Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 
Amosando publicacións coa etiqueta reseña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta reseña. Amosar todas as publicacións

'As sete mortes', de Carlos Vila Sexto

mércores, 13 de marzo de 2013


Varona inclinouse sobre o cadáver e apartou a saba. Laura quedou paralizada. Soubo de inmediato que aquel caso non ía facer máis que complicarlle a vida...

Un relato fascinante que combina crime, esoterismo e misterio. Para quedar atrapados ata a última páxina... polo inevitable.

Así se anuncia As sete mortes, a novela de Carlos Vila Sexto que Miriam Pérez Reguera (4º ESO A) vos convida a ler: 

As sete mortes gustoume moito porque é a miña clase de libros favorita xa que ten moito misterio e o protagonista ten que ir buscando as pistas que o levan a desvelar o seu pasado. Foime sinxelo de ler xa que me enganchou dende o primeiro capítulo e, ademais, o autor utiliza unha linguaxe sinxela e fácil de entender aínda que nalgunhas ocasións tiven que reler a historia porque me perdía.

Noutras ocasións púxenme bastante nerviosa, por exemplo cando a sombra se fai pasar por Fiz e mata a Ánxela, ou cando Varona tenta matar a Natalia e a Xacobe no monte de Santa Tegra. O final tamén me sorprendeu moito porque non me esperaba a morte de Xacobe. Deume moita pena pero gustoume o xiro inesperado que lle deu o autor xa que dende o principio parecía que o elixido era Xacobe, pero non era así, a elixida era Natalia. En cambio, non entendín moi ben porque o autor tenta por a Laura coma protagonista se case non aparece na historia e ao final morre asasinada por Varona.

Por outra banda, a historia transcorre en varios dos lugares históricos de Galicia, como a muralla de Lugo, o monte de Santa Tegra e a Torre de Hércules. Isto fixo que puidera imaxinar mellor cada escena xa que coñecía todos os lugares. Grazas ao libro tamén coñecín a lenda de Breogán e Ith, que me resultou moi entretida e interesante. 

Definitivamente, recomendo o libro para as persoas ás que lles guste o misterio e as lendas celtas, aínda que penso que a calquera persoa lle gustaría moito xa que é unha lectura entretida e chea de segredos que fan que un se enganche con facilidade ao querer saber que é o que esconde cada un dos personaxes.

Por último, un detalle que me chamou a atención foi que cada inmortal tiña un símbolo e o de Mateo era un tríscele, o meu símbolo favorito e que curiosamente o levo sempre nunha pulseira de coiro dende os dez anos.

'O único que queda é o amor', de Agustín Fernández Paz

luns, 11 de marzo de 2013


O único que queda é o amor
Agustín Fernández Paz
Xerais: Vigo, 2007

Este libro gustoume, xa que fala dun tema como é o amor que ás rapazas normalmente nos gusta. Fálase do amor en todas as súas variantes, e é probable que te poidas sentir identificado con algún destes relatos, iso sempre axuda a estusiasmarte polo libro. Pareceume un bonito detalle que o escritor, Agustín Fernández Paz, mencionase tantos libros, tanto de poesía como novelas. Destes libros dános o título, o autor e, na maioría das ocasións, exponse un anaco ou algunha estrofa desa obra, o que nos pode crear un interese por lelos. 

O único que queda é o amor é unha obra moi amena, coa que te mesturas nesas historias persoais de cada personaxe. Cada un deles esconde unha historia distinta que só ten relación coa anterior na presenza do amor e do gusto dos personaxes pola literatura, que se ve reflectido nesa cita inicial: esas frases curtas fan que che entren ganas de seguir lendo para chegar á próxima do seguinte relato e poder apuntar eses títulos para poder lelos. Teño que advertir que algunhas historias dárannos pena rematalas, xa que na miña opinión son demasiado curtas e, ademais, quedan medio inconclusas.

