Imaxe: Kalandraka |
A alumna Olalla Castrillo Sánchez (4º ESO A) gañou co relato "Xiros de
luz" o V Certame de Relato Curto que organiza a Federación Provincial de ANPAS de centros públicos na categoría reservada ao alumnado de
Educación Secundaria. O relato de Olalla, que xa fora finalista en
anteriores edicións, xa aparece xunto cos 120 traballos finalistas,
dun total de máis de 800 textos, nun libro conmemorativo publicado pola
Editorial Kalandraka e distribuído na gala que se celebrou onte no Pazo
da Cultura de Pontevedra e que tivo como padriño o escritor Xabier P. Docampo.
Imaxe: Kalandraka |
Ademais, como gañadora dunha das cinco categorías, recibiu un vale de
200€ do Concello de Pontevedra, un lote de libros de Kalandraka, un xogo
doado pola FANPA e unha lámina autenticada polo ilustrador Xosé Cobas.
Así mesmo, participará nun obradoiro de creación literaria que impartirá
no mes de xuño a escola de escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Recomendamos vivamente a lectura do seu relato e agardamos que Olalla, que remata os seus estudos no noso centro, siga a deleitarnos no futuro coas súas creacións literarias. Noraboa!
Xiros de luz
Ela soa no escenario. Aquela bailarina encandeaba o público con cada paso que daba. Tan grácil, tan delicada, que parecía deterse a cada segundo. Pero non. Alí seguía executando maxestosos pasos que deixaban o espectador ensimesmado, hipnotizado, coa boca aberta.
Ao principio parecera tímida, mais logo lograra una desenvoltura cada vez maior. Agora, o escenario de madeira parecía tremer baixo os seus pés con eses saltos, voltas e reviravoltas, deslizándose desde o chan e elevándose no aire, con eses xiros hipnóticos e eses xogos de luces e sombras que realzaban a súa beleza, combinando pasos suaves con enérxicos saltos, de maneira que cando semellaba desaparecer, xurdía de novo, coma se do ave Fénix se tratara.
Pero todo o que empeza ten que rematar e a danzarina foi perdendo folgos e decaendo. Con toda a enerxía que mostrara un intre atrás resultaba difícil crer que murchase tan pronto e, tras un pequeno intento de rexurdir, a súa enerxía esgotouse. Todo o que quedou dela foi un tronco carbonizado na cheminea que antes fora o seu escenario.
Ao ver isto, o home que contemplaba o tronco arder fixo prender de novo a diminuta faísca que quedaba entre as cinzas e o lume volveu danzar, primeiro timidamente, logo con brío, enfeitizando o seu espectador coas súas máxicas piruetas.
0 comentarios:
Publicar un comentario