palabras. Tedes algúns modelos sobre a estrutura e a redacción de cartas (e a partir de aí adaptades a un correo) en:
  • Carta formal: se prescindidesdos enderezos que encabezan unha carta, este exemplo é moi completo xa que se clicades nos globiños amarelos accedes a consellos moi útiles para a redacción.
  • Máis modelos de cartas (formais e informais, con indicacións ben intersantes) nesta unidade didáctica dos cursos CELGA.
O profesor responderá coa información solicitada e asignará uns exercicios ou unha tarefa individuais para completar os contidos da historia da lingua do Tema 1. Se alguén prefire facelo en parella, debe expresalo no correo (cada alumno no seu).

A data límite para o envío deste correo é o luns 30 de outubro.

Multiplicámonos, como animais?

luns, 25 de setembro de 2017

Esta é a intervención de Jorge Mira, Catedrático de Electromagnetismo e Director do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, no encontro TEDxGalicia 2012 que empregamos na proba de comprensión oral da avaliación inicial.

Aquí queda para que poidades escoitala con máis atención e máis calidade de son que a que tivemos nalgún dos grupos.


As primeiras lecturas para este outono

domingo, 24 de setembro de 2017


Estas son as dúas primeiras lecturas que nos van acompañar neste curso, obras de autores consagrados da literatura galega que agardamos que vos gusten. De momento, procurade os libros nas bibliotecas e librarías e ide lendo, que as follas do almanaque do outono axiña caen.

1º ESO

Francisco Castro, Chamádeme Simbad, Galaxia: col. Costa Oeste, 2009.

O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro. As cadeiras son barcos e os piratas rodéanos por todas partes. E hai filibusteiros inimigos alí onde mires. Os adultos, coa súa mirada de adultos, non poden entender nada. Pero Paulo si que comprende o avó. Porque é un neno con mirada de neno. El é o único que o entende. El é o único que, cando as cousas se poñan feas, vai saber como actuar. Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.
 
2º ESO

Agustín Fernández Paz, Aire negro, Xerais: col. Fóra de Xogo, 2000.
 
Cando o doutor Vítor Moldes comeza a traballar na clínica psiquiátrica Beira Verde, ten como primeira paciente a Laura Novo, unha muller coa memoria borrada, que ocupa as horas do día en escribir de xeito compulsivo o seu nome, aferrada a el coma se fose o único resto dalgún naufraxio emocional. Mediante unha terapia innovadora, o doutor consigue que a paciente abandone a súa prisión interior e comece a lembrar o seu pasado.«Escríbao todo, reviva outra vez o que pasou. Escriba o que non é capaz de expresar con palabras en voz alta. Así irán collendo sentido as lembranzas que agora permanecen enmarañadas na súa memoria.» O doutor conseguirá que Laura rememore todo o que lle sucedeu nos meses anteriores, cando unha escura sombra parecía ameazar a súa vida. Ningún dos dous podía imaxinar que lle estaban abrindo a porta a unha realidade terrible, ao esqueceren que por baixo da tranquilizadora superficie da vida os terrores máis fondos agardan a ocasión propicia para destruírnos.
 

Unha ducia de lecturas para comezar o curso en 3º ESO

Ilustración de Leandro Lamas
Arrincamos o novo curso cunha ducia de propostas lectoras, que pode medrar en función das vosas preferencias se así llo comunicades ao profesor. De momento, aquí tedes a listaxe e a proposta de traballo, que analizaremos na aula con máis calma (algúns libros teñen guións de traballo propios).
  • Teresa Moure, Unha primavera para Aldara, Xerais, col. Fóra de Xogo, 2009. Sinopse. Entrevista á autora (SonCine, IES de Porto do Son).
  • Rosa Aneiros, Ámote Leo A. I. Destino Xalundes, Xerais, 2013. Sinopse. Booktráiler.
  • David Pérez Iglesias, Todo o tempo do mundo, Xerais, col. Merlín, 2016. Sinopse. Presentación (Clube de Lectura O Xograr Lector do IES Xograr Afonso de Sarria).
  • Pere Tobaruela, O códice do Santo Lugar, Xerais, col, Fóra de Xogo, 2013. Sinopse.
  • Carlos Vila Sexto, As sete mortes, Galaxia, col. Costa Oeste, 2009. Sinopse. Reseña da ex-alumna Miriam Pérez Reguera.
  • Xesús Fraga, Reo, Galaxia, col. Costa Oeste, 2013. Sinopse. Booktráiler.
  • Jackeline Kelly, A evolución de Calpurnia Tate, Kalandraka, col. Faktoría K de Libros, 2013. Sinopse. Primeiro capítulo.
  • Fernando Cimadevila, O mundo secreto de Basilius Hoffman. O ladrón de soños, Urco Editora, 2011. Booktráiler. Sinopse.
  • Satrapi, Marjane, Persépole, Rinoceronte Editora, 2011. Tráiler da película. Sinopse
  • Andrea  Maceiras, Nubes de evolución, Xerais, col. Fóra de Xogo, 2013. Sinopse.  
  • Care Santos, Mentira, Rodeira, 2015. Sinopse.
  • Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego,  Galaxia (1ª ed. 1961). Reseña da ex-alumna Carmen García Obelleiro.
Engadimos dous novos títulos a esta listaxe que agardamos que vos gusten:

DATA LÍMITE PARA A ENTREGA DO TRABALLO: 

Venres, 10 de novembro de 2017.

