Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

xoves, 29 de novembro de 2018

O alumnado do IES de Soutomaior tomou onte os corredores e os patios do noso centro para expresar con palabras, carteis e os seus propios corpos o seu rexeitamento claro e rotundo á violencia contra as mulleres poñendo así fin ás actividades conmmorativas do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. 
Durante o recreo as rapazas e os rapaces de 1º de Bacharelato realizaron a performance "Conxela a violencia", na que en intervalos de dous minutos conxelaron escenas de violencia que queren que desaparezan. A acción, coordinada polas profesoras de Educación Plástica e Educación Física, foi o preludio que anunciaba unha actividade que dende hai días se viña organizando en segredo nas aulas dos grupos de 2º e 4º da ESO, que prepararon unha manifestación sorpresa que conduciu a todo o alumnado do centro ao patio, onde, entre lemas e consignas que esixiron a fin da violencia machista, se deu lectura ao manifesto, que leron as alumnas Paula Puch e Lucía Costas. 
MANIFESTO
 Con motivo da celebración do día para a eliminación da violencia contra a muller, o alumnado, profesorado e persoal do IES de Soutomaior queremos berrar…
Basta xa!
Por todas as mulleres que destacaron nos ámbitos da ciencia, do deporte, das artes e da literatura e que foron esquecidas pola historia…
Basta xa!
Por todas as mulleres que se ven obrigadas a casar sen poder escoller con quen.
Basta xa!
Por todas as rapazas do mundo que non teñen dereito á educación.
Basta xa!
Por todas as mulleres que sofren desigualdade no traballo.
Basta xa!
Por todas as mulleres que teñen medo de andar soas pola rúa.
Basta xa!
Polas mulleres maltratadas, violadas ou asesinadas.
Basta xa!
Polas mulleres que non teñen dereito a ser mulleres.
Basta xa!
Por todas elas, e por todas nós.
Basta xa!

A obra teatral 'Anagnórise' inaugurou as actividades extraescolares do novo IES de Soutomaior

domingo, 25 de novembro de 2018



A novela Anagnórise, de María Victoria Moreno, foi a última lectura do curso pasado que fixo o alumnado de 3º ESO do CPI Manuel Padín Truiteiro para a materia de Lingua Galega. E Anagórise,o espectáculo teatral que preparou a compañía Limiar Teatro, é a primeira actividade extraescolar que se fai no novo IES de Soutomaior, á que acudiu aquel alumnado que agora xa se atopa en 4º da ESO.

A representación tivo lugar o pasado mércores 10 de outubro no Multiúsos de Arcade grazas á organización da Concellería de Cultura de Soutomaior, que nos convidou a participar da anagnórise, o recoñecemento da traxedia, o encontro cunha verdade oculta que tivemos fronte ao nariz. Unha historia de amor atemporal. Dos amores de xuventude que ninguén esquece, do primeiro amor. Nicolau marcha da casa para atopar un novo camiño que, paradoxo do destino, o levará de volta a casa. Saiu procurar e atopouse.

Para a compañía teatral, tamén foi unha ocasión especial, pois esta foi a última representación que fixeron dunha peza coa que homenaxearon a autora á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2018.

Contamos todas


Así se presenta o espectáculo ao que asistiron os mozos e mozas de 1º de Bacharelato o pasado martes 20 de novembro. Brais e Marta, membros da compañía Tropa de Trapo, achegáronnos a dúas historias de mulleres que perseguiron e alcanzaron os seus soños, foran as mociñas da terceira idade da aldea de Torneiros (Allariz) ou as bravas mulleres que conseguiron poñer fin á guerra que masacraba as súas vidas en Liberia. Exemplos de vida, exemplos de mulleres que se enfrontaron a diversos retos. Historias reais, sinceras e inspiradoras. Contos para reflexionar, modelos de empoderamento, de superación, de igualdade e de rebeldía. 


Logo, a través de diversas dinámicas activas e participativas, soou a voz do alumnado, que debateu sobre a violencia de xénero e a necesaria igualdade cunha intensidade e unha madurez que nos fai ser optimistas de cara ao futuro.



Esta foi unha das actividades que tiveron lugar ao longo desta semana previa ao 25N no marco do programa de prevención e sensibilización sobre a violencia de xénero que, baixo o lema "E ti, que fas pola igualdade?" organizou o CIM do Concello de Soutomaior.

Pola súa banda, todos os grupos de 1º a 4º da ESO participaron o mércores 21 e o venres 23 nos obradoiros que a psicóloga especialista en igualdade Paula Sánchez Álvarez impartiu un ano máis no noso centro. Da súa man, o alumnado abordou os conceptos de igualdade dende a propia responsabilidade e en positivo, mais sempre dende unha análise crítica coas estruturas patriarcais aínda dominantes na sociedade. A identificación das condutas sexistas e os estereotipos de xénero, a revisión dos roles femininos e, sobre todo, da nova masculinidade e o auxe global do movemento feminista foron outros dos aspectos traballados cunha xeración que avanza de forma imparable cara ao cambio.


