Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Na procura de cidadáns máis críticos e responsables

xoves, 19 de abril de 2018


O noso centro acolleu o pasado mércores 11 de abril dous Obradoiros de Xornalismo impartidos pola periodista Paula Méndez Casais ao alumnado de 3º da ESO. A actividade, coordinada polo Departamento de Lingua Galega e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, forma parte do programa Xornalismo na Escola posto en marcha polo Colexio Oficial de Xornalistas e a Obra Social de La Caixa para un total de 90 centros educativos de toda Galicia.

Durante os 90 minutos que durou cada obradoiro, os rapaces e rapazas introducíronse da man desta xornalista no mundo dos medios de comunicación para coñecer e reflexionar máis polo miúdo sobre o seu papel na sociedade actual, o rol activo e crítico que a cidadanía debe exercer ante a información ou o manexo das diferentes fontes de información no contexto da eclosión dos medios dixitais e as redes sociais. A sesión, que combinou teoría e práctica, foi de especial interese para o alumnado cando se enfrontaron á identificación de noticias falsas, aos bulos e ás campañas de intoxicación, e decatouse de que en ocasións é transmisor de informacións non contrastadas a través das diferentes redes nas que están presentes. Ante este escenario complexo e cambiante, en que se fala da "era da post-verdade", Paula Méndez resaltou a importancia do xornalista como mediador entre a información e a cidadanía en relación a aspectos como dereito á información, á liberdade de expresión e ao compromiso ético co rigor e a veracidade.

Finalmente, tras as preguntas do alumnado, deuse por rematado un obradoiro que ademais de axudarnos a construír uns cidadáns do futuro máis críticos e responsables, serviron de complemento idóneo para os contidos que se están a impartir nas aulas.

0 comentarios:

Publicar un comentario