Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 
Amosando publicacións coa etiqueta Concello de Soutomaior. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Concello de Soutomaior. Amosar todas as publicacións

XII Certame Verbas para Comunicar

mércores, 17 de abril de 2019


Bulide, que o prazo para o envío de traballos remata o 7 de maio. Tedes toda a información sobre o concurso na páxina do IES.

A obra teatral 'Anagnórise' inaugurou as actividades extraescolares do novo IES de Soutomaior

domingo, 25 de novembro de 2018



A novela Anagnórise, de María Victoria Moreno, foi a última lectura do curso pasado que fixo o alumnado de 3º ESO do CPI Manuel Padín Truiteiro para a materia de Lingua Galega. E Anagórise,o espectáculo teatral que preparou a compañía Limiar Teatro, é a primeira actividade extraescolar que se fai no novo IES de Soutomaior, á que acudiu aquel alumnado que agora xa se atopa en 4º da ESO.

A representación tivo lugar o pasado mércores 10 de outubro no Multiúsos de Arcade grazas á organización da Concellería de Cultura de Soutomaior, que nos convidou a participar da anagnórise, o recoñecemento da traxedia, o encontro cunha verdade oculta que tivemos fronte ao nariz. Unha historia de amor atemporal. Dos amores de xuventude que ninguén esquece, do primeiro amor. Nicolau marcha da casa para atopar un novo camiño que, paradoxo do destino, o levará de volta a casa. Saiu procurar e atopouse.

Para a compañía teatral, tamén foi unha ocasión especial, pois esta foi a última representación que fixeron dunha peza coa que homenaxearon a autora á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2018.

Contamos todas


Así se presenta o espectáculo ao que asistiron os mozos e mozas de 1º de Bacharelato o pasado martes 20 de novembro. Brais e Marta, membros da compañía Tropa de Trapo, achegáronnos a dúas historias de mulleres que perseguiron e alcanzaron os seus soños, foran as mociñas da terceira idade da aldea de Torneiros (Allariz) ou as bravas mulleres que conseguiron poñer fin á guerra que masacraba as súas vidas en Liberia. Exemplos de vida, exemplos de mulleres que se enfrontaron a diversos retos. Historias reais, sinceras e inspiradoras. Contos para reflexionar, modelos de empoderamento, de superación, de igualdade e de rebeldía. 


Logo, a través de diversas dinámicas activas e participativas, soou a voz do alumnado, que debateu sobre a violencia de xénero e a necesaria igualdade cunha intensidade e unha madurez que nos fai ser optimistas de cara ao futuro.



Esta foi unha das actividades que tiveron lugar ao longo desta semana previa ao 25N no marco do programa de prevención e sensibilización sobre a violencia de xénero que, baixo o lema "E ti, que fas pola igualdade?" organizou o CIM do Concello de Soutomaior.

Pola súa banda, todos os grupos de 1º a 4º da ESO participaron o mércores 21 e o venres 23 nos obradoiros que a psicóloga especialista en igualdade Paula Sánchez Álvarez impartiu un ano máis no noso centro. Da súa man, o alumnado abordou os conceptos de igualdade dende a propia responsabilidade e en positivo, mais sempre dende unha análise crítica coas estruturas patriarcais aínda dominantes na sociedade. A identificación das condutas sexistas e os estereotipos de xénero, a revisión dos roles femininos e, sobre todo, da nova masculinidade e o auxe global do movemento feminista foron outros dos aspectos traballados cunha xeración que avanza de forma imparable cara ao cambio.


Ilusión e compromiso nunha nova edición de Verbas para Comunicar

xoves, 17 de maio de 2018

Onte tivo lugar no pabillón da Montesiña a gala de entrega de premios do XI Concurso Verbas para Comunicar, que ten como obxectivo promover o uso da lingua galega entre a mocidade dun xeito lúdico e atractivo e asociado aos seus intereses e gustos con motivo do Día das Letras Galegas. Ao acto, ao que acudiron alumnos e alumnas do noso centro e do Colexio Santiago Apóstolo, foi conducido polo dúo Falabaratas, que deu paso á concesión de galardóns, entregados polo Alcalde, Agustín Reguera, e a Concelleira de Mocidade, Noelia Ocampo.

