Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Poñamos a nosa creatividade a proba!!!

xoves, 18 de xaneiro de 2018

En xaneiro non comezan as rebaixas no panorama cultural galego, senón a tempada alta de certames, concursos, feiras e eventos de todo tipo, que van collendo ritmo ata estourar con forza a mediados de maio co Día das Letras Galegas, que este ano estará dedicado á escritora María Victoria Moreno, pontevedresa de adopción, cacereña de nación e galega de elección.

Pois ben, dous dos concursos máis recoñecidos no noso colexio xa publicaron as súas bases e, como non podía ser doutra maneira, convidámosvos a participar. Son o XI Certame Verbas para Comunicar 2018, que convoca o Departamento de Xuventude do Concello de Soutomaior, e o VI Concurso de Relato Curto que organizan a Federación de ANPAS de Pontevedra, a editorial Kalandraka, o concello da capital e a Deputación. De momento, non nos chegaron os cartaces e os folletos, pero xa podemos adiantar a información básica de cada un:

XI Certame Verbas para Comunicar 

- Obxectivo: Promover o uso da lingua galega entre a mocidade e conmemorar o día das Letras
Galegas.
- Modalidades:
  • Redacción: dun texto en lingua galega que transmita unha idea, sentimento, opinión, etc., Só presentación individual. O tamaño do texto non poderá ser superior ás 12 liñas.  O soporte será o papel ou cartolina e o seu tamaño non poderá superar un folio A4, pero si poderá ser inferior a este. O formato de presentación do papel ou cartolina será libre. 
  • Audiovisual: elaboración dun vídeo (curta) ou audio (tema musical ou outros) cunha duración máxima de 5 minutos. Pode presentarse de xeito individual ou grupal (2 ou 3 persoas). Presentar en USB. Pode ser gravado con móbil ou cámara.  Acéptanse tamén en calidade HD. Mensaxe en galego escrita ou verbal. Tema e estilo: libre. 
- Categorías EN CADA MODALIDADE:
  • Categoría A: idades de 12 a 14 anos. 
  • Categoría B: idades de 15 a 20 anos.
- Prazo de presentación: ata o 27 de abril.Entrega de premios en maio para conmemorar o día das Letras Galegas. Pedir as bases na OMIX.
Podedes consultar os textos gañadores en anteriores edicións (ata 2009) premendo aquí.


VI Concurso de Relato Curto

Neste certame, no que alumnas como María González ou ex-alumnas como Olalla Castrillo xa chegaron á final e mesmo gañaron (le o relato de Olalla aquí), sempre presentamos traballos do colexio, a ver que pasa desta volta. As bases xa están colgadas na páxina web, pero a presentación tivo lugar hoxe en Pontevedra. Resumimos a información básica:
  1. Os relatos deberán ser orixinais, inéditos, non premiados noutros certames, de temática libre e escritos en lingua galega.
  2. Poderán presentarse todos os alumnos e alumnas dos centros públicos da provincia de Pontevedra de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Tamén poderán presentarse as persoas adultas (familiares, profesorado e alumnado universitario dos campus de Pontevedra e Vigo).
  3. Cada autor/a só poderá presentar un relato que terá unha extensión mínima de 200 palabras e máxima de 300. Estará escrito en Times New Roman, de tamaño 12 pt. e interliñado de 1,5 liñas.
  4. Os relatos enviaranse en arquivos en formato .doc, .docx ou .odt ao enderezo de correo electrónico certame.relatocurto@nontedurmas.org
  5. Enviaranse dous arquivos no mesmo correo: DATOS (para a organización cos datos básicos da persoa participante) e RELATO (para o xurado co título, o relato, o pseudónimo e a categoría).
  6. O prazo de envío dos textos finalizará o 28 de febreiro de 2018.
  7. O xurado seleccionará os 120 mellores relatos de entre todos os presentados e que formarán parte do libro. Esta selección de 120 finalistas darase a coñecer no mes de maio de 2018. Nunha segunda fase o xurado destacará 20 dos relatos finalistas e escollerá de entre eles o gañador de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato/FP e adultos). O resultado desta escolla darase a coñecer no acto de entrega de premios. 
  8. Os premios serán os seguintes: 
  • Para o gañador/a de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato/formación profesional e adultos): un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador Óscar Villán.
  • Para os 20 autores finalistas destacados: un obradoiro de creación literaria que impartirá no mes de xuño a escola de escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
  • Para os 120 autores finalistas: un libro colectivo cos seus relatos e co relato feito expresamente para o certame por un escritor profesional, nesta edición é Antonio García Teijeiro.
  • Tanto os relatos gañadores coma todos os finalistas publicaranse tamén no Diario de Pontevedra durante as vacacións de verán.

