Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Ámote

mércores, 15 de febreiro de 2012

Unha videocreación do Proxecto Audiovisual As Barxas e o Departamento de Normalización deste instituto de Moaña, no que participaron alumnos e alumnas de 1º da ESO para dicir ben alto que "non renunciamos..." ao "futuro que soñamos para a lingua" porque "eu falo galego porque o amo...".



Aproveitamos esta mensaxe de amor que nos chega dende a outra beira da ría, dende o mesmo Morrazo, para completar esta dedicatoria cunha carta de amor publicada por Séchu Sende no seu libro Made in Galiza.

Estou contigo

Supoño que todo tería sido diferente se aos dezaseis anos non decidise achegarme a ti. Non se trata de saber exactamente porque senón de recordar que un día descubrín que non podía seguir vivindo sen estar contigo.

Era como se te vise en todas partes e ao mesmo tempo estabas tan lonxe... E iso que sempre estiveches aí, realmente, ao alcance da man, como esperándome. E só tiven que dar un paso. Ao principio era estraño algunhas veces. Aínda que hoxe descubro en ti cousas novas todos os días, daquela coñecíate pouco.

Lembras cando aquela profe de inglés me dixo que non eras unha boa compañía? Ou cando meu pai puxo aquela cara de pensar preocupado "Pois parece que isto vai en serio"? Nin sequera podo imaxinar como tería sido eu se non decidise que ti formarías parte da miña vida. Tampouco se trata de se tería sido mellor ou peor senón de que sería sinxelamente diferente e é precisamente iso o que me resulta difícil de imaxinar: vivir sen ti.

O que teño claro é que se decidín facelo foi porque me parecías interesante, porque contigo me sentía ben, porque me facías descubrir cousas, porque confiaba en ti e me dabas confianza e sabía que ti sentías o mesmo por min. E porque cando me dei conta souben que xa non era posíbel vivir sen estarmos xuntos. Que nos necesitabamos.

É curioso. Lembro como se sorprendía a xente que me coñecía cando comezou a vernos xuntos. Sorprendíase porque estaba contigo, como se estivese facendo algo inesperado ou estraño. Ou prohibido. Parecían non comprendelo.

Non te coñecían o suficiente. Aínda que sempre lles gustaches máis ou menos, non confiaban en ti. Con ela non vas chegar a ningún lado, dicían. Pouco a pouco foron acostumándose e cambiando de parecer a medida que viron que o noso ía para adiante.

Demostrámoslles que se equivocaban e isto estivo ben.

Así que a miña vida correu por ese camiño contigo e foime ben e mal como a todo o mundo que ten sombra e respira: acabar os estudos, o paro, o primeiro traballo e, en fin, o resto das cousas que vivimos xuntos sabendo que o noso era para sempre.

Quería reflexionar un pouco sobre todo isto e recordar que decidir vivir contigo foi unha das mellores eleccións da miña vida.

Quería dicircho sinceramente: Cambiaches a miña vida e déboche tantas cousas...

Quería dicirche Grazas.

E quería decirche que estou contigo, miña lingua.

0 comentarios:

Publicar un comentario