Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 
Amosando publicacións coa etiqueta Kalandraka. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Kalandraka. Amosar todas as publicacións

David Alján, finalista no VII Certame de Relato Curto organizado pola FANPA

sábado, 1 de xuño de 2019


David Alján Lusquiños, alumno de 4º ESO, volveu dar mostra das súas dotes para a escrita literaria no VII Certame de Relato Curto convocado pola FANPA para todos os centros públicos da provincia. A participación nesta edición acadou unha cifra récord con 1300 textos nas diferentes categorías (Primaria, ESO, Bacharelato e FP e Adultos) e só 120 relatos pasaron á final.

Ademais deste recoñecemento e do diploma acreditativo, o relato "O panda" recóllese nun libro publicado pola editorial Kalandraka, fermosamente ilustrado por Ramón G. Trigo e amadriñado pola escritora Concha Blanco, que foi homenaxeada no acto de entrega de premios que tivo lugar no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra este venres 31 de maio. Ademais, o texto será publicado neste verán nas páxinas do Diario de Pontevedra, pero xa podedes lelo, e recomendamos vivamente a súa lectura, premendo aquí

Moitos parabéns, David, e grazas por compartir con todos e todas nós as túas creacións.

VII Certame de Relato Curto da Federación de ANPAs de Pontevedra

sábado, 2 de febreiro de 2019


A Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra (FANPA) convoca unha nova edición, e xa van sete, do seu Concurso de Relato Curto, que procura fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escrita, estimular o uso do galego nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores/as, apoiar os escritores/as noveis e afeccionados/as, crear un espazo común e familiar para a creación literaria.

Os traballos deben conter entre 200 e 300 palabras e a temática é libre. Pode participar, en cadansúa modalidade, tanto o alumnado da ESO e o Bacharelato como as familias e o profesorado e a data límite para o envío de traballos é o 28 de febreiro. 

http://blogs.nontedurmas.org/certame/wp-content/uploads/sites/4/2019/01/Bases_vii_edicion.pdf

O alumnado do CPI Manuel Padín Truiteiro tiña experiencia neste certame pois foron varias ocasións nas que diversas alumnas, como María González, chegaron á selección final e mesmo gañaron o concurso, como foi o caso de Olalla Castrillo co relato Xiros de luz na edición de 2017. 

Haberá que tentalo dende o novo IES, non é?

"Xiros de luz", relato de Olalla Castrillo premiado no V Certame de Relato Curto FANPA

mércores, 31 de maio de 2017

Imaxe: Kalandraka
A alumna Olalla Castrillo Sánchez (4º ESO A) gañou co relato "Xiros de luz" o V Certame de Relato Curto que organiza a Federación Provincial de ANPAS de centros públicos na categoría reservada ao alumnado de Educación Secundaria. O relato de Olalla, que xa fora finalista en anteriores edicións, xa aparece xunto cos 120 traballos finalistas, dun total de máis de 800 textos, nun libro conmemorativo publicado pola Editorial Kalandraka e distribuído na gala que se celebrou onte no Pazo da Cultura de Pontevedra e que tivo como padriño o escritor Xabier P. Docampo.

Imaxe: Kalandraka
Ademais, como gañadora dunha das cinco categorías, recibiu un vale de 200€ do Concello de Pontevedra, un lote de libros de Kalandraka, un xogo doado pola FANPA e unha lámina autenticada polo ilustrador Xosé Cobas. Así mesmo, participará nun obradoiro de creación literaria que impartirá no mes de xuño a escola de escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

Recomendamos vivamente a lectura do seu relato e agardamos que Olalla, que remata os seus estudos no noso centro, siga a deleitarnos no futuro coas súas creacións literarias. Noraboa!

Xiros de luz

Ela soa no escenario. Aquela bailarina encandeaba o público con cada paso que daba. Tan grácil, tan delicada, que parecía deterse a cada segundo. Pero non. Alí seguía executando maxestosos pasos que deixaban o espectador ensimesmado, hipnotizado, coa boca aberta.
 
Ao principio parecera tímida, mais logo lograra una desenvoltura cada vez maior. Agora, o escenario de madeira parecía tremer baixo os seus pés con eses saltos, voltas e reviravoltas, deslizándose desde o chan e elevándose no aire, con eses xiros hipnóticos e eses xogos de luces e sombras que realzaban a súa beleza, combinando pasos suaves con enérxicos saltos, de maneira que cando semellaba desaparecer, xurdía de novo, coma se do ave Fénix se tratara.
 
Pero todo o que empeza ten que rematar e a danzarina foi perdendo folgos e decaendo. Con toda a enerxía que mostrara un intre atrás resultaba difícil crer que murchase tan pronto e, tras un pequeno intento de rexurdir, a súa enerxía esgotouse. Todo o que quedou dela foi un tronco carbonizado na cheminea que antes fora o seu escenario.
 
Ao ver isto, o home que contemplaba o tronco arder fixo prender de novo a diminuta faísca que quedaba entre as cinzas e o lume volveu danzar, primeiro timidamente, logo con brío, enfeitizando o seu espectador coas súas máxicas piruetas.

Marchando unha de concursos!

mércores, 11 de febreiro de 2015

Este mes de febreiro vén cargado de concursos literarios aos que podedes presentar os vosos traballos. Publicamos tres certames que tocan tres modalidades diferentes: poesía, relato e mensaxes breves de amor. Resumimos as bases, que podedes consultar completas nas ligazóns correspondentes.

