Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Francisco Castro, autor do segundo trimestre en 1º da ESO

domingo, 18 de decembro de 2016

Logo da modesta homenaxe que lle fixemos a Agustín Fernández Paz para comezar o curso, a quenda agora é para Francisco Castro, autor dunha dilatada e premiada traxectoria tanto no eido da literatura infantil e xuvenil como da narrativa adulta que podedes seguir no seu blogue A canción do náufrago, onde nos achega as súas reflexións sobre os libros, a cultura, a lingua, a educación, a actualidade e as súas propias creacións literarias. Estes son os títulos escollidos da súa autoría para este trimestre:

Chamádeme Simbad 

O avó fai cousas raras. Esquécese de todo. Cámbialle o nome a todo o mundo. Incluso ao seu neto. Que se chama Paulo, pero que para o avó é Simbad o Mariñeiro. As cadeiras son barcos e os piratas rodéanos por todas partes. E hai filibusteiros inimigos alí onde mires. Os adultos, coa súa mirada de adultos, non poden entender nada. Pero Paulo si que comprende o avó. Porque é un neno con mirada de neno. El é o único que o entende. El é o único que, cando as cousas se poñan feas, vai saber como actuar. Paulo, ou Simbad o Mariñeiro, tanto ten, loitará contra a enfermidade do avó, contra dos adultos e, sobre todo, contra do egoísmo.

Un bosque cheo de faias é unha historia sobre a violencia neonazi. Un grupo ultra e racista comeza a dar sinais de vida na cidade: pintadas, agresións aos "diferentes", panfletos que invitan ao odio e á xenofobia... Mais axiña han centrar a súa carraxe criminal en Nelson, un rapaz inmigrante de 15 anos que só desexa ter unha vida normal. Os seus amigos han loitar por lle poñer fin ao abuso e acabar coa persecución e a intolerancia que se centra sobre el. Un bosque cheo de faias é tamén unha historia de amizade, intriga e de equívocos fatais.
O segredo de Marco Polo
O autor viaxa á Venecia do século XIII para vivir a historia de amor entre un mozo soldado, fillo do militar máis importante da cidade (un home dominante que anula a capacidade de decisión do seu fillo), e unha principessa, Naia, fermosa e adorada por toda a cidade, sobriña do Dogo e obrigada a un matrimonio de estado cun home que non quere e nin sequera coñece. A historia de amor entre o soldado e a princesa é un amor imposible. Ata que entra en xogo un Marco Polo que vai vivir, axudando aos dous amantes, a súa derradeira aventura. Polo medio, un enigma, un segredo que non se desvelará ata o final desta novela na que o autor recrea xa non só a Venecia do seu esplendor, senón que nos fai viaxar, da man do Marco Polo, xa maior, ás terras da China e Mongolia que o xenial viaxeiro visitou por vez primeira na súa xuventude.

0 comentarios:

Publicar un comentario