Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

O certame 'Verbas para comunicar' cumpre 10 anos

venres, 7 de abril de 2017

A Concellaría de Xuventude do Concello de Soutomaior convocou unha edición moi especial do concurso Verbas para comunicar, a décima!!! Si, van alá nada máis e nada menos que 10 anos dun certame que naceu para promover a creatividade literaria na mocidade e fomentar o uso da lingua galega. Para festexalo, o Verbas deste ano incorpora novas modalidades (audiovisual) e fórmulas de participación (en grupo), que pasamos a resumir deseguido.

Modalidade redacción
1.- A temática será libre tendo en conta que o obxectivo xeral é transmitir unha idea, unha opinión, un sentimento... que desexemos compartir con outras persoas.
2.- Estará redactado en galego e valorarase a corrección lingüística, así como a presentación adecuada e a orixinalidade do traballo.
3.- O texto non poderá superar as 12 liñas e presentarase en papel ou cartolina que non supere o tamaño A4. O formato é, polo tanto, tamén libre: prosa, poesía, unha mensaxe, unha carta, etc.
4.- A participación é individual.

Modalidade audiovisual
1.- Elaboración dun vídeo (curta) ou un audio (tema musical) cunha duración máxima de 5 minutos.
2.- Pode presentarse de maneira individual ou grupal (máximo 3 persoas).
3.- O traballo audiovisual pode gravarse con móbil ou cámara e entregarase nunha memoria USB.
4.- O traballo audiovisual terá que conter texto en lingua galega, escrito ou verbal, e por suposto orixinal.

Categorías: 
  • Categoría A: de 12 a 14 anos.
  • Categoría B: de 15 a 20 anos.
O prazo de presentación remata o 28 de abril ás 20:30h. Podedes consultar aquí as bases completas do certame., tamén os premios, que como todos os anos son moi atractivos. 

Non deixedes de consultar as vosas dúbidas co profesorado de Lingua e a OMIX do Concello, e -tendo en conta as novas modalidades do concurso- botade man dos coñecementos e os consellos, sobre todo, dos vosos profesores e profesoras de Plástica, Música e Tecnoloxía.

De lectura con Ledicia Costas

mércores, 5 de abril de 2017

O alumnado de 1º e 2º da ESO teredes a oportunidade de seguir lendo a obra dunha autora que xa coñecedes moi ben, Ledicia Costas, pois títulos como Escarlatina, a cociñeira defunta ou Unha estrela no vento xa vos cativaron non hai moito tempo. 

En 1º da ESO a lectura do último trimestre do curso é Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, unha historia que arranca cando o afamado novelista chega o 21 de maio de 1884 a Vigo a bordo do seu impoñente iate atrás da pista das misteriosas mulleres planta. Se premedes aquí, poderedes escoitar como se xestou esta novela da boca da autora no programa Zig Zag da TVG. 

En 2º da ESO o título escollido é O corazón de Xúpiter, que relata a vida dunha moza, Isla, dende que os seus pais deciden mudar de cidade. Alí, mentres se vai adaptando ao novo instituto, segue a dar os seus paseos polo espazo, avistando planetas a través do telescopio, mergullada no ventre do universo. Casiopea, o nome da tartaruga máxica de Momo, era o nick que empregaba nos foros sobre astronomía nos que participaba adoito. Alí coñeceu a Xúpiter, alguén que semellaba saber moito de estrelas.

O alumnado de 4º da ESO do IES Castro Alobre de Vilagarcía realizou este booktráiler da novela para convidarvos a lela.

Lendo a Agustín Fernández Paz no CPI Manuel Padín Truiteiro

luns, 13 de febreiro de 2017

O noso centro sumouse á inciativa 21 Días co Galego que desenvolve o Equipo de Normalización Lingüística do IES da Pobra do Caramñal. Este proxecto, Premio en Innovación en Dinamización Lingüística 2015, ten como finalidade acadar unha mellor conciencia lingüística a través de diferentes actividades que levan o galego a situacións e espazos no que a rapazada non está acostumada a utilizalo. Nesta edición, dende o IES da Pobra marcáronlle ao seu alumnado diferentes retos diarios e tamén pediron a colaboración a outros centros escolares para se sumar á homenaxe a Agustín Fernández Paz, falecido neste pasado verán, cunha lectura colectiva da súa obra.

A profesora Lucía Somoza Rei e Iria Vázquez Puentes, alumna de 4º ESO B, participaron na homenaxe coa reseña e a lectura da novela Corredores de sombra, mesmo gravando diversas escenas no Castelo de Soutomaior. Esperamos que vos guste esta invitación á lectura dun dos grandes referentes internacionais da nosa literatura infantil e xuvenil.


Nova actualización da listaxe de lecturas de 4º da ESO

mércores, 25 de xaneiro de 2017


Incorporamos á listaxe de lecturas do 2º trimestre de 4º da ESO os títulos que foron comentados na aula e que xa podedes atopar na biblioteca. Trátase de:

Narrativa / Novela: 
Novela gráfica:
  • Joe Sacco, Gorazde, zona segura, Rinoceronte Editora: 2013. Sinopse. 
Ademais, quen xa leu a primeira entrega da triloxía do Baztán de Dolores Redondo pódese animar coa segunda e a terceira entregas:
  • Legado nos ósos, Xerais: 2013. Sinopse. 
  • Ofrenda á tormenta, Xerais: 2014. Sinopse.
Lembrade que todos aqueles títulos que non teñan un cuestionario propio para facer o traballo, seguen o guión común que vimos utilizando dende o curso pasado, aínda que agora podedes probar a enfocalos dun modo máis creativo e persoal.

