Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

O certame 'Verbas para comunicar' cumpre 10 anos

venres, 7 de abril de 2017

A Concellaría de Xuventude do Concello de Soutomaior convocou unha edición moi especial do concurso Verbas para comunicar, a décima!!! Si, van alá nada máis e nada menos que 10 anos dun certame que naceu para promover a creatividade literaria na mocidade e fomentar o uso da lingua galega. Para festexalo, o Verbas deste ano incorpora novas modalidades (audiovisual) e fórmulas de participación (en grupo), que pasamos a resumir deseguido.

Modalidade redacción
1.- A temática será libre tendo en conta que o obxectivo xeral é transmitir unha idea, unha opinión, un sentimento... que desexemos compartir con outras persoas.
2.- Estará redactado en galego e valorarase a corrección lingüística, así como a presentación adecuada e a orixinalidade do traballo.
3.- O texto non poderá superar as 12 liñas e presentarase en papel ou cartolina que non supere o tamaño A4. O formato é, polo tanto, tamén libre: prosa, poesía, unha mensaxe, unha carta, etc.
4.- A participación é individual.

Modalidade audiovisual
1.- Elaboración dun vídeo (curta) ou un audio (tema musical) cunha duración máxima de 5 minutos.
2.- Pode presentarse de maneira individual ou grupal (máximo 3 persoas).
3.- O traballo audiovisual pode gravarse con móbil ou cámara e entregarase nunha memoria USB.
4.- O traballo audiovisual terá que conter texto en lingua galega, escrito ou verbal, e por suposto orixinal.

Categorías: 
  • Categoría A: de 12 a 14 anos.
  • Categoría B: de 15 a 20 anos.
O prazo de presentación remata o 28 de abril ás 20:30h. Podedes consultar aquí as bases completas do certame., tamén os premios, que como todos os anos son moi atractivos. 

Non deixedes de consultar as vosas dúbidas co profesorado de Lingua e a OMIX do Concello, e -tendo en conta as novas modalidades do concurso- botade man dos coñecementos e os consellos, sobre todo, dos vosos profesores e profesoras de Plástica, Música e Tecnoloxía.

De lectura con Ledicia Costas

mércores, 5 de abril de 2017

O alumnado de 1º e 2º da ESO teredes a oportunidade de seguir lendo a obra dunha autora que xa coñecedes moi ben, Ledicia Costas, pois títulos como Escarlatina, a cociñeira defunta ou Unha estrela no vento xa vos cativaron non hai moito tempo. 

En 1º da ESO a lectura do último trimestre do curso é Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, unha historia que arranca cando o afamado novelista chega o 21 de maio de 1884 a Vigo a bordo do seu impoñente iate atrás da pista das misteriosas mulleres planta. Se premedes aquí, poderedes escoitar como se xestou esta novela da boca da autora no programa Zig Zag da TVG. 

En 2º da ESO o título escollido é O corazón de Xúpiter, que relata a vida dunha moza, Isla, dende que os seus pais deciden mudar de cidade. Alí, mentres se vai adaptando ao novo instituto, segue a dar os seus paseos polo espazo, avistando planetas a través do telescopio, mergullada no ventre do universo. Casiopea, o nome da tartaruga máxica de Momo, era o nick que empregaba nos foros sobre astronomía nos que participaba adoito. Alí coñeceu a Xúpiter, alguén que semellaba saber moito de estrelas.

O alumnado de 4º da ESO do IES Castro Alobre de Vilagarcía realizou este booktráiler da novela para convidarvos a lela.