Como todos os anos por estas datas, a Concellaría de Xuventude do Concello de Soutomaior convoca a oitava edición do concurso Verbas para Comunicar, que procura promover a creatividade literaria na mocidade e fomentar o uso da lingua galega. Coma sempre, dende as aulas de Lingua Galega e dende o Equipo de Normalización Lingüística do colexio animámovos a participar.
Tal e como falamos nas aulas, os requisitos recollidos nas bases son moi sinxelos á vez que abertos e flexibles para adaptar o certame aos vosos intereses e gustos. Basicamente, tede en conta que:
1. A temática e o estilo é libre xa que consiste na redacción dun texto en lingua galega que transmita unha idea, sentimento, opinión, etc., que nos gustaría compartir con outras persoas. pode ser en prosa, verso, en forma de carta, incluír ilustracións ou colaxes, etc.
2. O texto non poderá superar as 12 liñas e presentarase en papel ou
cartolina que non supere o tamaño A4. O formato é, polo tanto, tamén
libre: prosa, poesía, unha mensaxe, unha carta, un artigo de opinión,
etc.
3. Ademais de estar escrito en lingua galega, valorarase a corrección lingüística, así como unha presentación adecuada e a orixinalidade do traballo.
4. Diríxese ao alumnado da ESO, Bacharelato e FP e establécense dúas categorías:
- Categoría A: idades de 12 a 14 anos.
- Categoría B: idades de 15 a 18 anos
O prazo de presentación remata o venres 29 de abril e os traballos deben presentarse seguindo as instrucións recollidas nas bases, que podedes consultar aquí.
Que máis? Ah, si, que agasallos hai? Todo o alumnado participante recibirá un pequeno agasallo durante o acto de entrega dos premios, que terá lugar arredor do Día das Letras Galegas. Ademais, sortearase un dicionario de lingua galega de Xerais e, ademais, os mellores traballos serán recompensados en cada unha das categorías con:
- Premio: Tablet 10", 16 Gb, 2 cám.
- Premio: Libro electrónico 6"
- Premio:Smartwatch Bluetooh
- Premio: Cámara fotográfica deportiva
- Premio: Auricular bluetooth
- Premio: Altofalantes bluetooth
0 comentarios:
Publicar un comentario