No século XIII, unha "troupe" de artistas itinerantes procedentes de Galicia percorre os reinos do Camiño de Santiago. É un momento de cambio político, cultural e lingüístico nunha Europa inmersa en cruentas loitas de poder. As persecucións relixiosas e as ansias expansionistas coinciden co auxe das cantigas galego-portuguesas e co declive da lírica provenzal. Un códice oculto, a Inquisición, a herexía cátara e os segredos da alquimia uniranse ás cantigas medievais para conformar unha engaiolante trama nunha novela con grandes doses de intriga. A arte de trobar é unha novela luminosa, escrita con felicidade e coñecemento, que non renuncia ao humor. Configurada a partir de capítulos curtos, é capaz de integrar unha trama implacable coa tradición máis notable de versos en galego e occitano. Documentada con rigor, e dotada dun ritmo moi áxil, A arte de trobar constitúe un vibrante fresco desta nosa historia, que se escribiu en folla de pergamiño e con pluma de ave, á beira do mar.
Santiago Lopo (Vigo, 1974) é escritor,
profesor e tradutor. Como narrador publicou Game Over (2007, VI Premio
de Novela por Entregas de La Voz de Galicia), Peaxes (Xerais 2009), Hora zulú (2012, XXIV Premio de novela García Barros), A Diagonal dos
Tolos (2014, VIII Premio Narrativa Breve Repsol) e o relato "A voz das
nereidas" (2016). A arte de trobar (Premio Xerais de Novela 2017) é a
súa quinta novela. E hai poucos días vén de gañar novamente o Premio de Narrativa Breve Repsol na súa XII edición con Extraordinario.