María Victoria Moreno
Márquez (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 - Pontevedra, 2005),
licenciada en Filoloxía Románica pola universidade de Madrid, en
1963 conseguiu unha praza de profesora nun instituto de Pontevedra,
establecéndose en Galicia. A súa identificación co noso país foi
tan intensa que de seguida aprendeu o galego e o convertiu na súa
lingua. Desde entón, toda a súa obra literaria está escrita en
galego. Unha parte dela son contos e novelas dedicadas ao público
infantil e xuvenil, como Leonardo e os fontaneiros,
Mar adiante, O cataventos e Festa no faiado. A súa
novela Anagnórise, xa traducida ao castelán, obtivo
un grande éxito entre os lectores, e figura na lista de honra do
IBBY de 1990. Con Guedellas de seda e liño recibiu
unha mención especial White Ravens 2002. Colaborou na redacción de
libros de texto e dirixiu a colección "Árbore"
da Editorial Galaxia dende 1988, ano da súa creación.
Anagnórise, unha fermosa novela de amor que figura entre os
libros máis lidos e admirados pola mocidade galega
O protagonista principal de Anagnórise é
Nicolau Arís, un rapaz con problemas que un día decide deixar os
estudios no Instituto e marcha a Madrid co propósito de encontrar a
uns amigos que se dedican a negocios relacionados co tráfico da
droga. A viaxe en autostop faina cunha muller intelixente, de nome
celosamente oculto, que o recolle na estrada, e coa cal fala durante
as horas que pasan xuntos dentro do coche. Os diálogos, sempre
áxiles e ocurrentes, pero tamén naturais, van revelando a rica
personalidade de ambos. Xa no destino, Nicolau e a súa amiga
ocasional sepáranse sen que o rapaz saiba o nome dela. Ó remate,
despois de que Nicolau entre en contacto cos compañeiros que o
agardan en Madrid, irá buscar a súa amiga. Só entón saberá o seu
nome.
Avaliación da lectura
- Data da proba escrita: xoves, 1 de febreiro de 2018.
- A proba consistirá nun test de resposta múltiple e mais dunha serie de preguntas de desenvolvemento sobre a lectura.
- Cualificación no total do trimestre: 15%.
- Ademais, poderá ser proposto un traballo creativo desta novela, que recibirá unha nota á parte.
- Poderase subir ata un punto a nota final da avaliación a partir da lectura, e posterior da traballo consensuado co profesor, dun libro da listaxe do 1º trimestre (http://linguadenegueiros.blogspot.com.es/2017/09/unha-ducia-de-lecturas-para-comezar-o.html) ou doutro título aprobado polo profesor.
0 comentarios:
Publicar un comentario