Nesta edición entregáronse case 300 traballos nas diferentes modalidades, entre textos, pezasde audio e gravacións audiovisuais. Hai que destacar unha grande presenza deproblemáticas como a violencia e a desigualdade de xénero e os lumes, que no outono pasado asolaron os montes do noso municipio. Dende o EDLG felicitamos a todos os participantes e animámosvos a manter, e mesmo mellorar, o nivel de cara ao ano que vén.

RELACIÓN DE TRABALLOS PREMIADOS DO NOSO ALUMNADO 

Redacción. Categoría A (12-14 anos).
- 1º Premio: Candela Paz Aguiar (1º ESO A), por Non!!!
- 3º Premio: Nikol Duarte Raña (2º ESO B), por Que é a vida?
- 5º Premio: Laura Pérez Barreiro (1º ESO A), por 12 meses para para o amor.
Redacción. Categoría B (15-18 anos)
- 2º Premio: Rime el Bahi (4º ESO B), por Branca Silueta.
- 6º Premio: Carala Mª Corugeira (2º ESO A), por As cinco inxustizas.
Audiovisual. Categoría A (12-14 anos) Individual
- 1º Premio: Xiara Suárez Valenti (2º ESO B), por Outra escola é posible.
- 3º Premio: Uxía Vidal Rubianes (1º ESo C), por A rapaza futbolista.
- 5º Premio: Sonia Baqueiro Abal (1º ESO B), por A autoestima.
- 6º Premio: Daniel Gallego Couñago (1º ESO C), por O peixiño.
Audiovisual. Categoría A (12-14 anos) Grupal (nesta categoría só se dan dous premios)
- 1º Premio: Izaskun Tellería e Lucía Costas (1º ESO B+C), por Parodiando a vida.
- 2º Premio: Anxo Barcia e Lola Barros (3º ESO C), por Non ao acoso.
Audiovisual. Categoría B (15-18 anos) Grupal (nesta categoría só se dan dous premios)
- 1º Premio: David Alján e Martín Otero (3º ESO B+C), por Dario.

Verbas para comunicar... un curso máis!!!

xoves, 1 de xuño de 2017

Este ano o concurso Verbas para Comunicar que convoca a Concellaría de Xuventude de Soutomaior cumpría 10 anos, de aí que as súas bases incluísen unha nova modalidade orientada ao audiovisual con posibilidade de participación individual e grupal. Ademais, a entrega de premios reuniu por vez primeira todo o alumnado de Secundaria e Bacharelato do noso centro e do Colexio Santiago Apóstolo nun acto que tivo lugar o pasado venres 19 de maio no Pavillón da Montesiña (galería de fotos).


Un ano máis tamén dámoslles os nosos parabéns a todos os alumnos e alumnas que participaron no concurso, felicitamos o Concello pola súa organización e, para rematar, destacamos e colgamos os textos premiados do noso alumnado:

Categoría A, de 12 a 14 anos. Redacción
Categoría B, de 15 a 20 anos. Redacción
Categoría B, de 15 a 20 anos. Audiovisual
  • 1º premio: Sara Buceta, por "Eu son".

O certame 'Verbas para comunicar' cumpre 10 anos

venres, 7 de abril de 2017

A Concellaría de Xuventude do Concello de Soutomaior convocou unha edición moi especial do concurso Verbas para comunicar, a décima!!! Si, van alá nada máis e nada menos que 10 anos dun certame que naceu para promover a creatividade literaria na mocidade e fomentar o uso da lingua galega. Para festexalo, o Verbas deste ano incorpora novas modalidades (audiovisual) e fórmulas de participación (en grupo), que pasamos a resumir deseguido.

