Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Abrimos o Ano Castelao con 'Os vellos non deben de namorarse' en Pontevedra e visitamos a empresa Marfrío

mércores, 3 de febreiro de 2016

Imaxe: Sermos Galiza
O pasado venres 29 de xaneiro o alumnado de 3º da ESO do noso centro asistiu á representación da obra teatral Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, no VI Edificio do Museo de Pontevedra, grazas á colaboración da Deputación e do Concello de Rianxo, que abriron con esta montaxe os actos conmemorativos do Ano Castelao 2016, centenario da chegada do autor á cidade do Lérez e 75 aniversario da estrea da que foi a súa única obra teatral.

No auditorio do Museo tivemos a oportunidade de presenciar a estrea da versión para títeres dunha obra que, tras ser escrita polo autor rianxeiro no exilio de Nova York e ser representada por primeira vez en Bos Aires o 14 de agosto de 1941, se converteu na peza máis representada do teatro galego de todos os tempos. E tivemos a sorte de comprobar o bo oficio da compañía de monicreques Fantoches Baj cunha escenografía e un deseño dos títeres que seguen fielmente o traballo de Castelao. Podedes incluír a obra, que tedes na Biblioteca e en formato dixital, na listaxe de lectura deste curso.

Fotografía de Uxía Arias
A mañá non rematou para nós en Pontevedra senón que seguiu en Marín coa visita á factoría Marfrío, empresa que se atopa nas instalacións portuarias desta vila do Morrazo e que elabora produtos derivados do peixe e o marisco, especialmente luras e diversas variedades de pota, pescada, túnidos e gamba. A compañía, que tamén conta con fábricas en Portugal e Perú e cunha frota propia de barcos conxeladores, acumula 30 anos de experiencia no sector e chega ás 40.000 toneladas de vendas ao ano cun catálogo de produtos de máis de 60 referencias que se atopan no mercado coa marca propia ou con outras das grandes cadeas alimentarias. Trátase, pois, dunha das empresas líder en Europa na elaboración e comercialización de peixe conxelado.

Na visita guiada, o biólogo e xestor de calidade da empresa, Arturo Lado, mostrounos polo miúdo todas as etapas de elaboración dos produtos dende a recepción na factoría da materia prima pasando pola cadea de produción ata chegar á embalaxe. Moi interesantes e de utilidade para as aulas foron todas as explicacións relativas ás certificacións de calidade, as medidas de hixiene e seguridade alimentaria ou a conceptos como a trazabilidade. 

Agradecémoslles tanto a Laura Paredes, que xestionou a visita e nos deu a benvida, como a Arturo e ao persoal que estivo pendente en todo momento da nosa seguridade, a súa atención e amabilidade e que fixeran posible esta actividade tan didáctica e proveitosa.

Preme aquí para ver a galería de fotos na páxina do colexio. 

0 comentarios:

Publicar un comentario