Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

As propiedades textuais: a cohesión

domingo, 23 de febreiro de 2014

Esta presentación móstranos de maneira sinxela e clara as claves da cohesión textual a través dun exemplo concreto. Fixádevos ben en cada unha das "versións" do texto de San Rosendo e na enumeración dos principiais mecanismos da cohesión que se poñen en xogo nel.

Participa no II Certame de Relato Curto das ANPAS de Pontevedra

venres, 7 de febreiro de 2014


Todo o alumnado de Primaria e a ESO do noso colexio pode participar no II Certame de Relato Curto que organiza a Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra (FANPA), así como as persoas adultas que convivan con estes rapaces e rapazas, xa que un dos obxectivos desta iniciativa é “crear un espazo común e familiar para a creación literaria”, de xeito que os nenos e nenas, mozos e mozas, animen a escribir aos maiores que, no caso dos escritores noveis, teñen neste concurso unha vía de expresión e difusión dos seus textos.

Resumo das Bases:
- Prazo de entrega: finaliza o 28 de febreiro de 2014. 
- Os textos deberán ser obras orixinais e inéditas, escritas en galego e non premiadas noutros certames. 
- Temática libre. 
- Extensión: entre 200 e 300 palabras. 
- Presentación dos textos: envíanse a certame14@nontedurmas.org. Nun arquivo denominado “datos” figurarán os datos da persoa participante; no denominado “relato” deberá constar a obra, o título, o pseudónimo do autor/a e a categoría.
- A decisión do xurado darase a coñecer a finais de maio de 2014. 
- Premios: haberá un gañador en cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato e adultos). Cada un recibirá un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka e una lámina autenticada polo ilustrador Pablo Otero, autor do cartaz do certame. Ademais tanto os gañadores como os finalistas (ata un máximo de 100) recibirán un libro colectivo cos seus relatos, producido por Kalandraka.
As bases completas pódense consultar aquí.

Anímate e participa!

Os substantivos: clasificación semántica

luns, 27 de xaneiro de 2014

Da man xenerosa d'A Profa, traemos ao noso blogue un esquema ben clariño sobre a clasificación semántica dos substantivos e mais unha breve enumeración de exemplos. 



Antropónimo: nome de persoa (Uxía).
Hipocorístico: variante familiar dun nome propio (Catuxa, Pepe...).
Alcume: denominación dunha persoa que non son o seu nome, normalmente poden afectar a un individuo ou a toda a súa familia ou provir dalgunha característica física (O Roxo, os Farrucos-os do Farruco).
Patronímicos: apelidos (Ponte, Fernández, Queixas).
Topónimos: nomes de lugar (A Pobra do Caramiñal).
Orónimos: nomes de montañas, serras e soutos (serra da Loba).
Hidrónimos: nomes de ríos, lagos e zonas húmidas (río Pedras).
_______
Exónimos: nomes dos topónimos estranxeiros nunha lingua determinada (Londres, Nova York).

Se orballa deixa orballare...

domingo, 26 de xaneiro de 2014

Na recta final do curso pasado miramos que os galegos tiñamos ducias de termos para nomear a chuvia e puidemos ver viñetas, deseños de camisolas e mesmo anuncios publicitarios que lle sacan miga á peculiar relación que temos os galegos co clima. Non hai tanto retomamos na aula o vocabulario do tempo atmosférico, xa que tivemos unhas vacacións de nadal e aninovo pasadas por moita, pero que moita, auga; e vivimos un temporal tras outro con graves danos e perdas, non só materiais senón tamén humanas. Tamén coñecemos daquela os sitios 4gotas e o Portal das Palabras, que dedicou un dos seus xogos aos nomes dos ventos

Xaneiro parece que veu cargado dunha auga que non nos abandona, non tan furiosa como en decembro mais si persistente un día tras outro e mais outro e mais... Seguindo nas redes a Pilar Ponte, A Profa, coñecemos este traballo de Alba Cambeiro que nos ilustra sobre as diferentes maneiras que temos de chamarlle ao orballo, ou poalla que dicimos nós.



Neste domingo chuviñento a música pódenos axudar a levar mellor as pingas, así que se orballa deixa orballare, ou que chova, que din os Quempallou:



Se, pola contra, sodes dos/as que levades mal a chuvia, xa sabedes, nunca choveu que non escampase, que vén sendo o que cantan os Lamatumbá que mesmo fan bailar neste animoso videoclip ao mítico home do tempo da Galega, Santiago Pemán, no seu disco O paraugas universal.