Modalidade redacción
1.- A temática será libre tendo en conta que o obxectivo xeral é transmitir unha idea, unha opinión, un sentimento... que desexemos compartir con outras persoas.
2.- Estará redactado en galego e valorarase a corrección lingüística, así como a presentación adecuada e a orixinalidade do traballo.
3.- O texto non poderá superar as 12 liñas e presentarase en papel ou cartolina que non supere o tamaño A4. O formato é, polo tanto, tamén libre: prosa, poesía, unha mensaxe, unha carta, etc.
4.- A participación é individual.

Modalidade audiovisual
1.- Elaboración dun vídeo (curta) ou un audio (tema musical) cunha duración máxima de 5 minutos.
2.- Pode presentarse de maneira individual ou grupal (máximo 3 persoas).
3.- O traballo audiovisual pode gravarse con móbil ou cámara e entregarase nunha memoria USB.
4.- O traballo audiovisual terá que conter texto en lingua galega, escrito ou verbal, e por suposto orixinal.

Categorías: 
  • Categoría A: de 12 a 14 anos.
  • Categoría B: de 15 a 20 anos.
O prazo de presentación remata o 28 de abril ás 20:30h. Podedes consultar aquí as bases completas do certame., tamén os premios, que como todos os anos son moi atractivos. 

Non deixedes de consultar as vosas dúbidas co profesorado de Lingua e a OMIX do Concello, e -tendo en conta as novas modalidades do concurso- botade man dos coñecementos e os consellos, sobre todo, dos vosos profesores e profesoras de Plástica, Música e Tecnoloxía.

Resolución do Concurso Verbas para Comunicar 2016

luns, 16 de maio de 2016

O pasado venres celebrouse no Salón de Actos o acto de entrega dos premios acadados polo alumnado do noso colexio na IX edición Concurso Verbas para Comunicar, que organiza a Concellería de Xuventude de Soutomaior. Este ano presentáronse case 300 traballos entre os dous centros escolares de secundaria do municipio e, segundo confirmou o xurado, o veredito final foi ben difícil. 

Ao acto acudiron o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e mais a concelleira de Xuventude, Noelia Ocampo, que xunto co profesor Fernando Blanco tomaron a palabra para agradecerlle aos estudantes a alta participación e a calidade dos textos presentados no concurso e animaron a usar a lingua galega dentro e fóra das aulas, para expresar a súa creatividade e para empregar nas tarefas cotiás en todos os ámbitos da nosa vida. Ademais, ao finalizar a entrega de premios, na que todo o alumnado recibiu un agasallo do Concello, varios dos estudantes premiados foron entrevistadas pola Televisión de Soutomaior. Agardamos dispoñer en breve da gravación, así como das imaxes do fotógrafo do Concello, para partillalas con todos e todas vós.
 
O Deapartamento de Lingua Galega quere darvos os parabéns a todos os alumnos e alumnas participantes, así como ao concello por promover o uso da lingua galega no ámbito da creación literaria e a comunicación entre a mocidade.

Estes foron os textos premiados no noso centro escolar; non tedes máis que premer no título do texto para poder ler o traballo:

Categoría A (12 a 14 anos)

- 2º premio: Rime el Bahi, por Visión.
- 4º premio: María González Rodríguez, por Chámome Abugoh Abdala e teño 9 anos.
- 6º premio: Gabriel Alonso Martínez, por Por vós, esquecidos.

Categoría B (15 a 18 anos)

- 2º premio: Andrea Vilas Nieto, por Comunicar.
- 3º premio: Clara Álvarez Sobral, por Anacos, virutas e gretas.
- 6º premio: Aarón Tellería, por Microrrelato: Lembranza da infancia.

Unha nova edición do concurso Verbas para Comunicar

luns, 4 de abril de 2016

Como todos os anos por estas datas, a Concellaría de Xuventude do Concello de Soutomaior convoca a oitava edición do concurso Verbas para Comunicar, que procura promover a creatividade literaria na mocidade e fomentar o uso da lingua galega. Coma sempre, dende as aulas de Lingua Galega e dende o Equipo de Normalización Lingüística do colexio animámovos a participar. 

