Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

A linguaxe publicitaria II

mércores, 20 de marzo de 2013

É a quenda agora da nosa primeira aproximación aos anuncios audiovisuais, que achegan elementos como a música e outros paraverbais (volume, pausas, entoación...) que requerirán a nosa atención ao aplicarmos o esquema que estamos empregando para a análise da lingua publicitaria. 

Lembrade que tedes que comentar un dos seguintes anuncios na próxima clase do venres. Imos alá:

1. Apréndeo (TVG). Coa rapeira viguesa Aid. Versión estendida do vídeo.



2. Cámbiache o conto (R Telecomunicacións).



3. Galicia, si é única (Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galiza). Voz de Luís Tosar.



4. Armadiña Rock 2010. SD Combarro & Concello de Poio.



5. Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego (Coordinadora Galega de ENDL). Con Martiño Rivas, María Castro, Susana Seivane, Belén Regueira, Antón Reixa e Luís Tosar.



6. Vivamos como galegos! (Gadis)

Os textos argumentativos I (2º ESO): comentamos unha película

sábado, 16 de marzo de 2013

Nas aulas sempre vos andamos a pedir opinión e que fagades valoracións de todo tipo: sobre unha lectura, sobre os vosos gustos, sobre temas de actualidade... E facémolo os profes de lingua galega e castelá, a mestra de Cidadanía, nas titorías, en Ciencias Sociais... Vamos, continuamente!!! E fóra do colexio? Pois máis do mesmo: na casa, cos colegas para decidir que facer, no equipo de fútbol, na escola de patinaxe... até diante das lambetadas no quiosco ou na pastelería para escoller o que máis nos gusta... É que nos gusta de todo!!!

Si, dende logo, estamos continuamente dando a nosa opinión, ás veces en conversas informais e outras en contextos máis "serios". é dicir, que sempre estamos argumentando: "porque nos gusta isto, porque non nos gusta o outro, eu prefiro o de máis alá porque...". En definitiva, estamos construíndo textos argumentativos (orais ou escritos). Si, si, ese é o palabro: argumentar. E aínda que ás veces nos parece un "rollo" argumentar, ben que non che nos gusta cando a nosa nai non argumenta. E aí é cando, como Mafalda, damos os mellores dos nosos argumentos.


Antes de comezar con esquemas, teorías, estruturas... ufff!, imos opinar. E imos facelo sobre as pelis ou curtas que visionamos na aula. Non precisamos, de momento, modelo. Tan só pensade que se imos ao cinema, e imos gastar 7 ou 8 euros, si que pensamos ben que pelis imos ver. Para iso, fiámonos do que nos contan as persoas que foron vela, ou do que vemos na TV e na rede ou lemos nunha revista, porque nos gustan os seus actores e actrices, a temática...

Tócavos a vós e tan só hai tres regras: que traballedes o texto en serio, que vos expresedes con corrección e que o presentedes como debe ser (puntuación, orde, estrutura...). Os dous traballos propostos xiran arredor da violencia gratuíta... e moito máis. 


Elephant (2003) é unha película de Gus Van Sant, un filme case documental que ofrece unha reconstrución da matanza levada a cabo por uns adolescentes na escola secundaria de Columbine da localidade americana de Littleton (Colorado)  en 1999. A fita conseguiu a Palma de Ouro en Cannes á mellor película e ao mellor director.


X Nada é unha multipremiada curtamteraxe galega dirixida por Toni Veiga e Dani de la Torre e rodada no ano 2010. É un alegato en contra do acoso e a violencia entre a mocidade, ao igual que Elephant, está baseada en feitos reais. Neste caso, son catro mozos que exercen a súa violencia gratuía sobre o resto da sociedade e, aínda que nos pode parecer que ese tipo de comportamentos son esporádicos e pasan lonxe de nós, a realidade é máis terca: mirade senón o que se sospeita que pasou, e pasa, en Pontevedra.