VIII Certame de Poesía "Concello de Mugardos"

Establécense tres categorías nas que o xurado designará un/unha gañador/a por categoría: 
  • Ata 12 anos
  • De 13 a 17 anos
  • Iguais ou maiores de 18 anos
Cada concursante poderá presentar unha única poesía, que se axustará ás seguintes normas:
  • Tema: libre.
  • Lingua: galega.
  • Forma e extensión: DIN A4 por unha cara (extensión máxima), mecanografada a dobre espazo, corpo de letra 14 e encabezada polo título 
  • Premios: bono para a compra de libros por valor de 40€. 
  • As poesías terán que ser orixinais, inéditas e non premiadas en calquera outro tipo de concurso. 
  • Prazo: ata o 16 de febreiro 
Toda a información en: http://ir.gl/335aa


Lingua de namorar, concurso en liña de mensaxes de amor

Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes escritas en lingua galega, en prosa ou en verso, ao concurso Lingua de namorar (extensión máxima de 350 caracteres para cada mensaxe).

Establécense dúas categorías e os seguintes premios:
  • Categoría A (de 14 a 19 anos):
- Primeiro premio. Cámara somerxible Fujifilm FinePix XP70 + actividade de aventura para dúas persoas.
- Segundo premio. Tablet para lectura Kindle, con pantalla táctil de 6’’
- Terceiro premio. Videocámara deporte dixital impermeable

  • Categoría B (de 20 a 35 anos):
- Primeiro premio. Tablet 4.0, 10,1’’ de 32 XG + actividade de aventura para dúas persoas
- Segundo premio. Disco duro Toshiba Canvio Basics 2.5’’ (USB 3.0, 1 TB)
- Tarxeta regalo Spotify Premium de 6 meses

Prazo: ata o domingo 22 de febreiro.

Máis información en http://www.xunta.es/linguagalega/lingua_de_namorar. Estas foron as mensaxes gañadoras da Categoría A na edición do ano pasado.

III Certame de Relato Curto FAMPA / Kalandraka

Establécense catro categorías:
  • Primaria
  • Secundaria 
  • Bacharelato
  • Adultos/as
Cada concursante poderá presentar un traballo, orixinal e inédito, que deberá cumprir as seguintes normas:
  • Tema: libre.
  • Lingua: galega.
  • Formato: poderanse enviar en formatos doc., docx. ou .odt, letra Times New Roman, tamaño de letra 12 e interliñado de 1'5.
  •  e extensión:deberá ter unha extensión mínima de 200 palabras e unha máxina de 300.
  • Premios para Primaria e ESO: un vale de 200€, un lote de libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador Marc Taeger. Ademais, todas as persoas gañadoras e finalistas (ata un máximo de 100) recibirán un libro cos seus relatos e mais outro dun autor ou autora profesionais.
  • Prazo: ata o 28 de febreiro
Toda a información en: http://ir.gl/2b3c75 

A organización do concurso dános unha serie de consellos para escribir un relato curto: http://www.nontedurmas.org/concursos-e-certames/article/iii-certame-de-relato-curto#forum707

I Concurso de Microrrelatos Salón do Libro de Pontevedra
  • Destinatarios/as: alumnado de Ensino Secundario
  • Lingua: galega.
  • Formato: a organización do Salón do Libro colgará na súa conta de Twitter, @SalondoLibro, o inicio dunha historia que o alumnado participante deberá completar con, como máximo, tres chíos, baixo o hastag #daCienciaFiccion. No caso de que se publique máis dun chío, deben indicar a súa orde da seguinte forma: 1/3, 2/3 y 3/3.
  • Prazo: do 9 de febreiro ao 2 de marzo. A resiolución farase pública o 5 de marzo.
Máis información en: http://ir.gl/65b3ce

Participa no II Certame de Relato Curto das ANPAS de Pontevedra

venres, 7 de febreiro de 2014


Todo o alumnado de Primaria e a ESO do noso colexio pode participar no II Certame de Relato Curto que organiza a Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra (FANPA), así como as persoas adultas que convivan con estes rapaces e rapazas, xa que un dos obxectivos desta iniciativa é “crear un espazo común e familiar para a creación literaria”, de xeito que os nenos e nenas, mozos e mozas, animen a escribir aos maiores que, no caso dos escritores noveis, teñen neste concurso unha vía de expresión e difusión dos seus textos.

Resumo das Bases:
- Prazo de entrega: finaliza o 28 de febreiro de 2014. 
- Os textos deberán ser obras orixinais e inéditas, escritas en galego e non premiadas noutros certames. 
- Temática libre. 
- Extensión: entre 200 e 300 palabras. 
- Presentación dos textos: envíanse a certame14@nontedurmas.org. Nun arquivo denominado “datos” figurarán os datos da persoa participante; no denominado “relato” deberá constar a obra, o título, o pseudónimo do autor/a e a categoría.
- A decisión do xurado darase a coñecer a finais de maio de 2014. 
- Premios: haberá un gañador en cada categoría (primaria, secundaria, bacharelato e adultos). Cada un recibirá un vale de 200 euros, un lote de libros de Kalandraka e una lámina autenticada polo ilustrador Pablo Otero, autor do cartaz do certame. Ademais tanto os gañadores como os finalistas (ata un máximo de 100) recibirán un libro colectivo cos seus relatos, producido por Kalandraka.
As bases completas pódense consultar aquí.

Anímate e participa!