Tal e como falamos nas aulas, os requisitos recollidos nas bases son moi sinxelos á vez que abertos e flexibles para adaptar o certame aos vosos intereses e gustos. Basicamente, tede en conta que:

1. A temática e o estilo é libre xa que consiste na redacción dun texto en lingua galega que transmita unha idea, sentimento, opinión, etc., que nos gustaría compartir con outras persoas. pode ser en prosa, verso, en forma de carta, incluír ilustracións ou colaxes, etc.

2. O texto non poderá superar as 12 liñas e presentarase en papel ou cartolina que non supere o tamaño A4. O formato é, polo tanto, tamén libre: prosa, poesía, unha mensaxe, unha carta, un artigo de opinión, etc. 

3. Ademais de estar escrito en lingua galega, valorarase a corrección lingüística, así como unha presentación adecuada e a orixinalidade do traballo.

4. Diríxese ao alumnado da ESO, Bacharelato e FP e establécense dúas categorías: 
  • Categoría A: idades de 12 a 14 anos.
  • Categoría B: idades de 15 a 18 anos 

O prazo de presentación remata o venres 29 de abril e os traballos deben presentarse seguindo as instrucións recollidas nas bases, que podedes consultar aquí. 

Que máis? Ah, si, que agasallos hai? Todo o alumnado participante recibirá un pequeno agasallo durante o acto de entrega dos premios, que terá lugar arredor do Día das Letras Galegas. Ademais, sortearase un dicionario de lingua galega de Xerais e, ademais, os mellores traballos serán recompensados en cada unha das categorías con:
  1. Premio: Tablet 10", 16 Gb, 2 cám.
  2. Premio: Libro electrónico 6"
  3. Premio:Smartwatch Bluetooh
  4. Premio: Cámara fotográfica deportiva
  5. Premio: Auricular bluetooth
  6. Premio: Altofalantes bluetooth

Esgótase o prazo do certame Verbas para Comunicar 2015

xoves, 23 de abril de 2015

Xa vai quedando menos, apenas unha semana, para o peche da recepción de traballos da VII edición do concurso Verbas para Comunicar, que organiza a Concellaría de Xuventude do Concello de Soutomaior e no que colabora activamente o Equipo de Normalización Lingüística, o Departamento de Lingua Galega e o profesorado do ámbito sociolingüístico de 3º e 4º da ESO. Lembramos un resumo das bases do certame, que podedes consultar integramente nos taboleiros do colexio e as aulas, así como na páxina do Concello:
  1. A temática será libre tendo en conta que o obxectivo xeral é transmitir unha idea, unha opinión, un sentimento... que desexemos compartir con outras persoas. 
  2. Estará redactado en galego e valorarase a corrección lingüística, así como a presentación adecuada e a orixinalidade do traballo. 
  3. O texto non poderá superar as 12 liñas e presentarase en papel ou cartolina que non supere o tamaño A4. O formato é, polo tanto, tamén libre: prosa, poesía, unha mensaxe, unha carta, un artigo de opinión, etc. 
  4. Haberá dúas categorías: categoría A (de 12 a 14 anos) e categoría B (de 15 a 18 anos).
Non deixedes de consultar todas as dúbidas cos vosos profesores e profesoras e, xa sabedes, este ano hai uns premios mellores ca nunca. Son estes en cada unha das categorías: 
  • 1º Premio: Tablet 
  • 2º Premio: Tablet
  • 3º Premio: Libro electrónico
  • 4º Premio: Cámara fotográfica
  • 5º Premio: Marco dixital
  • 6º Premio: Impresora
E non o esquezades: o prazo remata o 30 de abril!

