Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Poñamos a nosa creatividade a proba!!!

xoves, 18 de xaneiro de 2018

En xaneiro non comezan as rebaixas no panorama cultural galego, senón a tempada alta de certames, concursos, feiras e eventos de todo tipo, que van collendo ritmo ata estourar con forza a mediados de maio co Día das Letras Galegas, que este ano estará dedicado á escritora María Victoria Moreno, pontevedresa de adopción, cacereña de nación e galega de elección.

Pois ben, dous dos concursos máis recoñecidos no noso colexio xa publicaron as súas bases e, como non podía ser doutra maneira, convidámosvos a participar. Son o XI Certame Verbas para Comunicar 2018, que convoca o Departamento de Xuventude do Concello de Soutomaior, e o VI Concurso de Relato Curto que organizan a Federación de ANPAS de Pontevedra, a editorial Kalandraka, o concello da capital e a Deputación. De momento, non nos chegaron os cartaces e os folletos, pero xa podemos adiantar a información básica de cada un:

XI Certame Verbas para Comunicar 

- Obxectivo: Promover o uso da lingua galega entre a mocidade e conmemorar o día das Letras
Galegas.
- Modalidades:
  • Redacción: dun texto en lingua galega que transmita unha idea, sentimento, opinión, etc., Só presentación individual. O tamaño do texto non poderá ser superior ás 12 liñas.  O soporte será o papel ou cartolina e o seu tamaño non poderá superar un folio A4, pero si poderá ser inferior a este. O formato de presentación do papel ou cartolina será libre. 
  • Audiovisual: elaboración dun vídeo (curta) ou audio (tema musical ou outros) cunha duración máxima de 5 minutos. Pode presentarse de xeito individual ou grupal (2 ou 3 persoas). Presentar en USB. Pode ser gravado con móbil ou cámara.  Acéptanse tamén en calidade HD. Mensaxe en galego escrita ou verbal. Tema e estilo: libre. 
- Categorías EN CADA MODALIDADE:
  • Categoría A: idades de 12 a 14 anos. 
  • Categoría B: idades de 15 a 20 anos.
- Prazo de presentación: ata o 27 de abril.Entrega de premios en maio para conmemorar o día das Letras Galegas. Pedir as bases na OMIX.
Podedes consultar os textos gañadores en anteriores edicións (ata 2009) premendo aquí.


VI Concurso de Relato Curto

Neste certame, no que alumnas como María González ou ex-alumnas como Olalla Castrillo xa chegaron á final e mesmo gañaron (le o relato de Olalla aquí), sempre presentamos traballos do colexio, a ver que pasa desta volta. As bases xa están colgadas na páxina web, pero a presentación tivo lugar hoxe en Pontevedra. Resumimos a información básica:
  1. Os relatos deberán ser orixinais, inéditos, non premiados noutros certames, de temática libre e escritos en lingua galega.
  2. Poderán presentarse todos os alumnos e alumnas dos centros públicos da provincia de Pontevedra de primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional. Tamén poderán presentarse as persoas adultas (familiares, profesorado e alumnado universitario dos campus de Pontevedra e Vigo).
  3. Cada autor/a só poderá presentar un relato que terá unha extensión mínima de 200 palabras e máxima de 300. Estará escrito en Times New Roman, de tamaño 12 pt. e interliñado de 1,5 liñas.
  4. Os relatos enviaranse en arquivos en formato .doc, .docx ou .odt ao enderezo de correo electrónico certame.relatocurto@nontedurmas.org
  5. Enviaranse dous arquivos no mesmo correo: DATOS (para a organización cos datos básicos da persoa participante) e RELATO (para o xurado co título, o relato, o pseudónimo e a categoría).
  6. O prazo de envío dos textos finalizará o 28 de febreiro de 2018.
  7. O xurado seleccionará os 120 mellores relatos de entre todos os presentados e que formarán parte do libro. Esta selección de 120 finalistas darase a coñecer no mes de maio de 2018. Nunha segunda fase o xurado destacará 20 dos relatos finalistas e escollerá de entre eles o gañador de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato/FP e adultos). O resultado desta escolla darase a coñecer no acto de entrega de premios. 
  8. Os premios serán os seguintes: 
  • Para o gañador/a de cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato/formación profesional e adultos): un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador Óscar Villán.
  • Para os 20 autores finalistas destacados: un obradoiro de creación literaria que impartirá no mes de xuño a escola de escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
  • Para os 120 autores finalistas: un libro colectivo cos seus relatos e co relato feito expresamente para o certame por un escritor profesional, nesta edición é Antonio García Teijeiro.
  • Tanto os relatos gañadores coma todos os finalistas publicaranse tamén no Diario de Pontevedra durante as vacacións de verán.

0 comentarios:

Publicar un comentario