Verbas para comunicar... un curso máis!!!

xoves, 1 de xuño de 2017

Este ano o concurso Verbas para Comunicar que convoca a Concellaría de Xuventude de Soutomaior cumpría 10 anos, de aí que as súas bases incluísen unha nova modalidade orientada ao audiovisual con posibilidade de participación individual e grupal. Ademais, a entrega de premios reuniu por vez primeira todo o alumnado de Secundaria e Bacharelato do noso centro e do Colexio Santiago Apóstolo nun acto que tivo lugar o pasado venres 19 de maio no Pavillón da Montesiña (galería de fotos).


Un ano máis tamén dámoslles os nosos parabéns a todos os alumnos e alumnas que participaron no concurso, felicitamos o Concello pola súa organización e, para rematar, destacamos e colgamos os textos premiados do noso alumnado:

Categoría A, de 12 a 14 anos. Redacción
Categoría B, de 15 a 20 anos. Redacción
Categoría B, de 15 a 20 anos. Audiovisual
  • 1º premio: Sara Buceta, por "Eu son".

"Xiros de luz", relato de Olalla Castrillo premiado no V Certame de Relato Curto FANPA

mércores, 31 de maio de 2017

Imaxe: Kalandraka
A alumna Olalla Castrillo Sánchez (4º ESO A) gañou co relato "Xiros de luz" o V Certame de Relato Curto que organiza a Federación Provincial de ANPAS de centros públicos na categoría reservada ao alumnado de Educación Secundaria. O relato de Olalla, que xa fora finalista en anteriores edicións, xa aparece xunto cos 120 traballos finalistas, dun total de máis de 800 textos, nun libro conmemorativo publicado pola Editorial Kalandraka e distribuído na gala que se celebrou onte no Pazo da Cultura de Pontevedra e que tivo como padriño o escritor Xabier P. Docampo.

Imaxe: Kalandraka
Ademais, como gañadora dunha das cinco categorías, recibiu un vale de 200€ do Concello de Pontevedra, un lote de libros de Kalandraka, un xogo doado pola FANPA e unha lámina autenticada polo ilustrador Xosé Cobas. Así mesmo, participará nun obradoiro de creación literaria que impartirá no mes de xuño a escola de escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Recomendamos vivamente a lectura do seu relato e agardamos que Olalla, que remata os seus estudos no noso centro, siga a deleitarnos no futuro coas súas creacións literarias. Noraboa!

Xiros de luz

Ela soa no escenario. Aquela bailarina encandeaba o público con cada paso que daba. Tan grácil, tan delicada, que parecía deterse a cada segundo. Pero non. Alí seguía executando maxestosos pasos que deixaban o espectador ensimesmado, hipnotizado, coa boca aberta.
 
Ao principio parecera tímida, mais logo lograra una desenvoltura cada vez maior. Agora, o escenario de madeira parecía tremer baixo os seus pés con eses saltos, voltas e reviravoltas, deslizándose desde o chan e elevándose no aire, con eses xiros hipnóticos e eses xogos de luces e sombras que realzaban a súa beleza, combinando pasos suaves con enérxicos saltos, de maneira que cando semellaba desaparecer, xurdía de novo, coma se do ave Fénix se tratara.
 
Pero todo o que empeza ten que rematar e a danzarina foi perdendo folgos e decaendo. Con toda a enerxía que mostrara un intre atrás resultaba difícil crer que murchase tan pronto e, tras un pequeno intento de rexurdir, a súa enerxía esgotouse. Todo o que quedou dela foi un tronco carbonizado na cheminea que antes fora o seu escenario.
 
Ao ver isto, o home que contemplaba o tronco arder fixo prender de novo a diminuta faísca que quedaba entre as cinzas e o lume volveu danzar, primeiro timidamente, logo con brío, enfeitizando o seu espectador coas súas máxicas piruetas.

O certame 'Verbas para comunicar' cumpre 10 anos

venres, 7 de abril de 2017

A Concellaría de Xuventude do Concello de Soutomaior convocou unha edición moi especial do concurso Verbas para comunicar, a décima!!! Si, van alá nada máis e nada menos que 10 anos dun certame que naceu para promover a creatividade literaria na mocidade e fomentar o uso da lingua galega. Para festexalo, o Verbas deste ano incorpora novas modalidades (audiovisual) e fórmulas de participación (en grupo), que pasamos a resumir deseguido.