Tedes algo que comunicar?

mércores, 30 de abril de 2014

Un ano máis a Concellaría de Xuventude do Concello de Soutomaior convoca o Concurso Literario Verbas para comunicar, que xa chega á súa sétima edición. Este certame ten como obxectivo impulsar a creatividade, a comunicación e a lingua galega entre a mocidade do municipio. O Equipo de Normalización Lingüística do colexio, xunto co Departamento de Lingua Galega e o profesorado do ámbito sociolingüístico, colaboran neste certame para celebrar o Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica ao poeta Xosé María Díaz Castro. Nos taboleiros das aulas da ESO tamén podedes consultar as bases do concurso, que coma sempre ten uns premios moi atractivos en cada unha das categorías (A, de 12 a 14 anos; e B, de 15 a 18):
  • 1º Premio: Tablet
  • 2º Premio: Libro electrónico
  • 3º Premio: Cámara fotográfica
  • 4º Premio: Marco dixital
  • 5º Premio: Impresora
  • 6º Premio: auriculares
As bases son moi flexibles e abertas para que todos e todas vós atopedes iso tan importante que queredes expresar. Os requisitos básicos son:
  1. A temática será libre tendo en conta que o obxectivo xeral é transmitir unha idea, unha opinión, un sentimento... que desexemos compartir con outras persoas.
  2. Estará redactado en galego e valorarase a corrección lingüística, así como a presentación adecuada e a orixinalidade do traballo.
  3. O texto non poderá superar as 12 liñas e presentarase en papel ou cartolina que non supere o tamaño A4. O formato é, polo tanto, tamén libre: prosa, poesía, unha mensaxe, unha carta, un artigo de opinión, etc.
Pensade nunha idea, tirade dela, dádelle forma, pensade nos materiais se ides debuxar ou ilustrar o texto e... non deixedes de consultar todas as dúbidas cos vosos profesores e profesoras e, xa sabedes
E non esquezades que o prazo remata o 9 de maio!

II Certame de Relato Curto. A toda máquina!

venres, 10 de maio de 2013


O EDLG do CPI M. Padín Truiteiro convoca o II Certame de Relato Curto coa finalidade de promover a creación literaria no alumnado e incentivar a creatividade en galego.
Bases para a ESO e para o profesorado
1. Participantes: alumnado de todos os niveis educativos do colexio que estean matriculados no presente curso 2012-2012. Profesorado dos tres niveis educativos.
2. Temática: os relatos han de ser orixinais, estarán redactados en lingua galega e versarán sobre a temática que centrou o XIV Salón do libro e Infantil e Xuvenil de Pontevedra, co que sempre colabora o EDLG:
Do latín machĭna, a Máquina é un conxunto de mecanismos formado de elementos móbiles ou fixos dispostos para aproveitar, dirixir, regular ou transformar enerxía, permitindo realizar distintos traballos.
Inventáronse para solucionar grandes retos: un guindastre ou unha escavadora son máquinas; pero tamén unha bicicleta, os foguetes espaciais ou un simple coitelo, un ordenador, as escaleiras mecánicas… : son inventos humanos que reducen o esforzo necesario para realizar un traballo.
A máquina como o aparato que move o mundo, como artefacto que fai realidade todo o que imaxinemos. Por exemplo: unha máquina para pintar, unha máquina para escribir contos, outra para facer chicles, unha máquina para facer cóxegas, unha máquina para volverse invisible, etc.
O ser humano como máquina, as máquinas e o movemento, o escritor como máquina de combinar palabras, a máquina do tempo, máquinas de música… invitámosvos pois a maquinar sobre as máquinas.
3. Categorías:
• ESO: 1º ciclo e 2º ciclo da ESO.
• Profesorado.
4. Extensión máxima: a extensión dos relatos non poderá superar as 300 palabras. Os textos poderán incluír ilustracións referidas ao contido do conto, que non computarán como páxinas do relato.
5. Presentación:
Os traballos entregaranse ao profesorado de Lingua Galega nun sobre, que terá que incluír pseudónimo pola súa parte externa. Deberán entregarse en tamaño folio DIN A4, tamaño 11, a espazo e medio, debidamente grampado ou encadernado. En cada traballo figurará o pseudónimo do autor ou autora. Os datos persoais (nome e apelidos e curso) incluiranse nun papeliño dobrado no interior do sobre. O xurado valorará unha coidada presentación dos traballos (limpeza, corrección lingüística, orixinalidade, etc.).
6. Prazo de entrega: a data límite é o luns, 27 de maio, inclusive.
7. Premios: entregaranse dous premios por categoría, consistentes nun lote de obsequios doados polo Concello de Soutomaior e o EDLG.
8. Xurado: estará constituído por cinco membros da Comunidade Escolar do CPI Manuel Padín Truiteiro que sexan compoñentes do EDLG ou persoas delegadas polo Equipo para esta función.
9. A resolución: darase a coñecer no mes de maio. O acto de entrega será fixado e publicitado nesas datas pola organización do certame.
10. Publicación: os relatos gañadores publicaranse nos sitios web do centro.