Sesión de contacontos con Charo Pita e Sophie Heydel

luns, 19 de decembro de 2016

Fonte: Biblioteca Espera do IES O Mosteirón (Sada)
Mañá pola tarde o alumnado da ESO terá a oportunidade de asistir a unha sesión de contacontos da man de Charo Pita e Sophie Heydel, que nos traen unha selección de contos tradicionais do mundo en galego e inglés grazas á colaboración dos Departamentos de Lingua Inglesa, Lingua Galega e o Equipo de Normalización Lingüística.
 
Charo Pita é unha coñecida escritora e contadora de historias que, tras a xubilación do seu antigo compañeiro de contadas, Tim Bowley, estará acompañada por Sophie Heydel, actriz británica formada en The Guildhall School of Music and Drama e afincada en Barcelona dende hai algúns anos.

Actualización da listaxe de lecturas de 4º ESO (2º trimestre)

domingo, 18 de decembro de 2016

Tede en conta os seguintes aspectos á hora de escoller unha lectura para este trimestre:
  1.  O traballo debe seguir o guión que xa empregamos no curso pasado ou o cuestionario proposto para algunhas destas lecturas (identifícanse na listaxe).
  2. O asterisco (*) indica que o título marcado debe acompañarse da lectura doutro título debido á súa extensión breve.
  3. O alumnado que queira ler outro título que non apareza na listaxe, debe consultalo co profesor.
  4. Se premedes nos títulos, poderedes ler a presentación editorial de cada obra.
NARRATIVA (NOVELA)
NARRATIVA (NOVELA BREVE / RELATOS)
BANDA DESEÑADA
POESÍA
TEATRO

DATA LÍMITE PARA A ENTREGA DO TRABALLO: 

Venres, 17 de febreiro de 2017.

Dragalicémonos!

Coa primeira entrega de Dragal, subtitulada "A herdanza do dragón", mergullámonos nunha exitosa saga que segue as pegadas do último dragón galego. Con ela, a escritora Elena Gallego Abad cativou o interese de miles de lectores e lectoras en diversas linguas cunha historia que vai máis alá das páxinas dos seus libros.

Pero vai ser mellor calar e deixar que sexades vós mesmos os que vos mergulledes nesta aventura que nos deparará diferentes sorpresas ao longo do trimestre que imos comezar. Para comezar, aquí tedes o 1º capítulo e o booktráiler da saga:

Francisco Castro, autor do segundo trimestre en 1º da ESO

Logo da modesta homenaxe que lle fixemos a Agustín Fernández Paz para comezar o curso, a quenda agora é para Francisco Castro, autor dunha dilatada e premiada traxectoria tanto no eido da literatura infantil e xuvenil como da narrativa adulta que podedes seguir no seu blogue A canción do náufrago, onde nos achega as súas reflexións sobre os libros, a cultura, a lingua, a educación, a actualidade e as súas propias creacións literarias. Estes son os títulos escollidos da súa autoría para este trimestre:

Chamádeme Simbad 

O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro. As cadeiras son barcos e os piratas rodéanos por todas partes. E hai filibusteiros inimigos alí onde mires. Os adultos, coa súa mirada de adultos, non poden entender nada. Pero Paulo si que comprende o avó. Porque é un neno con mirada de neno. El é o único que o entende. El é o único que, cando as cousas se poñan feas, vai saber como actuar. Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.

Un bosque cheo de faias é unha historia sobre a violencia neonazi. Un grupo ultra e racista comeza a dar sinais de vida na cidade: pintadas, agresións aos "diferentes", panfletos que invitan ao odio e á xenofobia... Mais axiña han centrar a súa carraxe criminal en Nelson, un rapaz inmigrante de 15 anos que só desexa ter unha vida normal. Os seus amigos han loitar por lle poñer fin ao abuso e acabar coa persecución e a intolerancia que se centra sobre el. Un bosque cheo de faias é tamén unha historia de amizade, intriga e de equívocos fatais.
O segredo de Marco Polo
O autor viaxa á Venecia do século XIII para vivir a historia de amor entre un mozo soldado, fillo do militar máis importante da cidade (un home dominante que anula a capacidade de decisión do seu fillo), e unha principessa, Naia, fermosa e adorada por toda a cidade, sobriña do Dogo e obrigada a un matrimonio de estado cun home que non quere e nin sequera coñece. A historia de amor entre o soldado e a princesa é un amor imposible. Ata que entra en xogo un Marco Polo que vai vivir, axudando aos dous amantes, a súa derradeira aventura. Polo medio, un enigma, un segredo que non se desvelará ata o final desta novela na que o autor recrea xa non só a Venecia do seu esplendor, senón que nos fai viaxar, da man do Marco Polo, xa maior, ás terras da China e Mongolia que o xenial viaxeiro visitou por vez primeira na súa xuventude.