Onde o mundo se chama Galiza (1ª parte)

xoves, 27 de setembro de 2018

Colofón

Verba estirpe, marmaña, Sárdoma na Terra. 
Eran estas as nocións: touza, carqueixa, 
corga, Carnota. As gándaras do sentido, as poulas 
nas que o ser se entorga: toutizos, coios. 

Támega, Tamuxe, Tameiga, tal
coma brañas enchoupadas, Arnoia
que é escomincipio e a derradeira frouma do alentar de meu. 
Visítame, Arousa, paúlo. 

Deixa que che meta os dedos na boca, señora miña Arousa. 
Un peirao na Barbanza que se chama Pondal. 
E cabernas de arca, e cabernas de couso. 
Arteixo vira en cambas polos cotos herdados,
polas searas do esprito que nunca foi vencido. 

Esposo mascato é, píllara tímida eu. 
Dille berce ao inimigo, e veralo esmaciar. 
En Patia río hai que chaga a ser chamado Eu, ou qué. 
Deva devala en meras, por panasqueiras tenras, 
polos biduídos dos bidos lonxanos. 

Primeira cousa: a lousa, morte ao estranxeiro opresor. 
Toxo esgrevio acódenos, arnal, por consolarnos na desfeita. 
Lamas, Ulla, Limia, illó: carpazona, eih, coa virilla quente. 
Ai, como tu es veiga pre min. 

A túa crencha, prenda, teu buraco, teu buraquiño, bouza. 
Cómo sodes, as searas, qué cabazo. 
As cabanas de colmo a poboarnos a ánima esfragada 
neses caborcos. 

Os beizos, as várceas, a saudade. 
Non esquezas as verbas estirpe 
que son morte pró estranxeiro opresor, elas nos lavan. 
Sempre dirás: URCES. 
Repite: os carballos 

Estes versos, extraídos do poemario Estirpe, de Xosé Luís Méndez Ferrín, evoca con intensidade a atalaia granítica onde morría a Europa occidental á chegada dos conquistadores romanos, o Finis Terrae, a fin do mundo para os antigos pobos do continente europeo e do Mediterráneo. 

Daqueles pobos castrexos que acabaron sucumbindo ante o empuxe da Roma imperial fálanos a primeira parte (11'40'') deste capítulo de Historias de Galicia, que xa visualizamos na aula. Se o precisas, volve a ver o vídeo e responde as preguntas.   

'A arte de trobar',de Santiago Lopo, a proposta literaria para comezarmos o curso

mércores, 26 de setembro de 2018

No século XIII, unha "troupe" de artistas itinerantes procedentes de Galicia percorre os reinos do Camiño de Santiago. É un momento de cambio político, cultural e lingüístico nunha Europa inmersa en cruentas loitas de poder. As persecucións relixiosas e as ansias expansionistas coinciden co auxe das cantigas galego-portuguesas e co declive da lírica provenzal. Un códice oculto, a Inquisición, a herexía cátara e os segredos da alquimia uniranse ás cantigas medievais para conformar unha engaiolante trama nunha novela con grandes doses de intriga. A arte de trobar é unha novela luminosa, escrita con felicidade e coñecemento, que non renuncia ao humor. Configurada a partir de capítulos curtos, é capaz de integrar unha trama implacable coa tradición máis notable de versos en galego e occitano. Documentada con rigor, e dotada dun ritmo moi áxil, A arte de trobar constitúe un vibrante fresco desta nosa historia, que se escribiu en folla de pergamiño e con pluma de ave, á beira do mar.


Santiago Lopo (Vigo, 1974) é escritor, profesor e tradutor. Como narrador publicou Game Over (2007, VI Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia), Peaxes (Xerais 2009), Hora zulú (2012, XXIV Premio de novela García Barros), A Diagonal dos Tolos (2014, VIII Premio Narrativa Breve Repsol) e o relato "A voz das nereidas" (2016). A arte de trobar (Premio Xerais de Novela 2017) é a súa quinta novela. E hai poucos días vén de gañar novamente o Premio de Narrativa Breve Repsol na súa XII edición con Extraordinario.