Un ano máis, verbas para comunicar

martes, 23 de abril de 2013


Xa está en marcha o VI Concurso Literario Verbas para comunicar co que a Concellaría de Xuventude do Concello de Soutomaior procura impulsar a creatividade, a comunicación e a lingua galega entre os mozos e mozas do municipio. O Equipo de Normalización Lingüística do colexio, xunto co Departamento de Lingua Galega e o profesorado do ámbito sociolingüístico, colaboran neste certame que festexa un ano máis o Día das Letras Galegas. Podedes consultar as bases nos taboleiros das aulas da ESO e mais na páxina do concello (edición 2012), mais os requisitos básicos son moi simples á vez que moi flexibles e abertos para que todos e todas vós atopedes iso tan importante que queredes expresar:
  1. A temática será libre tendo en conta que o obxectivo xeral é transmitir unha idea, unha opinión, un sentimento... que desexemos compartir con outras persoas.
  2. Estará redactado en galego e valorarase a corrección lingüística, así como a presentación adecuada e a orixinalidade do traballo.
  3. O texto non poderá superar as 12 liñas e presentarase en papel ou cartolina que non supere o tamaño A4. O formato é, polo tanto, tamén libre: prosa, poesía, unha mensaxe, unha carta, un artigo de opinión, etc.
  4. Haberá dúas categorías: categoría A (de 12 a 14 anos) e categoría B (de 15 a 18 anos). 
Non deixedes de consultar todas as dúbidas cos vosos profesores e profesoras e, xa sabedes, este ano hai uns premios mellores ca nunca. Son estes en cada unha das categorías:
  • 1º Premio: Tablet
  • 2º Premio: Libro electrónico
  • 3º Premio: Cámara fotográfica
  • 4º Premio: Marco dixital
  • 5º Premio: Impresora
  • 6º Premio: auriculares
E non esquezades o prazo remata o 10 de maio!

Verbas para comunicar

xoves, 3 de maio de 2012

A Concellaría de Xuventude do Concello de Soutomaior convocou o concurso Verbas para comunicar, que procura promover a creatividade literaria na mocidade e fomentar o uso da lingua galega. Lembrade os requisitos que xa comentamos na aula e que son moi simples á vez que moi abertos e adaptábeis aos vosos intereses e gustos:
1.- A temática será libre tendo en conta que o obxectivo xeral é transmitir unha idea, unha opinión, un sentimento... que desexemos compartir con outras persoas.
2.- Estará redactado en galego e valorarase a corrección lingüística, así como a presentación adecuada e a orixinalidade do traballo.
3.- O texto non poderá superar as 12 liñas e presentarase en papel ou cartolina que non supere o tamaño A4. O formato é, polo tanto, tamén libre: prosa, poesía, unha mensaxe, unha carta, etc.

Podedes consultar as bases do certame aquí.

E lembrade que hai uns premios moi interesantes!