Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Ámote

mércores, 15 de febreiro de 2012

Unha videocreación do Proxecto Audiovisual As Barxas e o Departamento de Normalización deste instituto de Moaña, no que participaron alumnos e alumnas de 1º da ESO para dicir ben alto que "non renunciamos..." ao "futuro que soñamos para a lingua" porque "eu falo galego porque o amo...".



Aproveitamos esta mensaxe de amor que nos chega dende a outra beira da ría, dende o mesmo Morrazo, para completar esta dedicatoria cunha carta de amor publicada por Séchu Sende no seu libro Made in Galiza.

Estou contigo

Supoño que todo tería sido diferente se aos dezaseis anos non decidise achegarme a ti. Non se trata de saber exactamente porque senón de recordar que un día descubrín que non podía seguir vivindo sen estar contigo.

Era como se te vise en todas partes e ao mesmo tempo estabas tan lonxe... E iso que sempre estiveches aí, realmente, ao alcance da man, como esperándome. E só tiven que dar un paso. Ao principio era estraño algunhas veces. Aínda que hoxe descubro en ti cousas novas todos os días, daquela coñecíate pouco.

Lembras cando aquela profe de inglés me dixo que non eras unha boa compañía? Ou cando meu pai puxo aquela cara de pensar preocupado "Pois parece que isto vai en serio"? Nin sequera podo imaxinar como tería sido eu se non decidise que ti formarías parte da miña vida. Tampouco se trata de se tería sido mellor ou peor senón de que sería sinxelamente diferente e é precisamente iso o que me resulta difícil de imaxinar: vivir sen ti.

O que teño claro é que se decidín facelo foi porque me parecías interesante, porque contigo me sentía ben, porque me facías descubrir cousas, porque confiaba en ti e me dabas confianza e sabía que ti sentías o mesmo por min. E porque cando me dei conta souben que xa non era posíbel vivir sen estarmos xuntos. Que nos necesitabamos.

É curioso. Lembro como se sorprendía a xente que me coñecía cando comezou a vernos xuntos. Sorprendíase porque estaba contigo, como se estivese facendo algo inesperado ou estraño. Ou prohibido. Parecían non comprendelo.

Non te coñecían o suficiente. Aínda que sempre lles gustaches máis ou menos, non confiaban en ti. Con ela non vas chegar a ningún lado, dicían. Pouco a pouco foron acostumándose e cambiando de parecer a medida que viron que o noso ía para adiante.

Demostrámoslles que se equivocaban e isto estivo ben.

Así que a miña vida correu por ese camiño contigo e foime ben e mal como a todo o mundo que ten sombra e respira: acabar os estudos, o paro, o primeiro traballo e, en fin, o resto das cousas que vivimos xuntos sabendo que o noso era para sempre.

Quería reflexionar un pouco sobre todo isto e recordar que decidir vivir contigo foi unha das mellores eleccións da miña vida.

Quería dicircho sinceramente: Cambiaches a miña vida e déboche tantas cousas...

Quería dicirche Grazas.

E quería decirche que estou contigo, miña lingua.

Mergullámonos na Galiza máxica

martes, 7 de febreiro de 2012

O profesor Xosé Couñago convidounos esta tarde a percorrer canda el unha marabillosa viaxe pola Galiza máxica. Os castros onde habitan as mouras, as barcas de pedra nas que as almas viaxan ao alén, as pontes dadoras da vida, as minas e covas que agochan formidábeis tesouros, as fontes que sandan os enfermos, o ara solis onde os nosos devanceiros lle rendían homenaxe á deidade solar... todos eles lugares máxicos onde o pobo foi tecendo unha e mil historias e ritos, espazos nos que o sobrenatural se fundiu co humano para dotar de significados a memoria colectiva.

Couñago, especialista no patrimonio etnográfico popular, guiounos polos lugares da maxia e foi apoiando a súa disertación con pequenas mostras da literatura oral e imaxes tiradas aquí e alá, algunhas un pouco máis lonxe (Fisterra, Malpica, O
Pindo, Santo Andrés de Teixido, San Cibrao de Lás, Bande...) e outras algo máis perto de nós: Redondela, Ponteareas, Vigo... Pontesampaio... A Peneda. Porque o noso convidado tamén nos fixo unha encarga: indagar na nosa contorna para recoller esta riqueza patrimonial e acudir aos maiores para evitar que toda esa sabiduría se poida perder. Niso andamos e andaremos nas próximas semanas e iremos dando conta das nosas pescudas neste blogue.