Sabedes o que é un "pirandargallo", o paraugas universal, a solución perfecta para os nosos días cubertos, un invento do xenial Xan da Cova que viría sendo tal que así.


Préstamos e estranxeirismos

martes, 14 de xaneiro de 2014



Fonte: Blablablog, de Víctor López.

Elaboramos un texto expositivo-informativo a partir de infografías

luns, 30 de decembro de 2013


Tras analizar varios textos expositivos na aula é o momento de redactar algún texto propio seguindo as pautas marcadas en relación ao contido, á estrutura e á expresión deste tipo de textos. Polo de agora, farémolo cun apoio importante: a partir de infografías de diversa temática que xa conteñen toda a información posible que precisades para elaborar o voso traballo. Na vosa man queda a distribución da información, o uso de conectores e marcadores textuais, o emprego dunha linguaxe precisa, etc. 

Ademais das indicacións que tedes no libro da materia e no voso caderno, nesta páxina tedes unha guía moi completa que vos pode axudar a compoñer o voso texto expositivo. 
Lembrade:
  1. Podedes descargar as infografías nos vosos equipos e ampliar o tamaño con calquera programa de tratamento de imaxes para visualizalas mellor. Tamén volas envío polo correo.
  2. A escasez de infografías en lingua galega, debido á súa marxinación nos medios de comunicación, obríganos a botar man de infografías en castelán, mais non esquezades para que materia se vos pide este traballo (sempre hai algún/algunha despistado/a!). Poñede especial atención na lingua.
  3. Con estas cinco infografías tedes posibilidades dabondo para escoller aínda que hai moitas outras das máis diversas temáticas. Excepcionalmente, podedes solicitar algunha concreta para realizar este traballo.

Lecturas da 2ª avaliación (3º ESO)

domingo, 29 de decembro de 2013

Dende a barra do Luzada, Patricia contempla os camiños que toman as vidas dos seareiros do bar, historias que se entrecruzan e que viaxan dende os lugares máis íntimos do ser humano ata os espazos máis afastados e remotos en calquera parte do mundo. Este é un convite para entrar no Luzada, sentar a unha mesa e coñecer os personaxes creados por Rosa Aneiros. Esta novela, publicada por Xerais no ano 2009 na colección Fóra de Xogo, foi galardoada cos Premios Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Xuvenil 2009 e The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) 2010. 

Ademais desta lectura obrigatoria do trimestre, sobre a que iremos traballando aos poucos nas aulas, tamén podedes escoller algunha das lecturas optativas que se recollen na seguinte listaxe, que non está pechada senón que se irá aumentando ao longo do curso. Calquera outro título que queirades propoñer debe ser comunicado ao profesor, ao que tamén lle podedes pedir algunha recomendación que responda aos vosos gustos e intereses. 

Narrativa
  • Ledicia Costas, Corazón de Xúpiter, Edicións Xerais. Sinopse
  • Eric-Emmanuel Schmitt, O señor Ibrahim e as flores do Corán, Faktoria K. Sinopse. Tráiler do filme.
  • Fernando Cimadevila, O mundo secreto de Basilius Hoffman (I e II), Urco Editora. Páxina web.
  • Óscar Wilde, O retrato de Dorian Gray, Urco Editora. Reseña
  • Xurxo Borrazás, Criminal, Sotelo Blanco. Sinopse
Poesía
Banda Deseñada
Teatro
  • Castelao, Os vellos non deben de namorarse, Editorial Galaxia. Sinopse
  • Manuel Núñez Singala, Comedia Bífida, Edicorial Galaxia. Sinopse

Os constituíntes da palabra

mércores, 20 de novembro de 2013

Recuperamos esta antiga entrada do blogue para acompañar as aulas de 1º ESO e introducir un dos mecanismos máis eficaces para a formación de palabras no noso idioma (correspóndese coa páx. 31 do libro de texto).

Lembrade que no mes de decembro volvemos explicar os mecanismos de formación de palabras, en concreto a composición e a derivación, que volverán entrar, a modo de repaso, no primeiro exame deste segundo trimestre.

Velaquí a presentación de diapositivas coa que complementamos a explicación da formación de palabras mediante os sufixos e os prefixos. Tamén podedes encontrala no cartafol da materia de lingua galega dos ordenadores das aulas de 1º da ESO.