A linguaxe publicitaria I: análise dun anuncio

Antes de coñecer máis polo miúdo as claves da linguaxe publicitaria (uso de recursos lingüísticos, de imaxes, música, etc.) imos comezar, tal e como fixemos co texto argumentativo (a publicidade non deixa de ser un tipo de texto argumentativo), por facer unha primeira posta en común das nosas impresións e coñecementos previos coa análise dun anuncio. 

Escollemos un anuncio que apareceu inserido na prensa e en revistas no ano 2009 e que provocou, como moitas outras campañas publicitarias desta firma de moda italiana, unha grande polémica.


Lembrade que debemos aplicar o esquema de análise da páxina 67 do libro de texto, que se reproduce a seguir:

ANÁLISE DUN ANUNCIO PUBLICITARIO

1. DATOS XERAIS: produto que se anuncia (nome e tipo).
  • Medio(s) en que aparece
  • Público ao que se dirixe
2. AS IMAXES: descrición da realidade representada (personaxes, obxectos, escenario, accións, cores...).
  • Valores que asociamos a elas.
  • Que relación teñen co produto anunciado?

3. OS TEXTOS: tipo de texto (descrición, diálogo, argumentativo...).
  • Existe slogan? Se é así, cal é?
  • Recursos lingüísticos que se empregan no slogan.
  • Función que teñen os textos no conxunto do anuncio.

4. MÚSICA: é música só ou trátase dunha canción?
  • Se é unha canción, que di a letra?
  • Que emocións ou sentimentos nos suxire?

5. SÍNTESE: necesidades que realmente cobre.
  • Con que motivacións xoga, a que necesidades profundas se asocia?
  • Consegue o efecto pretendido?

'As sete mortes', de Carlos Vila Sexto

mércores, 13 de marzo de 2013


Varona inclinouse sobre o cadáver e apartou a saba. Laura quedou paralizada. Soubo de inmediato que aquel caso non ía facer máis que complicarlle a vida...

Un relato fascinante que combina crime, esoterismo e misterio. Para quedar atrapados ata a última páxina... polo inevitable.

Así se anuncia As sete mortes, a novela de Carlos Vila Sexto que Miriam Pérez Reguera (4º ESO A) vos convida a ler: 

As sete mortes gustoume moito porque é a miña clase de libros favorita xa que ten moito misterio e o protagonista ten que ir buscando as pistas que o levan a desvelar o seu pasado. Foime sinxelo de ler xa que me enganchou dende o primeiro capítulo e, ademais, o autor utiliza unha linguaxe sinxela e fácil de entender aínda que nalgunhas ocasións tiven que reler a historia porque me perdía.

Noutras ocasións púxenme bastante nerviosa, por exemplo cando a sombra se fai pasar por Fiz e mata a Ánxela, ou cando Varona tenta matar a Natalia e a Xacobe no monte de Santa Tegra. O final tamén me sorprendeu moito porque non me esperaba a morte de Xacobe. Deume moita pena pero gustoume o xiro inesperado que lle deu o autor xa que dende o principio parecía que o elixido era Xacobe, pero non era así, a elixida era Natalia. En cambio, non entendín moi ben porque o autor tenta por a Laura coma protagonista se case non aparece na historia e ao final morre asasinada por Varona.

Por outra banda, a historia transcorre en varios dos lugares históricos de Galicia, como a muralla de Lugo, o monte de Santa Tegra e a Torre de Hércules. Isto fixo que puidera imaxinar mellor cada escena xa que coñecía todos os lugares. Grazas ao libro tamén coñecín a lenda de Breogán e Ith, que me resultou moi entretida e interesante. 

Definitivamente, recomendo o libro para as persoas ás que lles guste o misterio e as lendas celtas, aínda que penso que a calquera persoa lle gustaría moito xa que é unha lectura entretida e chea de segredos que fan que un se enganche con facilidade ao querer saber que é o que esconde cada un dos personaxes.

