Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 
Amosando publicacións coa etiqueta María Victoria Moreno. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta María Victoria Moreno. Amosar todas as publicacións

A obra teatral 'Anagnórise' inaugurou as actividades extraescolares do novo IES de Soutomaior

domingo, 25 de novembro de 2018



A novela Anagnórise, de María Victoria Moreno, foi a última lectura do curso pasado que fixo o alumnado de 3º ESO do CPI Manuel Padín Truiteiro para a materia de Lingua Galega. E Anagórise,o espectáculo teatral que preparou a compañía Limiar Teatro, é a primeira actividade extraescolar que se fai no novo IES de Soutomaior, á que acudiu aquel alumnado que agora xa se atopa en 4º da ESO.

A representación tivo lugar o pasado mércores 10 de outubro no Multiúsos de Arcade grazas á organización da Concellería de Cultura de Soutomaior, que nos convidou a participar da anagnórise, o recoñecemento da traxedia, o encontro cunha verdade oculta que tivemos fronte ao nariz. Unha historia de amor atemporal. Dos amores de xuventude que ninguén esquece, do primeiro amor. Nicolau marcha da casa para atopar un novo camiño que, paradoxo do destino, o levará de volta a casa. Saiu procurar e atopouse.

Para a compañía teatral, tamén foi unha ocasión especial, pois esta foi a última representación que fixeron dunha peza coa que homenaxearon a autora á que se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2018.

Anagnórise... coñecer, descubrir quen es

xoves, 17 de maio de 2018

Deseño de Luís Vilas
Hoxe é o Día das Letras Galegas, e non vemos mellor maneira que homenaxear a María Victoria Moreno que difundindo este fermoso tema d'A Banda da Loba, un grupo de mozas que veñen pisando forte no panorama da música galega actual. 

Nesa viaxe que supón a Anagnórise, a novela que lestes os alumnos e alumnas de 3º ESO no 2º trimestre, o protagonista vaise descubrindo a si mesmo e vánselle revelando as respostas a moitas preguntas que se arremuiñaban na súa mente. 

Como nesta canción, na viaxe da vida asoman a vertixe e os medos, mais hai que facela, descubrila, gozala e descubrirse. E se nesa viaxe lle facedes un oco á lingua galega, como fixo María Victoria Moreno, a estremeña que dixo aquilo de "a miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”, será máis rica.



Pecha a porta con coidado
moi amodo mira a un lado.
E descobre na equipaxe
o comezo dunha viaxe.

Recoñécese sen nome,
sinte o medo de estar lonxe,
a vertixe de que é ela
quen decide o que aceleran.

Imos xuntas viaxar
cara a un lugar... sen mar.
Imos xuntas viaxar
cara a un lugar.

Vese dona de si mesma,
sinte as cordas que se tensan,
no solpor cos sentimentos
o perigo é un momento.

O perigo é un momento.
Imos xuntas viaxar.

Anagnórise
Coñecer
Descubrir quen es

Non existen etiquetas,
van sen nome cara á meta,
vendo dende a escuridade
unha luz de ambigüidades.

Ailalala

Anagnóriseeeeee
Coñecer
Descubrir quen es.

María Victoria Moreno, escolma de recursos para o Día das Letras Galegas 2018

martes, 10 de abril de 2018


Xa non queda nada para festexarmos o Día das Letras Galegas 2018, o día en que a nosa literatura e a nosa lingua se visten de gala para celebrar a súa vizosa creatividade e a necesidade de promover e potenciar o uso do noso idioma para que cumpra 1000 primaveras máis.

Este ano a autora homenaxeada será María Victoria Moreno, a escritora estremeña que aló polo ano 1963 chegou a Pontevedra como profesora para asumir, conscientemente, unha vida e unha obra en lingua galega. Tal e como diría ela anos máis tarde, "a miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor".  E así foi como a este amor e ao seu compromiso coa docencia e o ensino, que recoñecen moitas xeracións de pontevedreses e pontevedresas que pasaron polas súas aulas de lingua e literatura, sumou unha obra literaria que nos deixou algúns dos títulos máis recoñecidos entre o público infantil e xuvenil.

Ademais das numerosas actividades que se están a levar a cabo e a argallar ao redor da súa figura nestes meses, a continuación facemos unha selección de recursos e materiais que de seguro nos axudan a coñecer mellor a súa achega á cultura galega:
  • Real Academia Galega: inclúe unha biografía, información sobre a súa obra e unha interesante sección sobre as actividades que se están xerando ao redor da autora neste ano.

  • Seminario Galán: como todos os anos, os compañeiros e compañeiras do Seminario elaboraron un completísimo monográfico para levar ás aulas a obra e a vida da persoa á que se lle dedica esta efeméride. Materiais imprimibles (biografías, dípticos, exposicións, cadernos de actividades...), libros interactivos multimedia e álbum de imaxes da autora conforman un conxunto de recursos adptados a cada curso de Infantil e Primaria.
  • Letras Galegas 2018: a profesora Patricia Sánchez Lamas, autora do blogue de referencia A fiestra da mestra, non para e elaborou unha páxina web que, ao lado de fichas idóneas para imprimir e traballar na clase, incorpora unhas actividades tan orixinais como unha "Regueifa das Letras" e as "Píldoras para Victoria", ademais dunha "Biografía sonorizada" e un "Concurso das Letras". Van alá os nosos parabéns e agradecementos para esta compañeira polo seu traballo e por partillalo con nós!

Finalmente, incluímos a páxina da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que inclúe traballos e propostas que se están a desenvolver nos centros de ensino, e a selección de recursos e novidades sobre as Letras da revista Botóns, o Portal Galega da Educación.

Leonardo e os fontaneiros, unha historia de María Victoria Moreno

Leonardo e os fontaneiros é a novela escollida para pechar o ciclo de lecturas de 1º ESO neste curso 2017-2018 e para honrar a memoria e a obra de María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara-Cáceres, 1936-Pontevedra, 2005), a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. Ademais de ler, desta volta as historias de Antón e Leonardo van cobrar vida coa representación teatral que a compañía Ubú Teatro vai facer o vindeiro martes 24 de abril no Multiúsos de Arcade grazas á iniciativa da Editorial Galaxia e á organización do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso colexio.

A novela conta a historia de Antón e mais o seu can Leonardo, que protagonizan unha historia apta para todas as idades, non só para o público infantil e xuvenil. É unha narración que se publicou por primeira vez no ano 1986 e que desde entón se converteu nun dos libros máis buscados por pequenos e grandes, pois aínda que foi escrito pensando en lectores de doce anos, ao final, como sucede con toda literatura de calidade, acabou sendo unha obra para todos. Antón é un neno que cursa 8º de EXB, o que hoxe sería 2º da ESO. Leonardo, a pesar do nome, non é un rapaz, senón un can... un can un tanto especial. Ao longo do libro suceden moitas cousas, tanto a Antón como a Leonardo. Quen as conta é Antón. E sabe contalas moi ben.

Agardamos que o alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º da ESO do noso centro, así como os rapaces e rapzas do CPI O Toural de Vilaboa que se achegarán a Arcade, gusten das historias escritas e representadas que naceron no maxín de Mª Victoria Moreno e de Ubú Teatro.