E se llo dis en galego?

martes, 16 de xaneiro de 2018

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia volven convocar unha nova edición do concurso Lingua de Namorar, un certame que procura dinamizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.

O alumnado de 3º e 4º da ESO pode participar na Categoría A (de 14 a 19 anos), pero tamén pode animar ás amizades e familiares de entre 20 e 35 anos para que participen na Categoría B (de 20 a 35 anos). Este é un resumo das bases, que se poden ler de forma íntegra aquí. Así que xa sabedes, cavilade un pouco, sentide moito, redactade esa mensaxe de (des)amor e bulide, que o prazo de envío de textos remata o 29 de xaneiro (formulario de inscrición).

1. Características das mensaxes

Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso Lingua de namorar (extensión máxima de 350 caracteres para cada mensaxe). Estas mensaxes deberán estar escritas en lingua galega e poderán redactarse en prosa ou en verso.

2. Categorías de idade e premios

Establécense tres premios por cada unha das categorías de idade:

Categoría A (de 14 a 19 anos):

1° Hoveboard Nilox (rodas 6,5, batería 20 km., velocidade máxima 10km/h) e unha reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa da súa estadía en a Vigo en 2017 e 2018.

2° Cámara Fuji instantánea mini 9 ( fotos 62 x 46 mm.) e unha reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa do seu regreso a Vigo en 2017 e 2018.

3° Auricular Panasonic Diadema (bluetooth, 20 horas de autonomía) e unha reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa do seu regreso a Vigo en 2017 e 2018.

Categoría B (de 20 a 35 anos):

1° Smart TV Panasonic 32” (Full HD, TDT2, navegador web, 2 x HDMI) e unha reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa do seu regreso a Vigo en 2017 e 2018.

2° Smartphone Wiko 5” (16 GB, 4G, IPS HD, Android 7, 5/13 Mpx) e unha reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa do seu regreso a Vigo en 2017 e 2018.

3° Cámara deportiva Mini Wifi 2” (Full HD, ángulo 140º, resistente á auga 30m.) e unha reprodución do Pergamiño Vindel conmemorativa do seu regreso a Vigo en 2017 e 2018.

3. Prazos de participación e votación

O prazo para enviar as mensaxes remata o luns, 29 de xaneiro. Do 30 de xaneiro ao 2 de febreiro abrirase o período de votación. As persoas que desexen votar polas súas mensaxes favoritas deberán cubrir o formulario que se habilitará para o efecto.

4. Xurado e resolución
O xurado do concurso reunirase unha vez rematado o prazo de votación e elixirá as declaracións gañadoras de entre as 50 declaracións máis votadas polos usuarios e usuarias en cada unha das categorías de idade. Poderá consultarse aquí o nome das persoas gañadoras, a partir do 7 de febreiro.

5. Entrega de premios
O día 14 de febreiro terá lugar a entrega de premios do concurso Lingua de namorar 2018. O acto de entrega será no Museo do Mar de Galicia.

Mensaxes Gañadoras en edicións anteriores 
Lingua de Namorar 2017
Lingua de Namorar 2016

Lecturas de Ledicia Costas para 1º e 2º da ESO

Á espera de lermos A señorita Bubble (Ed. Xerais, col. "Sopa de Libros", 2017) e mais a súa última novela premiada, Plumas e unicornios (Premio Lazarillo de Tormes 2017), regresamos a Ledicia Costas nas lecturas para o alumnado de 1º e 2º da ESO.