Recoméndolle este libro ás persoas que lles guste este tema, o amor, pero que teñan en conta que tampouco é un amor empalagoso senón unnhas historias que nos fan achegarnos ás vidas desas persoas e a presenza das diferentes variantes do amor nas súas vidas. Para que vos fagades unha idea, fálase de moitas variables, dende o primeiro amor ata a búsqueda del, o amor sentido por un ser querido falecido e o moito que nos afecta esa perda, a fidelidade e o cariño que pode aportar unha mascota…

Raquel Fernández Reguera (4º A)

Xerais recolle a reseña de 'Lúa do Senegal' de Ainhoa e Antía

mércores, 7 de marzo de 2012

O blogue da Editorial Xerais fíxose eco da reseña que sobre Lúa do Senegal publicaron na nosa bitácora Ainhoa Soto e Antía Lorenzo, alumnas de 1º ESO B. Ademais, o seu autor, Agustín Fernández Paz, mandounos un correo moi especial e quixo partillar con nós unha curtametraxe, Binta e a grande idea, que nos vai achegar moito máis ao Senegal, a patria de Khoedi, a protagonista da súa novela.



Binta e a grande idea

Curtametraxe que pertence ao filme No mundo a cada intre. Rodado en Senegal coa axuda de UNICEF, conduce ol espectador ao mundo de Binta, unha nena de sete anos que pon en marcha unha obra de teatro infantil para mostrar o desexo da súa curmá de ir ao colexio.


"Lúa do Senegal", de Agustín Fernández Paz

xoves, 1 de marzo de 2012

Esta novela é un diario da vida de Khoedi, unha nena de once anos africana que ten que mudarse do Senegal a Vigo, unha cidade galega que descoñece totalmente.

En Zunquinchor, onde se atopaba a súa casa antes, vivía coa súa nai, a irmá pequena, Naima, e a súa avoa, que morreu pouco tempo antes de que viñeran vivir a Galicia. Múdanse por fin para estar co seu pai, ó que fai moito tempo que marchou para Vigo.

Khoedi significa "Lúa" en wolof, por iso lle conta todo o que lle pasa á lúa, a mesma que vía no Senegal, e dille que lle gusta saber que van sempre xuntas. A historia está contada por un narrador e pola nena, altérnanse.

Os primeiros días naquela nova casa, na nova cidade, recordaba con nostalxia a súa avoa Mamá Feriane e as historias que lle contaba. Historias que ela, cambiándoas, facéndoas súas, lle contaba a Naima, e a moitas persoas máis que vai coñecendo co tempo. Tamén bota de menos o seu pobo, os amigos, a casa… Co tempo, as cousas van mellorando, e coñece a moita xente nova. Tamén fai amigos, que están no colexio onde está matriculada.

A lectura deste libro de Agustín Fernández Paz pareceume moi interesante. Gustoume moito, sobre todo porque trata da historia dunha nena de color, unha historia que podería ser real, non é unha historia totalmente ficticia como outras que teño lido.

Ás veces identifícome con Khoedi, a protagonista, nalgúns momentos cando se sente diferente ás demais, e simplemente cando está contenta, ou fala das cousas que lle dicía a súa avoa ou a súa nai. Púxenme no seu lugar moitas veces durante a lectura, e iso fíxome darme conta de que aínda qee dúas persoas sexan diferentes por fóra, ou sexan de diferentes razas, pódense sentir de maneira similar ou igual ás veces.

O primeiro capítulo fíxome chorar, porque era o principio dunha nova vida para Khoedi e a súa familia. Cóntalle á Lúa, á mesma do Senegal, os seus primeiros días en Galicia. Chea de nostalxia, fala do que bota de menos da súa casa en Zinguinchor, da súa avoa e das historias que lle contaba… Aínda que é moi triste ás veces, é un libro moi bonito, sinceiramente, un dos mellores que lin. Encantoume.

Ainhoa Soto (1º B)


É un libro moi real, refirome a que mostra a situación actual do noso país cara á emigración. Este problema nós vémolo dende o noso punto de vista, pero este libro ábreche os ollos. Ves a emigración dende o punto de vista dos emigrantes, ves que non é tan fácil como parece chegar a un país novo, sen coñecer a lingua, a xente, nada... é como empezar dende cero.

