Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

A descrición (2º ESO): materiais de apoio para a actividade

martes, 26 de marzo de 2013

Estes son os materiais que presentamos na aula como apoio a actividade que tedes que facer por grupos durante estas vacacións. Lembrade que, para facer ese retrato, tan importante como a escolla dun léxico adecuado e variado e a inclusión dalgún que outro recurso retórico (unha comparación, unha metáfora, etc.) é a orde que siga a nosa descrición. Por suposto, antes de máis nada, hai que observar con detemento a persoa que imos describir, anotar todas aqueles trazos físicos, psicolóxicos, gustos e intereses, etc. que a caracterizan e, finalmente, redactar un borrador. Repito: un borrador, que será revisado, corrixido e mellorado antes de facer a descrición definitiva.

Ah, e non empregades máis de 4 veces os verbos SER e TER!


O texto argumentativo I (4º ESO): a violencia gratuíta na mocidade

luns, 25 de marzo de 2013

Tras a análise de diversos textos argumentativos nas aulas, é o momento de elaborar os nosos propios textos, que deben responder a unha serie de requisitos básicos:
  1. A intención comunicativa: persuadir/convencer o lector. Ademais, para o tema proposto non está de máis a inclusión de información (se consultades diversas fontes sobre este fenómeno) e a estrita valoración crítica da curtametraxe vista na clase. 
  2. A estrutura: todo texto debe presentar unha estrutura lóxica e ordenada, neste caso, presentación ou introdución; desenvolvemento (exposición e argumentación); e conclusión.
  3. Os argumentos: non esquezades que debedes defender a vosa TESE, ou posicionamento, sobre este tema, a través de argumentos de diferente natureza (datos obxectivos, citas de autoridade, exemplificacións, comparacións, frases feitas e refráns, etc.).
  4. As fontes: se profundizades no tema e procurades máis información e casos semellantes (na reportaxe cítanse varios) debedes indicar as publicacións e os sitios web consultados ao final do voso traballo.
Disque hai outros mundos pero están neste, si, e non fixo falta ir moi lonxe para ver que aquí ao lado, en Pontevedra, xa se deron casos semellantes (noticias unha e dúas) sobre a chamada violencia gratuíta denunciada na curtametraxe X Nada. Podedes consultar a reportaxe de Diego Baquera na que está baseada esta historia, a que rachou a vida de Leo.

A linguaxe publicitaria II

mércores, 20 de marzo de 2013

É a quenda agora da nosa primeira aproximación aos anuncios audiovisuais, que achegan elementos como a música e outros paraverbais (volume, pausas, entoación...) que requerirán a nosa atención ao aplicarmos o esquema que estamos empregando para a análise da lingua publicitaria. 

Lembrade que tedes que comentar un dos seguintes anuncios na próxima clase do venres. Imos alá:

1. Apréndeo (TVG). Coa rapeira viguesa AidVersión estendida do vídeo.



2. Cámbiache o conto (R Telecomunicacións).



3. Galicia, si é única (Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galiza). Voz de Luís Tosar.



4. Armadiña Rock 2010. SD Combarro & Concello de Poio.



5. Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego (Coordinadora Galega de ENDL). Con Martiño Rivas, María Castro, Susana Seivane, Belén Regueira, Antón Reixa e Luís Tosar.



6. Vivamos como galegos! (Gadis)

Os textos argumentativos I (2º ESO): comentamos unha película

sábado, 16 de marzo de 2013

Nas aulas sempre vos andamos a pedir opinión e que fagades valoracións de todo tipo: sobre unha lectura, sobre os vosos gustos, sobre temas de actualidade... E facémolo os profes de lingua galega e castelá, a mestra de Cidadanía, nas titorías, en Ciencias Sociais... Vamos, continuamente!!! E fóra do colexio? Pois máis do mesmo: na casa, cos colegas para decidir que facer, no equipo de fútbol, na escola de patinaxe... até diante das lambetadas no quiosco ou na pastelería para escoller o que máis nos gusta... É que nos gusta de todo!!!

