Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Actividade sobre 'Morning Star'

venres, 18 de xaneiro de 2013

Textos pertencentes a Morning Star, de Xosé Miranda

Anastasia e Rosalía Prado.

   “ Sobresaían entre todas esas mulleres dúas que arrastraban unha aura de autoridade inconfundible: Anastasia Míguez e Rosalía Prado. Anastasia, que era pequena, guapísima, bringuela, con cara de nena e grandes ollos negros, era a muller do Demo Vivo, e aquel túzaro, que facía honor ó seu nome invariablemente, non se atrevía a tocala nin a levantarlle a voz, cumpría obedientemente as súas atinadas observacións e traíaa na palma da man. Era unha dona elegante, aínda coas pobres roupas que podía permitirse, ou independentemente delas, pois a súa elegancia era natural, e tan ben lle acaía a saia como o mantelo. Xulgábaa eu intelixente, tranquila e asisada, moi distinta do seu irmán, o Xudas.

   Rosalía, con voz e modais de home – e sen embargo ben sei eu que os homes lle gustaban moito, e non desprezaba ningunha aventura-, era enérxica, autoritaria, decidida.”

 Estampa: o día (descrición impresionista).

   “ Enterramos á miña nai un magnífico día de primavera no que verdegaban os prados, cantaban as carricantas e o sol chirlaba coma a máis alegre delas, anunciando o verán.”

A noite.

   “ Saímos da taberna nunha noite de plenilunio, pero escura e triste, cargada de nubes negras que ameazaban con estalar  e deitar a chover interminablemente. A face da lúa enchía o horizonte e as sombras das árbores espidas, as súas pólas coma brazos esqueléticos, petaban nos rastros dos homes e escondían os seus ollos por momentos. Unha nube cruzaba, agachando o astro e as sombras medraban dentro e fóra, e con medo e nerviosismo desfilabamos uns tras dos outros, cada un na súa mula ou no seu cabalo, os rostros cubertos de cinza e barrro, con roupas vellas ou adquiridas en anteriores roubos, e cos panos arredor do pescozo, preparados para poñelos sobre a cara en caso de necesidade.”
Actividade.
  • Selecciona os adxectivos referidos ao físico.
  • Que carácter tiña Anastasia?
  • Explica o significado da seguinte expresión:" traíaa na palma da man"
  • Sinala os adxectivos que describen o carácter de Rosalía.
  • Sinala os recursos estílisticos das descricións do día e a noite.
  • Explica o signicado e sinala un sinónimo e un antónimo de cada unha das palabras que seguen: bringuela,asisada, túzaro, plenilunio, carricantas estalar.
  • Escribe dous textos descritivos: un retrato e unha paisaxe.

0 comentarios:

Publicar un comentario