Cando o rematei, quedeime con ganas de ler máis. A min gustaríame que escribisen unha segunda parte deste libro, xa que é moi bonito. A parte que menos me gusta de todas é na que aparece Mareime, a profesora de universidade senegalesa. Esa parte resúltame un pouco monótona e aburrida. Polo demais, o libro esta moi ben feito, redactado, etc. Gústame tamén a ilustradora deste libro, as imaxes son en cores apagadas, polo que transmiten tristeza e soidade, dous sentimentos que encaixan perfectamente coa historia.

Antía Lorenzo (1º B)

A lenda de Sleppy Hollow e outros relatos, de Washington Irving

mércores, 1 de febreiro de 2012

A lenda de Sleepy Hollow e outros relatos
Galiza, 2009

A lenda de Sleppy Hollow está considerada coma unha das obras mestras do escritor Washington Irving. Foi publicada por primeira vez no ano 1820. Podería dicirse que esta é unha novela de terror antigo e todos os relatos que a acompañan seguen ese fío misterioso típico neste tipo de terror. Este libro foi levado ao cine en tres ocasións. A primeira foi en 1922 nunha película de Edward Venturini titulada The Headless Horseman. A seguinte foi producida por Walt Disney en 1949. E a ultima e máis lograda foi a producida polo carismático director Tim Burton. Aínda que a historia non era exactamente igual reflectiu perfectamente a novela.


Falando do libro

Este libro conta con cinco relatos, un principal e outros de acompañamento. O principal é “Sleppy Hollow”, que trata dun pobo irlandés no que existe unha lenda dun xinete sen cabeza que anda na procura da súa e mata a xente que pasa polo seu bosque. A esa aldea chega un mestre chamado Ichabond Crane. El é un home alto e espigado ao que lle gusta ler novelas de terror, o que o fai estraño xa que é moi medorento. Un día, nunha festa que organizara unha rapaza chamada Katrina, cóntanlle a lenda e rétano a pasar polo bosque do xinete.

Outro relato é “Rip Van Winkle”, que fala da historia dun vello desgraciado chamado Rip que é explotado pola súa muller. Tódolos días ía pasear ao monte co seu can. Un deses días atópase cun estraño personaxe que porta un barril. O señor pídelle axuda e a cambio dálle a beber do seu barril. Cando Rip bebe daquilo queda durmido no acto e esperta pouco despois nun mundo totalmente diferente.

O seguinte relato chamado “O espectro do noivo”. Trata dun rei que quería casar a súa filla. Ofrécelle a un conde que vivía lonxe de alí que casara con ela. Cando o conde se dirixía alí foi asasinado e pediulle a un amigo seu que fora avisar o rei da súa morte. Cando chegou ninguén lle facía caso e casárono coa filla do rei. El namorou dela e non dixo nada.

“O demo e Tom Walker” é un deses típicos relatos de pactos co demo que nunca acaban ben. Tom era un pobre desgraciado que non tiña nin para comer. Un día atopou ao demo e fixo un pacto con el.

O ultimo relato é “A aventura do Estudante Alemán”. É a historia dun estudante que enlouqueceu e decidiu viaxar a París na época de revolución. Alí coñeceu unha rapaza e invitouna á súa casa. Ao día seguinte, cando volveu de dar un paseo, topou a rapaza morta na cama.

A miña valoración:

Esta serie de relatos tratan historias típicas de terror: lendas, pactos co demo, pantasmas, etc... Eu non son un amante dos libros de terror pero estes sorprendéronme moito porque son moi directos e o seu estilo fai que saibas xa dende principio o que vai acontecer. Conten unha linguaxe non moi culta que o fai fácil de ler. Paréceme que este libro presenta unha sociedade antiga marcada pola pobreza e a loucura.

FRANCISCO MIGUEZ PAZOS (3ºB)

O blogue da Editorial Galaxia faise eco dunha reseña de Lingua de Negueirós

mércores, 25 de xaneiro de 2012

O blogue da Editorial Galaxia publicou hoxe unha entrada sobre a reseña que Carmen (3º B) fixo sobre Memoria dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, unha das lecturas que podedes ler ao longo deste curso. Como vedes, é importante coidar a redacción dos textos, a súa corrección e adecuación lingüística e a súa presentación, sobre todo nos novos soportes dixitais, que nos permiten enriquecelos con ligazóns, imaxes, audio e vídeo, etc. Nunca se sabe se poden trascender na inmensa arañeira, nesta ocasión así o fixo.

