O profesor Xosé Couñago convidounos esta tarde a percorrer canda el unha marabillosa viaxe pola Galiza máxica. Os castros onde habitan as mouras, as barcas de pedra nas que as almas viaxan ao alén, as pontes dadoras da vida, as minas e covas que agochan formidábeis tesouros, as fontes que sandan os enfermos, o ara solis onde os nosos devanceiros lle rendían homenaxe á deidade solar... todos eles lugares máxicos onde o pobo foi tecendo unha e mil historias e ritos, espazos nos que o sobrenatural se fundiu co humano para dotar de significados a memoria colectiva.
Couñago, especialista no patrimonio etnográfico popular, guiounos polos lugares da maxia e foi apoiando a súa disertación con pequenas mostras da literatura oral e imaxes tiradas aquí e alá, algunhas un pouco máis lonxe (Fisterra, Malpica, O
Pindo, Santo Andrés de Teixido, San Cibrao de Lás, Bande...) e outras algo máis perto de nós: Redondela, Ponteareas, Vigo... Pontesampaio... A Peneda. Porque o noso convidado tamén nos fixo unha encarga: indagar na nosa contorna para recoller esta riqueza patrimonial e acudir aos maiores para evitar que toda esa sabiduría se poida perder. Niso andamos e andaremos nas próximas semanas e iremos dando conta das nosas pescudas neste blogue.
Sirva para ilustrar esta crónica a lenda que nos contou para rematar o noso encontro, "A moura do Castelo de Negros", localizada no Monte Penide (Redondela).
0 comentarios:
Publicar un comentario