Así se presenta o espectáculo ao que asistiron os mozos e mozas de 1º de Bacharelato o pasado martes 20 de novembro. Brais e Marta, membros da compañía Tropa de Trapo, achegáronnos a dúas historias de mulleres que perseguiron e alcanzaron os seus
soños, foran as mociñas da terceira idade da aldea de Torneiros
(Allariz) ou as bravas mulleres que conseguiron poñer fin á guerra que
masacraba as súas vidas en Liberia. Exemplos de vida, exemplos de mulleres que se enfrontaron a diversos retos. Historias reais, sinceras e inspiradoras. Contos para reflexionar, modelos de empoderamento, de superación, de igualdade e de rebeldía.
Logo, a través de diversas
dinámicas activas e participativas, soou a voz do alumnado, que debateu sobre a violencia de xénero e a
necesaria igualdade cunha intensidade e unha madurez que nos fai ser
optimistas de cara ao futuro.
Esta foi unha das actividades que tiveron lugar ao longo desta semana previa ao 25N no marco do programa de
prevención e sensibilización sobre a violencia de xénero que, baixo o lema "E ti, que fas pola igualdade?" organizou o CIM do Concello de
Soutomaior.
Pola súa banda, todos os grupos de 1º a
4º da ESO participaron o mércores 21 e o venres 23 nos obradoiros que a
psicóloga especialista en igualdade Paula Sánchez Álvarez impartiu un
ano máis no noso centro. Da súa man, o alumnado abordou os conceptos de
igualdade dende a propia responsabilidade e en positivo, mais sempre
dende unha análise crítica coas estruturas patriarcais aínda dominantes
na sociedade. A identificación das condutas sexistas e os estereotipos
de xénero, a revisión dos roles femininos e, sobre todo, da nova
masculinidade e o auxe global do movemento feminista foron outros dos
aspectos traballados cunha xeración que avanza de forma imparable cara
ao cambio.
0 comentarios:
Publicar un comentario