Si, dende logo, estamos continuamente dando a nosa opinión, ás veces en conversas informais e outras en contextos máis "serios". é dicir, que sempre estamos argumentando: "porque nos gusta isto, porque non nos gusta o outro, eu prefiro o de máis alá porque...". En definitiva, estamos construíndo textos argumentativos (orais ou escritos). Si, si, ese é o palabro: argumentar. E aínda que ás veces nos parece un "rollo" argumentar, ben que non che nos gusta cando a nosa nai non argumenta. E aí é cando, como Mafalda, damos os mellores dos nosos argumentos.


Antes de comezar con esquemas, teorías, estruturas... ufff!, imos opinar. E imos facelo sobre as pelis ou curtas que visionamos na aula. Non precisamos, de momento, modelo. Tan só pensade que se imos ao cinema, e imos gastar 7 ou 8 euros, si que pensamos ben que pelis imos ver. Para iso, fiámonos do que nos contan as persoas que foron vela, ou do que vemos na TV e na rede ou lemos nunha revista, porque nos gustan os seus actores e actrices, a temática...

Tócavos a vós e tan só hai tres regras: que traballedes o texto en serio, que vos expresedes con corrección e que o presentedes como debe ser (puntuación, orde, estrutura...). Os dous traballos propostos xiran arredor da violencia gratuíta... e moito máis. 


Elephant (2003) é unha película de Gus Van Sant, un filme case documental que ofrece unha reconstrución da matanza levada a cabo por uns adolescentes na escola secundaria de Columbine da localidade americana de Littleton (Colorado)  en 1999. A fita conseguiu a Palma de Ouro en Cannes á mellor película e ao mellor director.


X Nada é unha multipremiada curtamteraxe galega dirixida por Toni Veiga e Dani de la Torre e rodada no ano 2010. É un alegato en contra do acoso e a violencia entre a mocidade, ao igual que Elephant, está baseada en feitos reais. Neste caso, son catro mozos que exercen a súa violencia gratuía sobre o resto da sociedade e, aínda que nos pode parecer que ese tipo de comportamentos son esporádicos e pasan lonxe de nós, a realidade é máis terca: mirade senón o que se sospeita que pasou, e pasa, en Pontevedra.

A linguaxe publicitaria I: análise dun anuncio

Antes de coñecer máis polo miúdo as claves da linguaxe publicitaria (uso de recursos lingüísticos, de imaxes, música, etc.) imos comezar, tal e como fixemos co texto argumentativo (a publicidade non deixa de ser un tipo de texto argumentativo), por facer unha primeira posta en común das nosas impresións e coñecementos previos coa análise dun anuncio. 

Escollemos un anuncio que apareceu inserido na prensa e en revistas no ano 2009 e que provocou, como moitas outras campañas publicitarias desta firma de moda italiana, unha grande polémica.


Lembrade que debemos aplicar o esquema de análise da páxina 67 do libro de texto, que se reproduce a seguir:

ANÁLISE DUN ANUNCIO PUBLICITARIO

1. DATOS XERAIS: produto que se anuncia (nome e tipo).
  • Medio(s) en que aparece
  • Público ao que se dirixe
2. AS IMAXES: descrición da realidade representada (personaxes, obxectos, escenario, accións, cores...).
  • Valores que asociamos a elas.
  • Que relación teñen co produto anunciado?

3. OS TEXTOS: tipo de texto (descrición, diálogo, argumentativo...).
  • Existe slogan? Se é así, cal é?
  • Recursos lingüísticos que se empregan no slogan.
  • Función que teñen os textos no conxunto do anuncio.

4. MÚSICA: é música só ou trátase dunha canción?
  • Se é unha canción, que di a letra?
  • Que emocións ou sentimentos nos suxire?

5. SÍNTESE: necesidades que realmente cobre.
  • Con que motivacións xoga, a que necesidades profundas se asocia?
  • Consegue o efecto pretendido?

'As sete mortes', de Carlos Vila Sexto

mércores, 13 de marzo de 2013


Varona inclinouse sobre o cadáver e apartou a saba. Laura quedou paralizada. Soubo de inmediato que aquel caso non ía facer máis que complicarlle a vida...