Por último, un detalle que me chamou a atención foi que cada inmortal tiña un símbolo e o de Mateo era un tríscele, o meu símbolo favorito e que curiosamente o levo sempre nunha pulseira de coiro dende os dez anos.

'O único que queda é o amor', de Agustín Fernández Paz

luns, 11 de marzo de 2013


O único que queda é o amor
Agustín Fernández Paz
Xerais: Vigo, 2007

Este libro gustoume, xa que fala dun tema como é o amor que ás rapazas normalmente nos gusta. Fálase do amor en todas as súas variantes, e é probable que te poidas sentir identificado con algún destes relatos, iso sempre axuda a estusiasmarte polo libro. Pareceume un bonito detalle que o escritor, Agustín Fernández Paz, mencionase tantos libros, tanto de poesía como novelas. Destes libros dános o título, o autor e, na maioría das ocasións, exponse un anaco ou algunha estrofa desa obra, o que nos pode crear un interese por lelos. 

O único que queda é o amor é unha obra moi amena, coa que te mesturas nesas historias persoais de cada personaxe. Cada un deles esconde unha historia distinta que só ten relación coa anterior na presenza do amor e do gusto dos personaxes pola literatura, que se ve reflectido nesa cita inicial: esas frases curtas fan que che entren ganas de seguir lendo para chegar á próxima do seguinte relato e poder apuntar eses títulos para poder lelos. Teño que advertir que algunhas historias dárannos pena rematalas, xa que na miña opinión son demasiado curtas e, ademais, quedan medio inconclusas.

Recoméndolle este libro ás persoas que lles guste este tema, o amor, pero que teñan en conta que tampouco é un amor empalagoso senón unnhas historias que nos fan achegarnos ás vidas desas persoas e a presenza das diferentes variantes do amor nas súas vidas. Para que vos fagades unha idea, fálase de moitas variables, dende o primeiro amor ata a búsqueda del, o amor sentido por un ser querido falecido e o moito que nos afecta esa perda, a fidelidade e o cariño que pode aportar unha mascota…

Raquel Fernández Reguera (4º A)

Actividade sobre 'Morning Star'

venres, 18 de xaneiro de 2013

Textos pertencentes a Morning Star, de Xosé Miranda

Anastasia e Rosalía Prado.

   “ Sobresaían entre todas esas mulleres dúas que arrastraban unha aura de autoridade inconfundible: Anastasia Míguez e Rosalía Prado. Anastasia, que era pequena, guapísima, bringuela, con cara de nena e grandes ollos negros, era a muller do Demo Vivo, e aquel túzaro, que facía honor ó seu nome invariablemente, non se atrevía a tocala nin a levantarlle a voz, cumpría obedientemente as súas atinadas observacións e traíaa na palma da man. Era unha dona elegante, aínda coas pobres roupas que podía permitirse, ou independentemente delas, pois a súa elegancia era natural, e tan ben lle acaía a saia como o mantelo. Xulgábaa eu intelixente, tranquila e asisada, moi distinta do seu irmán, o Xudas.

   Rosalía, con voz e modais de home – e sen embargo ben sei eu que os homes lle gustaban moito, e non desprezaba ningunha aventura-, era enérxica, autoritaria, decidida.”

 Estampa: o día (descrición impresionista).

   “ Enterramos á miña nai un magnífico día de primavera no que verdegaban os prados, cantaban as carricantas e o sol chirlaba coma a máis alegre delas, anunciando o verán.”

A noite.

