Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Historias da Santa Compaña

mércores, 25 de xaneiro de 2012

Nun camiño de San Martiño de Tabeaio (Carral, A Coruña)

Foi unha vez que un pai e mais un fillo, que xa era home, viñan dunha viaxe e tiveron a desgraza de seguir, sen se decatar e sendo noite, un camiño que pasaba preto do adro dunha igrexa en San Martiño de Tabeaio. Dándose de conta do mal que lles traía o seu descoido ao se atopar nunha revolta coa Santa Compaña, que ao ser as doce sae do cemiterio para facer a súa rolda.

Pai e fillo viron arrepiados as luceciñas verdeais dos fachos que portaban as almas en pena e oíron o borboriñar dos pregos dos defuntos e, daquela, foi tanto o medo que gañaron que quixeron fuxir a escape sen o conseguir, porque o vello, xa canso e de poucas forzas, tropezou e caeu de contado sen folgos nin azos para se valer. O fillo chegou un pouco máis lonxe, pero mellor lle fora caer coma o pai para se aforrar moitos contratempos, xa que, coma o vello, tampouco tivo forzas nin saber para riscar no chan o circo e poñerlle no medio a cruz, como é indicado para se librar das cousas do outro mundo en meténdose un dentro.

O pai, ao caer no chan, afuciñado, quixo comprender que a Santa Compaña para por riba del, pois sentiu ben no corpo como o tripaban as pasadas dos defuntos, deixándoo esmendrellado; fixo un esforzo erguendo un pouco a cabeza para mirar se vía o fillo, mais, como era noite, non o viu. Escoitou un pouco e non oíu cousa. Sen dúbida, levárao a Santa Compaña para portar a cruz, o caldeiro da auga bendita e mais o hisopo. O pai, daquela, perdeu o coñecemento e non foi home ata o abrir do día. Estaba canso e sen forzas, doíalle o corpo, quixo poñerse en pé e as pernas non termaban del. Ao cabo, mal como puido, case ás arrastras, foi facendo o camiño da casa. O fillo aínda non chegara e el, perdida a cor e consumido, máis semellaba un defunto.

Ao rapaz atopárono logo os veciños. Apareceu durmido pé do cruceiro da parroquia, collendo nunha aperta o talo da cruz. O pai apenas tardou tres días en morrer e o fillo durou pouco máis tempo, mais ben pouco foi. Ninguén conseguiu del que dixese cousa, porque o que vai cos defuntos, aínda que queira, non pode dicir o que ve nin o que lle mandan facer e tampouco quen é o que o fai: non pode virar a cabeza para ver o que leva detrás de si, por eso nunca ninguén dá razón.

O único que lle é doado facer ao que vai coa Santa Compaña, se é que se sabe dar xeito é, se atopa a outro desgraciado no seu camiño, é poñerlle nas mans a cruz e o caldeiro de auga bendita e mais o hisopo. Así, líbrase de seguir el ao deixar a outro no seu lugar, mais, dende que o fai, é pouco o que tarda en morrer, pois co seu rudo traballo de pola noite, perde a cor e vai esmorecendo cada día máis, mirrándose amodiño.
________________________________________

Lois CARRÉ ALVARELLOS, Contos populares da Galiza, Museu de Etnografia e História, Junta Distrital do Porto, Porto, Portugal. (Adaptación)

________________________________________

A estadea

Esta curtametraxe foi realizada no ano 2010 con exteriores gravados en Sarandón (Vedra). Conta as vidas da familia de Roi e dos rapaces Xoán e Fran, que se verán atrapadas nos misterios que agochan os camiños dos bosques galegos.

Reparto: Julio Cea, Miguel Canalejo, Sheyla Fariña, Rubén Prieto e Brais Abad.
Dirección: Pablo Cacheda
Produción Carmen Rey
Música: Julio Montero

0 comentarios:

Publicar un comentario