Co remate do curso é o momento de facer balance e de recuperar neste blogue algúns dos traballos que se foron facendo nas aulas de lingua galega ao longo destes últimos meses. Un dos proxectos colectivos máis potentes e ilusionantes que se levou a cabo no noso colexio foi a recuperación da memoria da antiga fábrica da Pontesa.
Grazas a este proxecto, que coordinou a profesora Ana Aguiar dentro do programa Fotografía en Curso, o alumnado de 4º da ESO tivo a oportunidade de formarse na arte fotográfica da man da súa profesora de Plástica e da fotógrafa Marta Moreiras. Froito desa formación e do seu traballo é a colección de fotografías sobre "espazos baleiros" que se pode ver na exposición Pontesa, lembranzas dunha fábrica, aberta ata mañá no Multiusos de Arcade.
Pero o proxecto medrou coa participación doutros departamentos como Lingua Castela, Matemáticas, Música e Ciencias Sociais. As fotografías medraron, daquela, con vídeos e entrevistas, reportaxes, retratos, etc. que foron enchendo de memoria una espazo baleiro, o da factoría de Pontesampaio, no que traballaron -e viviron- moitos familiares e veciños/as do alumnado do noso centro e que foi un dos motores da economía da nosa comarca durante décadas. Parte do seu traballo pódese ver aquí.
Dende a Departamento de Lingua Galega puxemos o noso pequeno gran de area, que tamén foi encamiñado a recuperar a memoria dos traballadores e traballadoras da Pontesa. Deste modo, ao longo do segundo trimestre do curso, o alumnado de 1º da ESO A e B analizou primeiramente o xénero da entrevista xornalística e logo elaborou en grupo un cuestionario común para facerlles as entrevistas aos familiares e veciños/as que traballaron na fábrica e que colaboraron con nós para recuperar as historias do seu paso pola Pontesa.
Estas que traemos aquí son só dúas mostras do traballo feito, que iremos completando nos próximos días. A primeira é un podcast coa entrevista realizada por Alejandro Prego Reguera e Jaime Ortiz Villar (1º ESO B) a Manuel Fuentes Agulla e María Dolores Landeiro Blanco, veciños de Arcade de 71 e 70 anos respectivamente. Foi gravada o 13 de febreiro de 2014 na casa dos entrevistados. As fotografías son de Jaime Ortiz.
Agradecemos a Manuel e Mª Dolores a súa colaboración e felicitamos a Alex e Jaime polo seu bo traballo.
Agradecemos a Manuel e Mª Dolores a súa colaboración e felicitamos a Alex e Jaime polo seu bo traballo.
O segundo traballo foi realizado por Sergio Cabaleiro Carballo e Aitor Amoedo Bouzas, avezados xornalistas de A Voz de Soutomaior, que entrevista a un antiga empregada da Pontesa, Eva Bouzas, á que agradecemos a súa colaboración. Hai que premer na imaxe para ler a entrevista.
0 comentarios:
Publicar un comentario