Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 
Amosando publicacións coa etiqueta Rosa Aneiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rosa Aneiros. Amosar todas as publicacións

Unha man de lecturas para abrir o curso

domingo, 4 de outubro de 2015

Tras a posta en común que fixemos na aula a semana pasada a respecto das lecturas deste trimestre, esta é a primeira selección de títulos. Os criterios seguidos para a súa escolla foron a diversidade temática e estilística, a súa actualidade e as posibilidades que ofrecen para seren traballadas tamén creativamente. Son apenas cinco, unha man, non máis, para permitir o diálogo entre os lectores e lectoras. 

Unha novela negra: A praia dos afogados (Galaxia, 2009), de Domingo Villar

Despois do éxito de Ollos de auga, Domingo Villar preséntanos esta apaixonante novela de intriga que mergulla o lector no mundo da Galicia mariñeira, desde os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e as tabernas da cidade de Vigo.

A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba....

E ata aquí podemos ler! Novela multipremiada e traducida a diferentes idiomas, a obra está a piques de ser estreada na grande pantalla, este é o tráiler da película.




Unha historia de misterio, de lendas, de suspense: As sete mortes (Galaxia, 2009), de Carlos Vila Sexto

"Varona inclinouse sobre o cadáver e apartou a saba. Laura quedou paralizada. Soubo de inmediato que aquel caso non ía facer máis que complicarlle a vida...". Un relato fascinante que combina crime, esoterismo e misterio. Para quedar atrapados ata a última páxina... polo inevitable. 

Os protagonistas da historia, un misterioso home de pasado incerto e unha incrible facilidade para sobrevivir e unha restauradora afectada por un trauma persoal, emprenden unha viaxe que dende Ourense lévaos por toda Galicia pasando por Lugo, O Courel, Fisterra e Santa tegra ata a Torre de Hércules. Unha viaxe desesperada que é ao mesmo tempo unha fuxida para salvar a súa vida e unha procura da súa propia identidade seguindo as pistas atopadas nun antigo pergamiño no que a lenda dos descendentes de Breogán transfórmase en realidade (Clube de Lectura do IES Poeta Añón).

De amores e viaxes, unha novela iniciática: Ámote Leo A. I. Destino Xalundes (Xerais, 2013), de Rosa Aneiros

Catro amigos e unha gran viaxe. Este era o plan de Leo ao rematar os estudos universitarios. En cambio, todo se esborralla uns meses antes de partir, cando os seus colegas se botan atrás e Leo debe afrontar unha decisión transcendental: desistir ela tamén ou marchar soa. A encrucillada é difícil e as dúbidas afógana, pero a ansia por coñecer mundo pode máis que todos os medos. Por fin, unha mañá de xaneiro fai oídos xordos ás advertencias familiares e toma un avión con destino ao sur. Estará fóra exactamente seis meses, nin día máis nin día menos. Aquí comeza un periplo cheo de aventuras e de personaxes fascinantes no que os seus pés a levarán moito máis lonxe do que nunca imaxinara. 

Moito ollo, engancha! Os lectores e lectoras do curso pasado devoraron a segunda e a terceira parte na procura de novas cidades, novas culturas e do autor da misteriosa mensaxe que Leo atopa en todos os lugares que visita.


Unha intensa adolescencia en O corazón de Xúpiter (Xerais, 2012), de Ledicia Costas

Non foi doado para Isla mudar de cidade e empezar de cero nun novo instituto. Devecía por dar un paseo polo espazo, avistando planetas a través do telescopio, mergullada no ventre do universo. Casiopea, o nome da tartaruga máxica de Momo, era o nick que empregaba nos foros sobre astronomía nos que participaba adoito. Alí coñeceu a Xúpiter, alguén que semellaba saber moito de estrelas. As longas conversas até ben entrada a madrugada prenderan unha luz, entre os dous existía unha maxia que traspasaba as fronteiras do ciberespazo. Isla sentiu a necesidade de sabelo todo sobre Xúpiter: onde vivía, a que instituto ía, o seu nome real…

Se queredes coñecer máis polo miúdo as motivacións e o proceso da escrita desta novela, non tedes máis que escoitar esta conversa que Ledicia Costas mantivo co alumnado do IES do Porto do Son.




Cando as paredes falan, en Reo (Galaxia, 2014), de Xesús Fraga

Reo é o rei dos graffiteiros da cidade: o que máis bombardea coa súa sinatura, o máis comprometido coa súa arte; o mellor. O graffiti é o que lle permite dar saída a todas as inquedanzas que lle bolen na cabeza. Ata que un día un misterioso rival o reta nos muros da cidade. Unha confrontación da que emerxerá transformado, aínda que non como Reo espera. Velaquí un dos argumentos da novela gañadora do Premio Raíña Lupa de Literatura Xuvenil 2013 e na que, ademáis de envolvernos nunha trama trepidante arredor de Reo, o hip hop, as bandas dos barrios e ás veces a tristeira vida cotiá de quen ten horizontes máis grandes, deita unha interesante reflexión sobre a vida dos mozos e mozas dos nosos días, sobre as súas angueiras e esperanzas. Reo está escrita nunha linguaxe directa que nos atrapa dende o primeiro instante, como un graffiti colorido e ben feito. Directo. Engaiolante. Definitivo.


Ademais do booktráiler, o autor acompañou o proceso creativo desta novela a través deste blogue.

Lecturas da 2ª avaliación (3º ESO)

domingo, 29 de decembro de 2013

Dende a barra do Luzada, Patricia contempla os camiños que toman as vidas dos seareiros do bar, historias que se entrecruzan e que viaxan dende os lugares máis íntimos do ser humano ata os espazos máis afastados e remotos en calquera parte do mundo. Este é un convite para entrar no Luzada, sentar a unha mesa e coñecer os personaxes creados por Rosa Aneiros. Esta novela, publicada por Xerais no ano 2009 na colección Fóra de Xogo, foi galardoada cos Premios Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Xuvenil 2009 e The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) 2010. 

Ademais desta lectura obrigatoria do trimestre, sobre a que iremos traballando aos poucos nas aulas, tamén podedes escoller algunha das lecturas optativas que se recollen na seguinte listaxe, que non está pechada senón que se irá aumentando ao longo do curso. Calquera outro título que queirades propoñer debe ser comunicado ao profesor, ao que tamén lle podedes pedir algunha recomendación que responda aos vosos gustos e intereses. 

Narrativa
  • Ledicia Costas, Corazón de Xúpiter, Edicións Xerais. Sinopse
  • Eric-Emmanuel Schmitt, O señor Ibrahim e as flores do Corán, Faktoria K. Sinopse. Tráiler do filme.
  • Fernando Cimadevila, O mundo secreto de Basilius Hoffman (I e II), Urco Editora. Páxina web.
  • Óscar Wilde, O retrato de Dorian Gray, Urco Editora. Reseña
  • Xurxo Borrazás, Criminal, Sotelo Blanco. Sinopse
Poesía
Banda Deseñada
Teatro
  • Castelao, Os vellos non deben de namorarse, Editorial Galaxia. Sinopse
  • Manuel Núñez Singala, Comedia Bífida, Edicorial Galaxia. Sinopse