Ao noso redor vive xente extraordinaria, persoas con superpoderes que os demais non posuímos, non entendemos e mesmo rexeitamos. Max e Noe, os protagonistas da curtametraxe de Martín Fiallega que vimos na aula, son dúas desas persoas, que se enfrontan á incomprensión da sociedade á súa maneira e que alimentan o seu amor nesa "a-normalidade", a do Síndrome de Tourettes.
Esta síndrome é un trastorno neurolóxico do que se descoñece a orixe pero sábese que consiste en determinadas anormalidades que se dan en diversas rexións do cerebro, nos circuítos que conectan esas rexións e nos neurotransmisores que permiten a conexión entre as célulsas nerviosas. O síntoma máis evidente é a existencia de tics nas persoas que a padecen mais os trastornos poden ser variados: movementos e sons vocais involuntarios e repetidos, déficit de atención, problemas no sono, etc. e mesmo a emisión involuntaria de palabras e frases inapropiadas e soeces, é o que se chama coprolalia. No documental "Gente Extraordinaria: tu mente es tu enemiga", emitido por Cuatro, podedes coñecer os casos de Gilliam ou Andrew, entre outras persoas.
Esta curtametraxe foi realizada por Canle 4, o Ciclo de Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos do Centro de Formación Profesional A Farixa de Ourense baixo a dirección de Martín Fiallega. No curso pasado foi o traballo máis valorado polos miles de alumnos e alumnas que participaron na "Semana das Curtas" organizada pola Coordinadora Galega de ENDL.
Xa sabedes, logo do seu pase nas aulas, agora sodes vós os que tedes que facer unha valoración da curtametraxe, unha breve reseña na que opinedes sobre este traballo... e non vos esquezades da música: "Para che falar de amor", tema de Ataque Escampe, no que versionan unha canción de Andrés Dobarro; e "Afundido no lixo", de Skacha.