Sirva para ilustrar esta crónica a lenda que nos contou para rematar o noso encontro, "A moura do Castelo de Negros", localizada no Monte Penide (Redondela).

As variedades xeográficas do galego

Unha viaxe pola Galicia máxica

venres, 3 de febreiro de 2012


O vindeiro martes 7 o alumnado de 1º da ESO asistirá á conferencia "Unha viaxe pola Galicia máxica", que impartirá Xosé Couñago, profesor da Escola Oficial de Idiomas de Vigo e especialista en patrimonio etnográfico, como ben se pode comprobar nunha espléndida e completísima páxina que mantén sobre o Patrimonio cultural de Vigo. Ademais, o noso convidado conduce o programa Lendas Vivas, de V Televisión, unha serie documental divulgativa que inclúe recreacións de mitos e historias populares de transmisión oral coa intención de achegarnos "ao momento no que a historia se transforma en mito, ao momento no que os contos se converten en lendas vivas".

A charla de Couñago abordará a existencia dos lugares máxicos e as lendas a eles relacionadas e Soutomaior e os concellos limítrofes tamén serán obxecto da súa disertación, que agardamos dende o Equipo de Normalización Lingüística e o Departamento de Lingua Galega que sirva para coñecer mellor o noso patrimonio cultural oral e motive o alumnado na elaboración dos seus contos para o Certame de relato curto.

A lenda de Sleppy Hollow e outros relatos, de Washington Irving

mércores, 1 de febreiro de 2012

A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos
Galiza, 2009

A lenda de Sleppy Hollow está considerada coma unha das obras mestras do escritor Washington Irving. Foi publicada por primeira vez no ano 1820. Podería dicirse que esta é unha novela de terror antigo e todos os relatos que a acompañan seguen ese fío misterioso típico neste tipo de terror. Este libro foi levado ao cine en tres ocasións. A primeira foi en 1922 nunha película de Edward Venturini titulada The Headless Horseman. A seguinte foi producida por Walt Disney en 1949. E a ultima e máis lograda foi a producida polo carismático director Tim Burton. Aínda que a historia non era exactamente igual reflectiu perfectamente a novela.


Falando do libro

Este libro conta con cinco relatos, un principal e outros de acompañamento. O principal é “Sleppy Hollow”, que trata dun pobo irlandés no que existe unha lenda dun xinete sen cabeza que anda na procura da súa e mata a xente que pasa polo seu bosque. A esa aldea chega un mestre chamado Ichabond Crane. El é un home alto e espigado ao que lle gusta ler novelas de terror, o que o fai estraño xa que é moi medorento. Un día, nunha festa que organizara unha rapaza chamada Katrina, cóntanlle a lenda e rétano a pasar polo bosque do xinete.

Outro relato é “Rip Van Winkle”, que fala da historia dun vello desgraciado chamado Rip que é explotado pola súa muller. Tódolos días ía pasear ao monte co seu can. Un deses días atópase cun estraño personaxe que porta un barril. O señor pídelle axuda e a cambio dálle a beber do seu barril. Cando Rip bebe daquilo queda durmido no acto e esperta pouco despois nun mundo totalmente diferente.

O seguinte relato chamado “O espectro do noivo”. Trata dun rei que quería casar a súa filla. Ofrécelle a un conde que vivía lonxe de alí que casara con ela. Cando o conde se dirixía alí foi asasinado e pediulle a un amigo seu que fora avisar o rei da súa morte. Cando chegou ninguén lle facía caso e casárono coa filla do rei. El namorou dela e non dixo nada.

“O demo e Tom Walker” é un deses típicos relatos de pactos co demo que nunca acaban ben. Tom era un pobre desgraciado que non tiña nin para comer. Un día atopou ao demo e fixo un pacto con el.

O ultimo relato é “A aventura do Estudante Alemán”. É a historia dun estudante que enlouqueceu e decidiu viaxar a París na época de revolución. Alí coñeceu unha rapaza e invitouna á súa casa. Ao día seguinte, cando volveu de dar un paseo, topou a rapaza morta na cama.

A miña valoración:

Esta serie de relatos tratan historias típicas de terror: lendas, pactos co demo, pantasmas, etc... Eu non son un amante dos libros de terror pero estes sorprendéronme moito porque son moi directos e o seu estilo fai que saibas xa dende principio o que vai acontecer. Conten unha linguaxe non moi culta que o fai fácil de ler. Paréceme que este libro presenta unha sociedade antiga marcada pola pobreza e a loucura.

FRANCISCO MIGUEZ PAZOS (3ºB)