Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Na procura de cidadáns máis críticos e responsables

xoves, 19 de abril de 2018


O noso centro acolleu o pasado mércores 11 de abril dous Obradoiros de Xornalismo impartidos pola periodista Paula Méndez Casais ao alumnado de 3º da ESO. A actividade, coordinada polo Departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, forma parte do programa Xornalismo na Escola posto en marcha polo Colexio Oficial de Xornalistas e a Obra Social de La Caixa para un total de 90 centros educativos de toda Galicia.

Durante os 90 minutos que durou cada obradoiro, os rapaces e rapazas introducíronse da man desta xornalista no mundo dos medios de comunicación para coñecer e reflexionar máis polo miúdo sobre o seu papel na sociedade actual, o rol activo e crítico que a cidadanía debe exercer ante a información ou o manexo das diferentes fontes de información no contexto da eclosión dos medios dixitais e as redes sociais. A sesión, que combinou teoría e práctica, foi de especial interese para o alumnado cando se enfrontaron á identificación de noticias falsas, aos bulos e ás campañas de intoxicación, e decatouse de que en ocasións é transmisor de informacións non contrastadas a través das diferentes redes nas que están presentes. Ante este escenario complexo e cambiante, en que se fala da "era da post-verdade", Paula Méndez resaltou a importancia do xornalista como mediador entre a información e a cidadanía en relación a aspectos como dereito á información, á liberdade de expresión e ao compromiso ético co rigor e a veracidade.

Finalmente, tras as preguntas do alumnado, deuse por rematado un obradoiro que ademais de axudarnos a construír uns cidadáns do futuro máis críticos e responsables, serviron de complemento idóneo para os contidos que se están a impartir nas aulas.

Lecturas de 2º ESO para o 3º trimestre

martes, 10 de abril de 2018

Neste derradeiro trimestre do curso abrimos as lecturas a un  abano máis amplo de títulos de entre os que podedes escoller un para cumprir coa lectura obrigatoria da materia. Tamén podedes propoñer outra lectura, extraída doutras listaxes ou da vosa propia búsqueda, mais debedes comunicarllo con antelación ao profesorado, que debe aprobala. 

Son novelas de diferentes temáticas e para alumnos e alumnas con diferentes bagaxes lectoras. Neste conxunto de novelas hai espazo para a intriga e a aventura, para a investigación e os misterios por resolver, para os amores e as problemáticas adolescentes, para mergullarse no mundo da natureza e a ciencia ou das lendas e a historia... 

En definitiva, relatos de aquí e acolá que agardamos que respondan aos vosos intereses:
  • A miña planta de laranxa lima, de José Mauro de Vasconcellos, Editorial primerapersona. Sinopse
  • Investigación 091, de Pepe Carballude, col. Fóra de Xogo, Edicións Xerais de Galicia. Sinopse
  • O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro, col. Fóra de Xogo, Edicións Xerais de Galicia. Sinopse
  • Noite de voraces sombras, de Agustín Fernández Paz. col. Fóra de Xogo, Edicións Xerais de Galicia. Sinopse
  • A cova da moura, de Ana Carou, col. Meiga Moira, Baía Edicións. Sinopse
  • A evolución de Calpurnia Tate, Jacqueline Kelly, Kalandraka. Sinopse e 1º capítulo
  • Todo o tempo do mundo, de David Pérez Iglesias, col.Merlín,  Edicións Xerais de Galicia. Sinopse. 
  • O mundo secreto de Basilius Hoffman I. O ladrón de soños, de Fernando Cimadevila, col. Alcaián, Urco Editoria. Sinopse. Páxina Web. Booktráiler. Descarga do 1º libro
  • O mecanoscrito da segunda orixe, de Manuel de Pedrolo e traducido por María Victoria Moreno, col. Costa Oeste, Editorial Galaxia. Sinopse

María Victoria Moreno, escolma de recursos para o Día das Letras Galegas 2018


Xa non queda nada para festexarmos o Día das Letras Galegas 2018, o día en que a nosa literatura e a nosa lingua se visten de gala para celebrar a súa vizosa creatividade e a necesidade de promover e potenciar o uso do noso idioma para que cumpra 1000 primaveras máis.

