Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 
Amosando publicacións coa etiqueta Patricia Sánchez Lamas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Patricia Sánchez Lamas. Amosar todas as publicacións

María Victoria Moreno, escolma de recursos para o Día das Letras Galegas 2018

martes, 10 de abril de 2018


Xa non queda nada para festexarmos o Día das Letras Galegas 2018, o día en que a nosa literatura e a nosa lingua se visten de gala para celebrar a súa vizosa creatividade e a necesidade de promover e potenciar o uso do noso idioma para que cumpra 1000 primaveras máis.

Este ano a autora homenaxeada será María Victoria Moreno, a escritora estremeña que aló polo ano 1963 chegou a Pontevedra como profesora para asumir, conscientemente, unha vida e unha obra en lingua galega. Tal e como diría ela anos máis tarde, "a miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor".  E así foi como a este amor e ao seu compromiso coa docencia e o ensino, que recoñecen moitas xeracións de pontevedreses e pontevedresas que pasaron polas súas aulas de lingua e literatura, sumou unha obra literaria que nos deixou algúns dos títulos máis recoñecidos entre o público infantil e xuvenil.

Ademais das numerosas actividades que se están a levar a cabo e a argallar ao redor da súa figura nestes meses, a continuación facemos unha selección de recursos e materiais que de seguro nos axudan a coñecer mellor a súa achega á cultura galega:
  • Real Academia Galega: inclúe unha biografía, información sobre a súa obra e unha interesante sección sobre as actividades que se están xerando ao redor da autora neste ano.

  • Seminario Galán: como todos os anos, os compañeiros e compañeiras do Seminario elaboraron un completísimo monográfico para levar ás aulas a obra e a vida da persoa á que se lle dedica esta efeméride. Materiais imprimibles (biografías, dípticos, exposicións, cadernos de actividades...), libros interactivos multimedia e álbum de imaxes da autora conforman un conxunto de recursos adptados a cada curso de Infantil e Primaria.
  • Letras Galegas 2018: a profesora Patricia Sánchez Lamas, autora do blogue de referencia A fiestra da mestra, non para e elaborou unha páxina web que, ao lado de fichas idóneas para imprimir e traballar na clase, incorpora unhas actividades tan orixinais como unha "Regueifa das Letras" e as "Píldoras para Victoria", ademais dunha "Biografía sonorizada" e un "Concurso das Letras". Van alá os nosos parabéns e agradecementos para esta compañeira polo seu traballo e por partillalo con nós!

Finalmente, incluímos a páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que inclúe traballos e propostas que se están a desenvolver nos centros de ensino, e a selección de recursos e novidades sobre as Letras da revista Botóns, o Portal Galega da Educación.