Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

"Xiros de luz", relato de Olalla Castrillo premiado no V Certame de Relato Curto FANPA

mércores, 31 de maio de 2017

Imaxe: Kalandraka
A alumna Olalla Castrillo Sánchez (4º ESO A) gañou co relato "Xiros de luz" o V Certame de Relato Curto que organiza a Federación Provincial de ANPAS de centros públicos na categoría reservada ao alumnado de Educación Secundaria. O relato de Olalla, que xa fora finalista en anteriores edicións, xa aparece xunto cos 120 traballos finalistas, dun total de máis de 800 textos, nun libro conmemorativo publicado pola Editorial Kalandraka e distribuído na gala que se celebrou onte no Pazo da Cultura de Pontevedra e que tivo como padriño o escritor Xabier P. Docampo.

Imaxe: Kalandraka
Ademais, como gañadora dunha das cinco categorías, recibiu un vale de 200€ do Concello de Pontevedra, un lote de libros de Kalandraka, un xogo doado pola FANPA e unha lámina autenticada polo ilustrador Xosé Cobas. Así mesmo, participará nun obradoiro de creación literaria que impartirá no mes de xuño a escola de escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Recomendamos vivamente a lectura do seu relato e agardamos que Olalla, que remata os seus estudos no noso centro, siga a deleitarnos no futuro coas súas creacións literarias. Noraboa!

Xiros de luz

Ela soa no escenario. Aquela bailarina encandeaba o público con cada paso que daba. Tan grácil, tan delicada, que parecía deterse a cada segundo. Pero non. Alí seguía executando maxestosos pasos que deixaban o espectador ensimesmado, hipnotizado, coa boca aberta.
 
Ao principio parecera tímida, mais logo lograra una desenvoltura cada vez maior. Agora, o escenario de madeira parecía tremer baixo os seus pés con eses saltos, voltas e reviravoltas, deslizándose desde o chan e elevándose no aire, con eses xiros hipnóticos e eses xogos de luces e sombras que realzaban a súa beleza, combinando pasos suaves con enérxicos saltos, de maneira que cando semellaba desaparecer, xurdía de novo, coma se do ave Fénix se tratara.
 
Pero todo o que empeza ten que rematar e a danzarina foi perdendo folgos e decaendo. Con toda a enerxía que mostrara un intre atrás resultaba difícil crer que murchase tan pronto e, tras un pequeno intento de rexurdir, a súa enerxía esgotouse. Todo o que quedou dela foi un tronco carbonizado na cheminea que antes fora o seu escenario.
 
Ao ver isto, o home que contemplaba o tronco arder fixo prender de novo a diminuta faísca que quedaba entre as cinzas e o lume volveu danzar, primeiro timidamente, logo con brío, enfeitizando o seu espectador coas súas máxicas piruetas.