Un relato fascinante que combina crime, esoterismo e misterio. Para quedar atrapados ata a última páxina... polo inevitable.

Así se anuncia As sete mortes, a novela de Carlos Vila Sexto que Miriam Pérez Reguera (4º ESO A) vos convida a ler: 

As sete mortes gustoume moito porque é a miña clase de libros favorita xa que ten moito misterio e o protagonista ten que ir buscando as pistas que o levan a desvelar o seu pasado. Foime sinxelo de ler xa que me enganchou dende o primeiro capítulo e, ademais, o autor utiliza unha linguaxe sinxela e fácil de entender aínda que nalgunhas ocasións tiven que reler a historia porque me perdía.

Noutras ocasións púxenme bastante nerviosa, por exemplo cando a sombra se fai pasar por Fiz e mata a Ánxela, ou cando Varona tenta matar a Natalia e a Xacobe no monte de Santa Tegra. O final tamén me sorprendeu moito porque non me esperaba a morte de Xacobe. Deume moita pena pero gustoume o xiro inesperado que lle deu o autor xa que dende o principio parecía que o elixido era Xacobe, pero non era así, a elixida era Natalia. En cambio, non entendín moi ben porque o autor tenta por a Laura coma protagonista se case non aparece na historia e ao final morre asasinada por Varona.

Por outra banda, a historia transcorre en varios dos lugares históricos de Galicia, como a muralla de Lugo, o monte de Santa Tegra e a Torre de Hércules. Isto fixo que puidera imaxinar mellor cada escena xa que coñecía todos os lugares. Grazas ao libro tamén coñecín a lenda de Breogán e Ith, que me resultou moi entretida e interesante. 

Definitivamente, recomendo o libro para as persoas ás que lles guste o misterio e as lendas celtas, aínda que penso que a calquera persoa lle gustaría moito xa que é unha lectura entretida e chea de segredos que fan que un se enganche con facilidade ao querer saber que é o que esconde cada un dos personaxes.

Por último, un detalle que me chamou a atención foi que cada inmortal tiña un símbolo e o de Mateo era un tríscele, o meu símbolo favorito e que curiosamente o levo sempre nunha pulseira de coiro dende os dez anos.

'O único que queda é o amor', de Agustín Fernández Paz

luns, 11 de marzo de 2013


O único que queda é o amor
Agustín Fernández Paz
Xerais: Vigo, 2007

Este libro gustoume, xa que fala dun tema como é o amor que ás rapazas normalmente nos gusta. Fálase do amor en todas as súas variantes, e é probable que te poidas sentir identificado con algún destes relatos, iso sempre axuda a estusiasmarte polo libro. Pareceume un bonito detalle que o escritor, Agustín Fernández Paz, mencionase tantos libros, tanto de poesía como novelas. Destes libros dános o título, o autor e, na maioría das ocasións, exponse un anaco ou algunha estrofa desa obra, o que nos pode crear un interese por lelos. 

O único que queda é o amor é unha obra moi amena, coa que te mesturas nesas historias persoais de cada personaxe. Cada un deles esconde unha historia distinta que só ten relación coa anterior na presenza do amor e do gusto dos personaxes pola literatura, que se ve reflectido nesa cita inicial: esas frases curtas fan que che entren ganas de seguir lendo para chegar á próxima do seguinte relato e poder apuntar eses títulos para poder lelos. Teño que advertir que algunhas historias dárannos pena rematalas, xa que na miña opinión son demasiado curtas e, ademais, quedan medio inconclusas.

Recoméndolle este libro ás persoas que lles guste este tema, o amor, pero que teñan en conta que tampouco é un amor empalagoso senón unnhas historias que nos fan achegarnos ás vidas desas persoas e a presenza das diferentes variantes do amor nas súas vidas. Para que vos fagades unha idea, fálase de moitas variables, dende o primeiro amor ata a búsqueda del, o amor sentido por un ser querido falecido e o moito que nos afecta esa perda, a fidelidade e o cariño que pode aportar unha mascota…

Raquel Fernández Reguera (4º A)