Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

'As sete mortes', de Carlos Vila Sexto

mércores, 13 de marzo de 2013


Varona inclinouse sobre o cadáver e apartou a saba. Laura quedou paralizada. Soubo de inmediato que aquel caso non ía facer máis que complicarlle a vida...

Un relato fascinante que combina crime, esoterismo e misterio. Para quedar atrapados ata a última páxina... polo inevitable.

Así se anuncia As sete mortes, a novela de Carlos Vila Sexto que Miriam Pérez Reguera (4º ESO A) vos convida a ler: 

As sete mortes gustoume moito porque é a miña clase de libros favorita xa que ten moito misterio e o protagonista ten que ir buscando as pistas que o levan a desvelar o seu pasado. Foime sinxelo de ler xa que me enganchou dende o primeiro capítulo e, ademais, o autor utiliza unha linguaxe sinxela e fácil de entender aínda que nalgunhas ocasións tiven que reler a historia porque me perdía.

Noutras ocasións púxenme bastante nerviosa, por exemplo cando a sombra se fai pasar por Fiz e mata a Ánxela, ou cando Varona tenta matar a Natalia e a Xacobe no monte de Santa Tegra. O final tamén me sorprendeu moito porque non me esperaba a morte de Xacobe. Deume moita pena pero gustoume o xiro inesperado que lle deu o autor xa que dende o principio parecía que o elixido era Xacobe, pero non era así, a elixida era Natalia. En cambio, non entendín moi ben porque o autor tenta por a Laura coma protagonista se case non aparece na historia e ao final morre asasinada por Varona.

Por outra banda, a historia transcorre en varios dos lugares históricos de Galicia, como a muralla de Lugo, o monte de Santa Tegra e a Torre de Hércules. Isto fixo que puidera imaxinar mellor cada escena xa que coñecía todos os lugares. Grazas ao libro tamén coñecín a lenda de Breogán e Ith, que me resultou moi entretida e interesante. 

Definitivamente, recomendo o libro para as persoas ás que lles guste o misterio e as lendas celtas, aínda que penso que a calquera persoa lle gustaría moito xa que é unha lectura entretida e chea de segredos que fan que un se enganche con facilidade ao querer saber que é o que esconde cada un dos personaxes.

Por último, un detalle que me chamou a atención foi que cada inmortal tiña un símbolo e o de Mateo era un tríscele, o meu símbolo favorito e que curiosamente o levo sempre nunha pulseira de coiro dende os dez anos.

0 comentarios:

Publicar un comentario