Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

David Alján, Premio ao Mellor Xornalista Xuvenil

mércores, 23 de maio de 2018

Esta entrevista á escritora e académica Fina Casalderrey valeulle ao alumno David Alján Lusquiños (3º ESO B) o 1º Premio no XV Concurso Mellor Xornalista Xuvenil que convoca o Programa Prensa Escola de La Voz de Galicia, que procura que os estudantes se familiaricen coa lectura do xornal e desenvolvan a súa capacidade de exposición e redacción. Nesta edición presentáronse máis de 3000 alumnos e alumnas que tiveron que demostrar o seu talento xornalístico ilustrando e redactando noticias, facendo entrevistas e escribindo artigos de opinión.
Ademais de ter a iniciativa de se poñer en contacto coa escritora e de se documentar moi ben sobre a súa traxectoria vital e literaria, David Alján demostrou a súa capacidade para seleccionar e plasmar por escrito a información máis relevante que obteu na longa conversa mantida con Fina Casalderrey, a quen lle agradecemos dende o noso centro a súa dispoñibilidade para colaborar neste traballo acedémico. A entrevista, limitada na súa extensión polo formato do concurso, será publicada nunha versión ampliada no novo número da revista Latexos, que coordina o profesor Eloi Gestido.
O acto de entrega dos premios terá lugar en Culleredo o sábado, 2 de xuño, no marco da festa Voz Natura que se desenvolverá na festa de Voz Natura. Ademais do diploma acreditativo, o noso alumno galou unha fin de semana en Londres para catro persoas. Unha vez máis, e xa van varias neste curso (I Concurso contra a Violencia de Xénero e Verbas para Comunicar 2018), felicitamos a David Alján por este novo galardón. Moitos parabéns!

Subiu ata o faiado da casa e alí…

venres, 18 de maio de 2018


Esta é a frase de comezo dun microrrelato de non máis de 500 caracteres co que podedes participar na Categoría Xuvenil (maiores de 13 anos) no VII Certame de Microrrelatos Feiraco, que remata este domingo 20 de maio. Debedes facer a súa entrega a través dunha aplicación específica instalada na páxina desta cooperativa leiteira.

Na vosa categoría, o xurado elixirá tres textos gañadores, que recibirán os seguintes premios:
  1. Fin de semana no Pazo de Lestrove (Padrón), con aloxamento dunha noite para tres persoas (un menor e dous adultos) en habitación dobre con cea incluída, ademais dun cartel chapado en vintage edición especial conmemorativa de Feiraco coa lenda "Practica a lectura". Valor do premio: 300€. 
  2. O segundo e o terceiro premios recibirán un lote de libros de literatura xuvenil galega cedidos pola SXPL (valorados en 150€) e mais un lote de produtos Feiraco (valorado en 25€).

Ilusión e compromiso nunha nova edición de Verbas para Comunicar

xoves, 17 de maio de 2018

Onte tivo lugar no pabillón da Montesiña a gala de entrega de premios do XI Concurso Verbas para Comunicar, que ten como obxectivo promover o uso da lingua galega entre a mocidade dun xeito lúdico e atractivo e asociado aos seus intereses e gustos con motivo do Día das Letras Galegas. Ao acto, ao que acudiron alumnos e alumnas do noso centro e do Colexio Santiago Apóstolo, foi conducido polo dúo Falabaratas, que deu paso á concesión de galardóns, entregados polo Alcalde, Agustín Reguera, e a Concelleira de Mocidade, Noelia Ocampo.

Nesta edición entregáronse case 300 traballos nas diferentes modalidades, entre textos, pezasde audio e gravacións audiovisuais. Hai que destacar unha grande presenza deproblemáticas como a violencia e a desigualdade de xénero e os lumes, que no outono pasado asolaron os montes do noso municipio. Dende o EDLG felicitamos a todos os participantes e animámosvos a manter, e mesmo mellorar, o nivel de cara ao ano que vén.

RELACIÓN DE TRABALLOS PREMIADOS DO NOSO ALUMNADO 

Redacción. Categoría A (12-14 anos).
- 1º Premio: Candela Paz Aguiar (1º ESO A), por Non!!!
- 3º Premio: Nikol Duarte Raña (2º ESO B), por Que é a vida?
- 5º Premio: Laura Pérez Barreiro (1º ESO A), por 12 meses para para o amor.
Redacción. Categoría B (15-18 anos)
- 2º Premio: Rime el Bahi (4º ESO B), por Branca Silueta.
- 6º Premio: Carala Mª Corugeira (2º ESO A), por As cinco inxustizas.
Audiovisual. Categoría A (12-14 anos) Individual
- 1º Premio: Xiara Suárez Valenti (2º ESO B), por Outra escola é posible.
- 3º Premio: Uxía Vidal Rubianes (1º ESo C), por A rapaza futbolista.
- 5º Premio: Sonia Baqueiro Abal (1º ESO B), por A autoestima.
- 6º Premio: Daniel Gallego Couñago (1º ESO C), por O peixiño.
Audiovisual. Categoría A (12-14 anos) Grupal (nesta categoría só se dan dous premios)
- 1º Premio: Izaskun Tellería e Lucía Costas (1º ESO B+C), por Parodiando a vida.
- 2º Premio: Anxo Barcia e Lola Barros (3º ESO C), por Non ao acoso.
Audiovisual. Categoría B (15-18 anos) Grupal (nesta categoría só se dan dous premios)
- 1º Premio: David Alján e Martín Otero (3º ESO B+C), por Dario.

Anagnórise... coñecer, descubrir quen es

Deseño de Luís Vilas
Hoxe é o Día das Letras Galegas, e non vemos mellor maneira que homenaxear a María Victoria Moreno que difundindo este fermoso tema d'A Banda da Loba, un grupo de mozas que veñen pisando forte no panorama da música galega actual. 

Nesa viaxe que supón a Anagnórise, a novela que lestes os alumnos e alumnas de 3º ESO no 2º trimestre, o protagonista vaise descubrindo a si mesmo e vánselle revelando as respostas a moitas preguntas que se arremuiñaban na súa mente. 

Como nesta canción, na viaxe da vida asoman a vertixe e os medos, mais hai que facela, descubrila, gozala e descubrirse. E se nesa viaxe lle facedes un oco á lingua galega, como fixo María Victoria Moreno, a estremeña que dixo aquilo de "a miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”, será máis rica.



Pecha a porta con coidado
moi amodo mira a un lado.
E descobre na equipaxe
o comezo dunha viaxe.

Recoñécese sen nome,
sinte o medo de estar lonxe,
a vertixe de que é ela
quen decide o que aceleran.

Imos xuntas viaxar
cara a un lugar... sen mar.
Imos xuntas viaxar
cara a un lugar.

Vese dona de si mesma,
sinte as cordas que se tensan,
no solpor cos sentimentos
o perigo é un momento.

O perigo é un momento.
Imos xuntas viaxar.

Anagnórise
Coñecer
Descubrir quen es

Non existen etiquetas,
van sen nome cara á meta,
vendo dende a escuridade
unha luz de ambigüidades.

Ailalala

Anagnóriseeeeee
Coñecer
Descubrir quen es.