En 1º da ESO a lectura do segundo trimestre do curso é Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, unha historia que arranca cando o afamado novelista chega o 21 de maio de 1884 a Vigo a bordo do seu impoñente iate atrás da pista das misteriosas mulleres planta. Se premedes aquí, poderedes escoitar como se xestou esta novela da boca da autora no programa Zig Zag da TVG. 

En 2º da ESO o título escollido é O corazón de Xúpiter, que relata a vida dunha moza, Isla, dende que os seus pais deciden mudar de cidade. Alí, mentres se vai adaptando ao novo instituto, segue a dar os seus paseos polo espazo, avistando planetas a través do telescopio, mergullada no ventre do universo. Casiopea, o nome da tartaruga máxica de Momo, era o nick que empregaba nos foros sobre astronomía nos que participaba adoito. Alí coñeceu a Xúpiter, alguén que semellaba saber moito de estrelas.

O alumnado de 4º da ESO do IES Castro Alobre de Vilagarcía realizou este booktráiler da novela para convidarvos a lela.

"ἀναγνώρισις", ou "Anagnórise", o ano do recoñecemento de María Victoria Moreno

Co 2018 entramos nun novo ano que tamén será o "Ano María Victoria Moreno", a autora a quen a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas. Mentres se dan a coñecer os primeiros actos e o deseño de numerosas actividades cos que a sociedade galega celebrará o legado literario desta pontevedresa de adopción, cacereña de nación e galega de elección, nós adentrarémonos na historia da súa novela Anagnórise, un título que marcou a adolescencia de numersoas de xeracións, como ben nos lembra Patricia Carballal Miñán, ex-alumna da escritora, neste artigo do Praza.

María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 - Pontevedra, 2005), licenciada en Filoloxía Románica pola universidade de Madrid, en 1963 conseguiu unha praza de profesora nun instituto de Pontevedra, establecéndose en Galicia. A súa identificación co noso país foi tan intensa que de seguida aprendeu o galego e o convertiu na súa lingua. Desde entón, toda a súa obra literaria está escrita en galego. Unha parte dela son contos e novelas dedicadas ao público infantil e xuvenil, como Leonardo e os fontaneiros, Mar adiante, O cataventos e Festa no faiado. A súa novela Anagnórise, xa traducida ao castelán, obtivo un grande éxito entre os lectores, e figura na lista de honra do IBBY de 1990. Con Guedellas de seda e liño recibiu unha mención especial White Ravens 2002. Colaborou na redacción de libros de texto e dirixiu a colección "Árbore" da Editorial Galaxia dende 1988, ano da súa creación. 

Anagnórise, unha fermosa novela de amor que figura entre os libros máis lidos e admirados pola mocidade galega
O protagonista principal de Anagnórise é Nicolau Arís, un rapaz con problemas que un día decide deixar os estudios no Instituto e marcha a Madrid co propósito de encontrar a uns amigos que se dedican a negocios relacionados co tráfico da droga. A viaxe en autostop faina cunha muller intelixente, de nome celosamente oculto, que o recolle na estrada, e coa cal fala durante as horas que pasan xuntos dentro do coche. Os diálogos, sempre áxiles e ocurrentes, pero tamén naturais, van revelando a rica personalidade de ambos. Xa no destino, Nicolau e a súa amiga ocasional sepáranse sen que o rapaz saiba o nome dela. Ó remate, despois de que Nicolau entre en contacto cos compañeiros que o agardan en Madrid, irá buscar a súa amiga. Só entón saberá o seu nome.

Avaliación da lectura
  • Data da proba escrita: xoves, 1 de febreiro de 2018.
  • A proba consistirá nun test de resposta múltiple e mais dunha serie de preguntas de desenvolvemento sobre a lectura.
  • Cualificación no total do trimestre: 15%.
  • Ademais, poderá ser proposto un traballo creativo desta novela, que recibirá unha nota á parte.
  • Poderase subir ata un punto a nota final da avaliación a partir da lectura, e posterior da traballo consensuado co profesor, dun libro da listaxe do 1º trimestre (http://linguadenegueiros.blogspot.com.es/2017/09/unha-ducia-de-lecturas-para-comezar-o.html) ou doutro título aprobado polo profesor.