Parabéns, Carmen!


Soidades de Ana, de Jordi Sierra i Fabra

luns, 23 de xaneiro de 2012

Ana falece tras un aborto mal practicado, e a súa irmá Vitoria volve de Londres para ir ao seu funeral e apoiar os seus pais. Esta é a tesitura na que se encontra Vitoria, quen investigará os motivos polos cales a súa irmá morreu. Unha novela xuvenil que lles achegará aos lectores unha perspectiva próxima sobre as preocupacións, medos e problemas dos adolescentes, mesturados co amor e a amizade. Unha mestura que ten por resultado esta obra de Jordi Sierra i Fabra para a Editorial Galaxia na súa versión galega.

Soidades de Ana gustaralles a lectores mozos que prefiran ler unha novela interesante e da que se aprenda algo, unha novela necesaria para a sociedade. Persoalmente, penso que é unha lectura totalmente diferente ás que lera antes, e tan só cómpre sinalar que ao final pode resultar decepcionante para quen busque máis emoción e suspense, ou non, segundo os gustos do lector. Unha linguaxe sinxela, coloquial e sempre correcta fan deste libro unha lectura agradable e entretida.

Por Vanesa Portela Santoro (3º A)

Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas

domingo, 8 de xaneiro de 2012

No cincuenta aniversario desta novela de Xosé Neira Vilas, unha obra clásica da literatura infantil e xuvenil galega que foi traducida a diversas linguas, que vendeu centos de milleiros de exemplares en todo o mundo e que se converteu nunha peza clave na formación humana e literaria de varias xeracións de galegos, inauguramos a sección de reseñas literarias de Lingua de Negueirós cun texto de Carmen García Obelleiro (3º ESO B).

Memorias dun neno labrego fala dun neno chamado Balbino que vive na Galicia da primeira metade do século XX, cando os galegos emigraban a outros países, normalmente a América. Este rapaz é pobre e ten que traballar na leira do Señor. Balbino goza coas súas aventuras na aldea.

O libro está distribuído en capítulos nos que se contan historias da vida do protagonista. Balbino dálle a volta ó feito de non ser un adulto, de non poder emigrar a América. A pesar da súa idade, pensa no mundo, no futuro, no Señor, en Manolito, en Eladia (que queda olvidada finalmente por mor de Flora), en querer emigrar a América…

Finalmente, Balbino remata a historia servindo na casa do Señor Landeiro, na que ten moitos libros para ler e o caderno cae nas mans de Alberte, que xura que non llo ensinará a ninguén.

O libro Memorias dun neno labrego gustoume moito. Nunca lera unha novela coma esta. Xosé Neira Vilas asombroume moito. Cando escollín esta novela, finalmente, soábame o autor, xa que escoitara falar na casa del.

Este libro achegoume á Galicia do pasado. Durante a miña lectura do libro, preguntáballe a miña avoa e ó meu tío o vocabulario en galego "antigo” que eu non entendía (xa que a edición do libro é antiga). Aprendín sobre o campo e sobre os instrumentos de agricultura tradicional galega, como o carro, por exemplo. Penso que sería unha mágoa perder este tipo de coñecementos sobre a cultura galega. Non é moi estraño que un rapaz da miña idade, por exemplo, nunca oíra falar sobre a "leira". Ademais, o que eu non aturo é que unha persoa fale do “monte”, por exemplo, de maneira ou de forma despectiva e inculta, xa que, probablemente, os seus avós e avoas traballaron nel como era normal antes.

O rapaz conta as súas aventuras nunha pequena aldea e, aínda que a súa familia sexa pobre, goza xogando. Na actualidade, xa non é igual. Os tempos cambiaron.

No pasado, prohibían falar o galego, pero a xente non perdía a esperanza e seguía falándoo. En cambio, no presente, está “totalmente normalizado” e permitido (como tería que estar sempre), pero a xente prefire falar o castelán porque din que “é máis culto”. Eu estou a favor de que se protexan as linguas dunha terra.