Modalidade redacción
1.- A temática será libre tendo en conta que o obxectivo xeral é transmitir unha idea, unha opinión, un sentimento... que desexemos compartir con outras persoas.
2.- Estará redactado en galego e valorarase a corrección lingüística, así como a presentación adecuada e a orixinalidade do traballo.
3.- O texto non poderá superar as 12 liñas e presentarase en papel ou cartolina que non supere o tamaño A4. O formato é, polo tanto, tamén libre: prosa, poesía, unha mensaxe, unha carta, etc.
4.- A participación é individual.

Modalidade audiovisual
1.- Elaboración dun vídeo (curta) ou un audio (tema musical) cunha duración máxima de 5 minutos.
2.- Pode presentarse de maneira individual ou grupal (máximo 3 persoas).
3.- O traballo audiovisual pode gravarse con móbil ou cámara e entregarase nunha memoria USB.
4.- O traballo audiovisual terá que conter texto en lingua galega, escrito ou verbal, e por suposto orixinal.

Categorías: 
  • Categoría A: de 12 a 14 anos.
  • Categoría B: de 15 a 20 anos.
O prazo de presentación remata o 28 de abril ás 20:30h. Podedes consultar aquí as bases completas do certame., tamén os premios, que como todos os anos son moi atractivos. 

Non deixedes de consultar as vosas dúbidas co profesorado de Lingua e a OMIX do Concello, e -tendo en conta as novas modalidades do concurso- botade man dos coñecementos e os consellos, sobre todo, dos vosos profesores e profesoras de Plástica, Música e Tecnoloxía.

De lectura con Ledicia Costas

mércores, 5 de abril de 2017

O alumnado de 1º e 2º da ESO teredes a oportunidade de seguir lendo a obra dunha autora que xa coñecedes moi ben, Ledicia Costas, pois títulos como Escarlatina, a cociñeira defunta ou Unha estrela no vento xa vos cativaron non hai moito tempo. 

En 1º da ESO a lectura do último trimestre do curso é Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, unha historia que arranca cando o afamado novelista chega o 21 de maio de 1884 a Vigo a bordo do seu impoñente iate atrás da pista das misteriosas mulleres planta. Se premedes aquí, poderedes escoitar como se xestou esta novela da boca da autora no programa Zig Zag da TVG. 

En 2º da ESO o título escollido é O corazón de Xúpiter, que relata a vida dunha moza, Isla, dende que os seus pais deciden mudar de cidade. Alí, mentres se vai adaptando ao novo instituto, segue a dar os seus paseos polo espazo, avistando planetas a través do telescopio, mergullada no ventre do universo. Casiopea, o nome da tartaruga máxica de Momo, era o nick que empregaba nos foros sobre astronomía nos que participaba adoito. Alí coñeceu a Xúpiter, alguén que semellaba saber moito de estrelas.

O alumnado de 4º da ESO do IES Castro Alobre de Vilagarcía realizou este booktráiler da novela para convidarvos a lela.

Lendo a Agustín Fernández Paz no CPI Manuel Padín Truiteiro

luns, 13 de febreiro de 2017

O noso centro sumouse á inciativa 21 Días co Galego que desenvolve o Equipo de Normalización Lingüística do IES da Pobra do Caramñal. Este proxecto, Premio en Innovación en Dinamización Lingüística 2015, ten como finalidade acadar unha mellor conciencia lingüística a través de diferentes actividades que levan o galego a situacións e espazos no que a rapazada non está acostumada a utilizalo. Nesta edición, dende o IES da Pobra marcáronlle ao seu alumnado diferentes retos diarios e tamén pediron a colaboración a outros centros escolares para se sumar á homenaxe a Agustín Fernández Paz, falecido neste pasado verán, cunha lectura colectiva da súa obra.

A profesora Lucía Somoza Rei e Iria Vázquez Puentes, alumna de 4º ESO B, participaron na homenaxe coa reseña e a lectura da novela Corredores de sombra, mesmo gravando diversas escenas no Castelo de Soutomaior. Esperamos que vos guste esta invitación á lectura dun dos grandes referentes internacionais da nosa literatura infantil e xuvenil.


Nova actualización da listaxe de lecturas de 4º da ESO

mércores, 25 de xaneiro de 2017


Incorporamos á listaxe de lecturas do 2º trimestre de 4º da ESO os títulos que foron comentados na aula e que xa podedes atopar na biblioteca. Trátase de:

Narrativa / Novela: 
Novela gráfica:
  • Joe Sacco, Gorazde, zona segura, Rinoceronte Editora: 2013. Sinopse
Ademais, quen xa leu a primeira entrega da triloxía do Baztán de Dolores Redondo pódese animar coa segunda e a terceira entregas:
  • Legado nos ósos, Xerais: 2013. Sinopse
  • Ofrenda á tormenta, Xerais: 2014. Sinopse.
Lembrade que todos aqueles títulos que non teñan un cuestionario propio para facer o traballo, seguen o guión común que vimos utilizando dende o curso pasado, aínda que agora podedes probar a enfocalos dun modo máis creativo e persoal.