Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Galego, lingua de namorar

venres, 27 de abril de 2012


A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia vén de convocar o concurso Lingua de namorarun concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos. Coa vista posta no 17 de maio, Día das Letras Galegas e da Internet, o obxectivo principal deste certame é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.
O concurso consiste en enviar unha mensaxe de amor, dun máximo de 350 caracteres, que poderá redactarse en prosa ou en verso. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.
O prazo para enviar as mensaxes permanecerá aberto até o 17 de maio e para participar é preciso cubrir este formulario de inscrición. As mensaxes irán aparecendo na páxina do concurso e a partir do 18 de maio os usuarios e usuarias poderán votar polas súas mensaxes favoritas até o 25 de maio. 
Poderedes participar na categoría A, reservada aos rapaces e rapazas de 14 a 19 anos, e acceder aos seguintes premios, que non están nada mal:
    • 1º Un computador netbook
    • 2º Unha consola Wii
    • 3º Unha cámara de fotos dixital

A descrición

domingo, 22 de abril de 2012

Lingua padrón e variantes lingüísticas

mércores, 18 de abril de 2012

'O mundo secreto de Basilius Hoffman", de Fernando Cimadevila

martes, 17 de abril de 2012

O mundo secreto de Basilius Hoffman
Autor: Ivan Valladares
Ilustrador: Fernando Cimadevila
Urco Editora, Galiza, 2011


Todo comeza cando a Peter lle intentan roubar os seus soños mentres dorme na casa do seu tío Basilius. A partir de entón descubrirá un mundo que xamais imaxinou, cheo de estrañas criaturas. Basilius e Peter acudirán á cidade dos tellados en busca de Rivka. Esta explícalles que unha antiga raza de felinos controlados polo Gran Mestre pretenden dominar a Terra roubándolle os soños aos nenos, xa que só eles conservan a imaxinación e a fantasía.

O Gran Mestre pretende resucitar a deusa Baset, convertida en Sejmet pola ira que lle provocaron os humanos. Basilius e Peter intentarán impedirllo por todos os medios. Grazas ao sacrificio de Rivka calmouse a ira de Baset e o Gran Mestre non consegue o seu propósito quedando convertido nun gato exipcio. Rivka é resucitada por Baset, a súa nai, e levada con ela ao mundo dos deuses. Finalmente, Peter queda a vivir co se tío Basilius que se encargará da súa educación.

Cada un dos capítulos que compoñen esta novela van precedidos de fermosas ilustracións de Iván Valladares e citas de autores famosos, ademais de descricións de diversos obxectos e aparellos importantes, o bastón de mando, o Argestes...

Gocei moito coa lectura deste libro, pola súa temática recordoume a outras historias como Harry Potter ou O Señor dos Aneis, mesmo penso que se podería facer unha película co seu argumento. Pareceume, nalgúns momentos, bastante complicado de entender e tiven que estar moi atenta para comprender ben toda a historia. O meu personaxe favorito é o de Rivka, xa que me encantan os gatos, co se temperamento independente e libre, de feito eran venerados no antigo Exipto.

Estou de acordo con que os humanos estamos a destruír o mundo que nos tocou vivir. Nalgúns momentos penso que os animais saberían gobernar o mundo mellor que os humanos, xa que eles respectan a natureza e nunca lle farían dano. Por outra parte paréceme estraña a actitude dos pais de Peter, xa que a penas se ocupan del e só se limitan a pagarlle un colexio caro. Alégrome de que finalmente fique co seu tío Basilius e de que se sinta feliz. Penso que a historia continuará noutros libros e espero poder lelos moi cedo.

Alexia Ortega Seoane (1º ESO C)

Novo dicionario de galego en liña

luns, 16 de abril de 2012


A Real Academia da Lingua presentou por fin a súa nova páxina web, unha nova fiestra de grande utilidade para achegarse á nosa cultura que permite o acceso aos amplos fondos documentais da institución, creada en 1906, así como publicacións propias, revistas e artigos sobre cultura e lingua e a actualidade da propia Academia.
Destaca, con todo, a agardada versión eliña do Dicionario da RAG, que conta con 50.000 entradas, ademais da súa pronuncia, as propiedades gramaticais, os sinónimos e antónimos, o rexistro e outros datos de utilidade para o uso correcto do idioma.
Este recurso, que o presidente da RAG Xosé Luís Méndez Ferrín valorou como un "tesouro" da institución, tamén está dispoñíbel na sección de "Ferramentas" que podedes ver na marxe dereita do blogue.

Quen quere ser normal?

domingo, 15 de abril de 2012

Ao noso redor vive xente extraordinaria, persoas con superpoderes que os demais non posuímos, non entendemos e mesmo rexeitamos. Max e Noe, os protagonistas da curtametraxe de Martín Fiallega que vimos na aula, son dúas desas persoas, que se enfrontan á incomprensión da sociedade á súa maneira e que alimentan o seu amor nesa "a-normalidade", a do Síndrome de Tourettes.

Esta síndrome é un trastorno neurolóxico do que se descoñece a orixe pero sábese que consiste en determinadas anormalidades que se dan en diversas rexións do cerebro, nos circuítos que conectan esas rexións e nos neurotransmisores que permiten a conexión entre as célulsas nerviosas. O síntoma máis evidente é a existencia de tics nas persoas que a padecen mais os trastornos poden ser variados: movementos e sons vocais involuntarios e repetidos, déficit de atención, problemas no sono, etc. e mesmo a emisión involuntaria de palabras e frases inapropiadas e soeces, é o que se chama coprolalia. No documental "Gente Extraordinaria: tu mente es tu enemiga", emitido por Cuatro, podedes coñecer os casos de Gilliam ou Andrew, entre outras persoas.

Esta curtametraxe foi realizada por Canle 4, o Ciclo de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos do Centro de Formación Profesional A Farixa de Ourense baixo a dirección de Martín Fiallega. No curso pasado foi o traballo máis valorado polos miles de alumnos e alumnas que participaron na "Semana das Curtas" organizada pola Coordinadora Galega de ENDL.

Xa sabedes, logo do seu pase nas aulas, agora sodes vós os que tedes que facer unha valoración da curtametraxe, unha breve reseña na que opinedes sobre este traballo... e non vos esquezades da música: "Para che falar de amor", tema de Ataque Escampe, no que versionan unha canción de Andrés Dobarro; e "Afundido no lixo", de Skacha.