Este ano a autora homenaxeada será María Victoria Moreno, a escritora estremeña que aló polo ano 1963 chegou a Pontevedra como profesora para asumir, conscientemente, unha vida e unha obra en lingua galega. Tal e como diría ela anos máis tarde, "a miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor".  E así foi como a este amor e ao seu compromiso coa docencia e o ensino, que recoñecen moitas xeracións de pontevedreses e pontevedresas que pasaron polas súas aulas de lingua e literatura, sumou unha obra literaria que nos deixou algúns dos títulos máis recoñecidos entre o público infantil e xuvenil.

Ademais das numerosas actividades que se están a levar a cabo e a argallar ao redor da súa figura nestes meses, a continuación facemos unha selección de recursos e materiais que de seguro nos axudan a coñecer mellor a súa achega á cultura galega:
  • Real Academia Galega: inclúe unha biografía, información sobre a súa obra e unha interesante sección sobre as actividades que se están xerando ao redor da autora neste ano.

  • Seminario Galán: como todos os anos, os compañeiros e compañeiras do Seminario elaboraron un completísimo monográfico para levar ás aulas a obra e a vida da persoa á que se lle dedica esta efeméride. Materiais imprimibles (biografías, dípticos, exposicións, cadernos de actividades...), libros interactivos multimedia e álbum de imaxes da autora conforman un conxunto de recursos adptados a cada curso de Infantil e Primaria.
  • Letras Galegas 2018: a profesora Patricia Sánchez Lamas, autora do blogue de referencia A fiestra da mestra, non para e elaborou unha páxina web que, ao lado de fichas idóneas para imprimir e traballar na clase, incorpora unhas actividades tan orixinais como unha "Regueifa das Letras" e as "Píldoras para Victoria", ademais dunha "Biografía sonorizada" e un "Concurso das Letras". Van alá os nosos parabéns e agradecementos para esta compañeira polo seu traballo e por partillalo con nós!

Finalmente, incluímos a páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que inclúe traballos e propostas que se están a desenvolver nos centros de ensino, e a selección de recursos e novidades sobre as Letras da revista Botóns, o Portal Galega da Educación.

Leonardo e os fontaneiros, unha historia de María Victoria Moreno

Leonardo e os fontaneiros é a novela escollida para pechar o ciclo de lecturas de 1º ESO neste curso 2017-2018 e para honrar a memoria e a obra de María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara-Cáceres, 1936-Pontevedra, 2005), a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. Ademais de ler, desta volta as historias de Antón e Leonardo van cobrar vida coa representación teatral que a compañía Ubú Teatro vai facer o vindeiro martes 24 de abril no Multiúsos de Arcade grazas á iniciativa da Editorial Galaxia e á organización do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso colexio.

A novela conta a historia de Antón e mais o seu can Leonardo, que protagonizan unha historia apta para todas as idades, non só para o público infantil e xuvenil. É unha narración que se publicou por primeira vez no ano 1986 e que desde entón se converteu nun dos libros máis buscados por pequenos e grandes, pois aínda que foi escrito pensando en lectores de doce anos, ao final, como sucede con toda literatura de calidade, acabou sendo unha obra para todos. Antón é un neno que cursa 8º de EXB, o que hoxe sería 2º da ESO. Leonardo, a pesar do nome, non é un rapaz, senón un can... un can un tanto especial. Ao longo do libro suceden moitas cousas, tanto a Antón como a Leonardo. Quen as conta é Antón. E sabe contalas moi ben.

Agardamos que o alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º da ESO do noso centro, así como os rapaces e rapzas do CPI O Toural de Vilaboa que se achegarán a Arcade, gusten das historias escritas e representadas que naceron no maxín de Mª Victoria Moreno e de Ubú Teatro.