David Alján, Premio ao Mellor Xornalista Xuvenil

mércores, 23 de maio de 2018

Esta entrevista á escritora e académica Fina Casalderrey valeulle ao alumno David Alján Lusquiños (3º ESO B) o 1º Premio no XV Concurso Mellor Xornalista Xuvenil que convoca o Programa Prensa Escola de La Voz de Galicia, que procura que os estudantes se familiaricen coa lectura do xornal e desenvolvan a súa capacidade de exposición e redacción. Nesta edición presentáronse máis de 3000 alumnos e alumnas que tiveron que demostrar o seu talento xornalístico ilustrando e redactando noticias, facendo entrevistas e escribindo artigos de opinión.
Ademais de ter a iniciativa de se poñer en contacto coa escritora e de se documentar moi ben sobre a súa traxectoria vital e literaria, David Alján demostrou a súa capacidade para seleccionar e plasmar por escrito a información máis relevante que obteu na longa conversa mantida con Fina Casalderrey, a quen lle agradecemos dende o noso centro a súa dispoñibilidade para colaborar neste traballo acedémico. A entrevista, limitada na súa extensión polo formato do concurso, será publicada nunha versión ampliada no novo número da revista Latexos, que coordina o profesor Eloi Gestido.
O acto de entrega dos premios terá lugar en Culleredo o sábado, 2 de xuño, no marco da festa Voz Natura que se desenvolverá na festa de Voz Natura. Ademais do diploma acreditativo, o noso alumno galou unha fin de semana en Londres para catro persoas. Unha vez máis, e xa van varias neste curso (I Concurso contra a Violencia de Xénero e Verbas para Comunicar 2018), felicitamos a David Alján por este novo galardón. Moitos parabéns!

Subiu ata o faiado da casa e alí…

venres, 18 de maio de 2018


Esta é a frase de comezo dun microrrelato de non máis de 500 caracteres co que podedes participar na Categoría Xuvenil (maiores de 13 anos) no VII Certame de Microrrelatos Feiraco, que remata este domingo 20 de maio. Debedes facer a súa entrega a través dunha aplicación específica instalada na páxina desta cooperativa leiteira.

Na vosa categoría, o xurado elixirá tres textos gañadores, que recibirán os seguintes premios:
  1. Fin de semana no Pazo de Lestrove (Padrón), con aloxamento dunha noite para tres persoas (un menor e dous adultos) en habitación dobre con cea incluída, ademais dun cartel chapado en vintage edición especial conmemorativa de Feiraco coa lenda "Practica a lectura". Valor do premio: 300€. 
  2. O segundo e o terceiro premios recibirán un lote de libros de literatura xuvenil galega cedidos pola SXPL (valorados en 150€) e mais un lote de produtos Feiraco (valorado en 25€).

Ilusión e compromiso nunha nova edición de Verbas para Comunicar

xoves, 17 de maio de 2018

Onte tivo lugar no pabillón da Montesiña a gala de entrega de premios do XI Concurso Verbas para Comunicar, que ten como obxectivo promover o uso da lingua galega entre a mocidade dun xeito lúdico e atractivo e asociado aos seus intereses e gustos con motivo do Día das Letras Galegas. Ao acto, ao que acudiron alumnos e alumnas do noso centro e do Colexio Santiago Apóstolo, foi conducido polo dúo Falabaratas, que deu paso á concesión de galardóns, entregados polo Alcalde, Agustín Reguera, e a Concelleira de Mocidade, Noelia Ocampo.

Nesta edición entregáronse case 300 traballos nas diferentes modalidades, entre textos, pezasde audio e gravacións audiovisuais. Hai que destacar unha grande presenza deproblemáticas como a violencia e a desigualdade de xénero e os lumes, que no outono pasado asolaron os montes do noso municipio. Dende o EDLG felicitamos a todos os participantes e animámosvos a manter, e mesmo mellorar, o nivel de cara ao ano que vén.

RELACIÓN DE TRABALLOS PREMIADOS DO NOSO ALUMNADO 

Redacción. Categoría A (12-14 anos).
- 1º Premio: Candela Paz Aguiar (1º ESO A), por Non!!!
- 3º Premio: Nikol Duarte Raña (2º ESO B), por Que é a vida?
- 5º Premio: Laura Pérez Barreiro (1º ESO A), por 12 meses para para o amor.
Redacción. Categoría B (15-18 anos)
- 2º Premio: Rime el Bahi (4º ESO B), por Branca Silueta.
- 6º Premio: Carala Mª Corugeira (2º ESO A), por As cinco inxustizas.
Audiovisual. Categoría A (12-14 anos) Individual
- 1º Premio: Xiara Suárez Valenti (2º ESO B), por Outra escola é posible.
- 3º Premio: Uxía Vidal Rubianes (1º ESo C), por A rapaza futbolista.
- 5º Premio: Sonia Baqueiro Abal (1º ESO B), por A autoestima.
- 6º Premio: Daniel Gallego Couñago (1º ESO C), por O peixiño.
Audiovisual. Categoría A (12-14 anos) Grupal (nesta categoría só se dan dous premios)
- 1º Premio: Izaskun Tellería e Lucía Costas (1º ESO B+C), por Parodiando a vida.
- 2º Premio: Anxo Barcia e Lola Barros (3º ESO C), por Non ao acoso.
Audiovisual. Categoría B (15-18 anos) Grupal (nesta categoría só se dan dous premios)
- 1º Premio: David Alján e Martín Otero (3º ESO B+C), por Dario.