   “ Saímos da taberna nunha noite de plenilunio, pero escura e triste, cargada de nubes negras que ameazaban con estalar  e deitar a chover interminablemente. A face da lúa enchía o horizonte e as sombras das árbores espidas, as súas pólas coma brazos esqueléticos, petaban nos rastros dos homes e escondían os seus ollos por momentos. Unha nube cruzaba, agachando o astro e as sombras medraban dentro e fóra, e con medo e nerviosismo desfilabamos uns tras dos outros, cada un na súa mula ou no seu cabalo, os rostros cubertos de cinza e barrro, con roupas vellas ou adquiridas en anteriores roubos, e cos panos arredor do pescozo, preparados para poñelos sobre a cara en caso de necesidade.”
Actividade.
  • Selecciona os adxectivos referidos ao físico.
  • Que carácter tiña Anastasia?
  • Explica o significado da seguinte expresión:" traíaa na palma da man"
  • Sinala os adxectivos que describen o carácter de Rosalía.
  • Sinala os recursos estílisticos das descricións do día e a noite.
  • Explica o signicado e sinala un sinónimo e un antónimo de cada unha das palabras que seguen: bringuela,asisada, túzaro, plenilunio, carricantas estalar.
  • Escribe dous textos descritivos: un retrato e unha paisaxe.

Listaxe de lecturas para 3º ESO (2ª avaliación)

luns, 14 de xaneiro de 2013

Ana Frank, O diario de Ana Frank, Kalandraka.
Agustín Fernández Paz, O centro do labirinto, Xerais.
Agustín Fernández Paz, Cartas de inverno, Xerais.
Arthur Conan Doyle, O can dos Baskerville, Xerais.
Bram Stoker, Drácula, Xerais.
* Castelao, Os dous de sempre, Galaxia.
Elena Gallego, Dragal I e Dragal II, Xerais.
Jordi Sierra i Fabra, As soidades de Ana, Galaxia.
Ledicia Costas, Unha estrela no vento, Xerais.
Marcos Calveiro, Rinocerontes e Quimeras, Tambre.
Marga do Val, O prognóstico da lúa, Alfaguara.
María Victoria Moreno, Anagnórise, Galaxia.
Marilar Aleixandre, Rúa Carbón, Xerais.
Marina Mayoral, Chamábase Luís, Xerais.
Óscar Wilde, O retrato de Dorian Gray, Urco.
Pascual Alapont, O inferno de Marta, Galaxia.
Pepe Carballude, Investigación 091, Xerais.
Suso de Toro, A sombra cazadora, Xerais.
Xosé Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, Galaxia.
Xosé Miranda, Morning Star, Xerais.
Xosé Miranda, Vestio, Xerais.
Castelao, Retrincos, Galaxia.
Fred Hullman, Reencontro, Galaxia.

Listaxe de lecturas para 1º ESO (2ª avaliación)

martes, 8 de xaneiro de 2013

•Agustín Fernández Paz, Lúa de Senegal, col. Merlín, Edicións Xerais.
•Anxo Fariña, Os Megatoxos e o Aprendiz de Druída, A Nosa Terra.
Anxo Fariña, Os Megatoxos e a espada esmeralda. A Nosa Terra.
•Breogán Riveiro, Tonecho de Rebordechao, col. Árbore, Editorial Galaxia.
•Enrique Sánchez, O gol imposible, Editorial Rodeira.
•Elena Gallego, Dragal (1º libro), col. Fóra de Xogo, Xerais.
•Fina Casalderrey, A lagoa das nenas mudas, col. Sopa de Libros, Xerais.
•Stevenson, A illa do Tesouro, col. Xabarín de Ouro, Edicións Xerais.
•Jordi Sierra i Fabra, Kafka e a boneca viaxeira, col. Árbore, Galaxia.
•José M. de Vasconcelos, A miña planta de laranxa lima, Primera persona (versión en galego).
•Manuel Lourenzo González, Tanis I, o Mocos, col. Merlín, Edicións Xerais.
•Miguel Vázquez Freire, A malvada María Xosé, Edicións Xerais.
•Xabier P. Docampo, Cando petan na porta pola noite, col. Fóra de Xogo, Edicións Xerais.
•Xosé Antonio Neira Cruz, Gatos e leóns, Oxford.
•Xosé Miranda, Pel de lobo, col. Fóra de Xogo, Xerais.
Xelis de Toro, The corunna boats, Xerais.
Manuel Rivas, Bala perdida, Obradoiro.