Hai xente á que non lle gusta o galego e que apoia que na ensinanza non se traballe con el. Xa se dicía na canción de Fuxan os Ventos, O Lelo, que está baseada no poema de Celso Emilio Ferreiro. A letra da canción trataba dun neno (da época de Balbino, máis ou menos) que falaba galego, como era natural, ía ir o primeiro día á escola. O mestre fálalle castelán e o rapaz cóntalle ó seu avó o que lle acontecía. Di que seu profesor utiliza falas estrañas. Que usa “Abuelo” en vez de “Avó”, “Madre” en vez de “Nai” e o “Chan” en vez de “el suelo”. O neno da canción dille ó avó que non precisa esa lingua para o seu traballo, disque lle chega coa súa lingua de sempre, a lingua dos seus avós e a lingua dos seus pais.

Algúns capítulos do libro cansáronme máis, como por exemplo, “O Loito”. Gustoume moito o libro, xa que a temática é do meu agrado. Gústame moito o sentimento que Balbino sente pola súa profesora. Eu recomendaríalle a calquera compañeiro meu este relato para que o goce como o gocei eu.

Con esta lectura, aprendín vocabulario en galego que non coñecía e cousas e conceptos relacionados coa Galicia desta época: como era a cultura, a relixión, o poderío, a lingua, os dereitos...

Realmente, esta lectura foi do meu agrado. Paréceme ben que o profesor nos dunha lista con libros en galego, para que nos escollamos o que máis nos guste.

Como se fai unha reseña literaria?

Este modelo de recensión é válido especialmente para a narrativa e a banda deseñada, e habería que adaptalo para para outros xéneros como a poesía ou o ensaio. Debería constar das seguintes partes:
1. A referencia bibliográfica
É preciso presentar brevemente o libro que imos comentar dando o título, o nome do autor e a editorial. Tamén se pode indicar a data na que foi publicado e se aparece nunha colección concreta da editorial. Circunstancias como se o libro foi exitoso, se foi levado ao cinema ou se hai unha versión en cómic son cuestións que se deben comentar nesta introdución. Por último, este momento pode ser un bo lugar, non o único, para identificar o xénero narrativo: se estamos ante unha novela negra, histórica, romántica, cómica, de terror, xuvenil, etc.
2. A historia
Falar da novela ou dos contos en si é primordial nunha recensión. Cómpre dedicar unhas liñas a resumir o seu argumento. Non é necesario contar polo miúdo todo o que acontece, non podemos desvelar os segredos da historia aos seus lectores potenciais, abonda con presentala minimamente ao igual ca os personaxes. Ademais, indicaremos cal é o tema principal e outros temas secundarios da obra, así estaremos ofrecendo unhas boas pistas ao lector que se anime a mergullarse nas súas páxinas.
3. A valoración persoal
Esta é realmente a túa achega máis importante á hora de facer unha reseña. Agora é cando debes comentar se che gustou e por que, que che gustou máis ou aquilo que non che convenceu de todo ou que foi o que máis che sorprendeu da historia, dos personaxes... Sempre tes que xustificar, con razóns, as afirmacións que fagas sobre o libro, e se llo recomendas a un bo/a amigo/a, non esquezas indicar os motivos da túa suxestión. Finalmente, queres dar unha cualificación do libro no seu conxunto?
4. A publicación
Tanto se se trata dun traballo para o colexio como dunha recomendación que lle fas a un/unha amigo/a polo correo electrónico ou unha entrada no blogue da biblioteca ou da materia, a corrección debe primar en toda redacción, tanto ortográfica como gramatical sen esquecer o uso dun léxico coidado, o emprego de sinónimos, etc. A publicación da reseña na rede ofrece moitas posibilidades que hai que ter en conta: incluír no artigo unha imaxe da portada do libro e/ou do autor e facer unha ligazón á súa bibliografía. Se a historia foi levada ao cinema, un vídeo insertado dende youtube sempre pode servir de bo colofón á túa reseña. Por que non?
Algúns exemplos
Os nenos da variola, de María Solar.
O exército do fume, de Manuel Gago. 
O que sei do silencio, de Andrea Maceiras.
Made in Galiza, de Séchu Sende.
Infamia, de Ledicia Costas.
 
Igualmente, este tipo de texto, a reseña, é tamén extrapolábel a outros ámbitos e produtos culturais como o cinema, a música (un e dous), os videoxogos ou a banda deseñada.