Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Expresión literaria, creación audiovisual, xornalismo... Asumes o reto?

mércores, 14 de febreiro de 2018

Ademais dos concursos que anunciabamos hai uns días e que coñecedes ben por teren unha grande tradición no noso colexio, o XI Certame Verbas para Comunicar, e mais o VI Concurso de Relato Curto (FANPA), cuxo prazo remata o vindeiro 28 de febreiro, aquí vai unha nova remesa de convocatorias que están a chamar polos vosos traballos. E non serán os últimos que anunciaremos no noso blogue:

Reto Lector

  • Obxectivo: fomentar a lectura en galego entre os adolescentes e as adolescentes a través dun formato novidoso no que os rapaces se converten en vloggers (video blogger) literarios.
  • En que consiste? Enviar ao mail galaxia@editorialgalaxia.gal dous vídeos nos que se dea conta da lectura de dous libros da Editorial Galaxia de calquera das súas coleccións de narrativa para todas as idades: Árbore, Costa Oeste e Literaria. Os vídeos non poderán exceder os dous minutos de duración. Durante eses dous minutos, os rapaces deben comentar o contido da obra, os aspectos que máis lles gustaron e as razóns polas que recomendarían a súa lectura.
  • Categoría única: rapaces e rapazas de 12 a 16 anos. Prazos de presentación: a entrega dos vídeos estará aberta ata o día 31 de maio, e a resolución do xurado farase pública o 12 de xuño.
  • Premios: a rapaza ou rapaz gañador recibirá un Ipad de última xeración. Ademais, haberá cinco lotes de libros coas últimas novidades da Editorial para os cinco seguintes clasificados.
  • Bases do concurso: Galaxia.

III Concurso Ollo de Vidro de Booktráilers e Booktubers

  • Obxectivos: fomentar entre a cidadanía hábitos lectores, utilizando a lectura como fonte de información, aprendizaxe e enriquecemento persoal, ao mesmo tempo que se promove o uso do galego como vehículo de comunicación nas redes sociais.
  • En que consiste? Enviar a recomendocheunlibro@gmail.com unha destas pequenas pezas creativas, que consisten en resumir en non máis de 3 minutos de imaxes o contido dun libro.
  • Convocan: Biblioteca Neira Vilas, IES Castelao, Escola Oficial de Idiomas, Asociación de Veciños de O Calvario, Biblioteca Pública do Porriño,  IES Pino Manso e o Festival de Cans.
  • Categoría única: persoas e colectivos.
  • Prazos de presentación: a entrega dos vídeos estará aberta ata o día 23 de abril.
  • Premios:
    • Os traballos finalistas serán proxectados no festival.
    • 1º premio: 400€.
    • 2º premio: 250€
    • 3º premio: estancia en Cans con noite de hotel e entradas para asistir ao concurso de curtametraxes.
    • Todos os premios teñen tamén dotacións en lotes de libros e esculturas e placas conmemorativas.
  • Bases do concurso: Recoméndoche un Libro.

#AbrideaFiestra. Día de Rosalía de Castro 2018 (AELG)

  • Obxectivo: expandir o poder da palabra de Rosalía de Castro entre a xente nova.
  • Dúas categorías:
    • Infantil e Primaria: despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra, proponse para o venres 23 de febreiro que cada alumna/o elabore, nun soporte que poida ser pendurado nunha fiestra ou pegado na parte interior dos vidros das fiestras (tea, cartolina ou similar), algún elemento iconográfico de Rosalía de Castro e/ou transcriba os seus versos soltos ou poemas completos para lles dar luz desde as fiestras e tentar facelos visíbeis socialmente.
    • Secundaria e Bacharelato: escenificación e gravación de mostras visibilizadoras da obra rosaliana que sigan o fío do lema #AbrideAFiestra, de xeito que o alumnado interaccione visualmente coa obra ou a figura de Rosalía e contribúa a espallala colectivamente, quebrando os muros herméticos e escuros que noutro tempo a silenciaron. Para estes efectos, suxerimos traballar sobre o texto do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro.
  • Máis info.: páxina da AELG.

Youtubeiros

  • En que consiste? Youtubeir@s nace coa vontade de promover e visibilizar o uso do galego con vídeos de opinión e videotitoriais a través dunha das redes sociais máis influíntes do momento, YouTube.
  • Para quen? Maiores de 14 anos.
  • Categorías: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos e canle.
  • Duración máxima: 5 minutos.
  • Idioma: lingua galega.
  • Prazo de inscrición: ata o 15 de marzo. 
  • A organización ofrece cursos formativos.
  • Bases completas aquí.
  • Páxina do concurso.
  • Organizan: Servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña.
  • Traballos presentados e premiados na edición 2017.

II Concurso de Videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía de Castro e Manuel María

  • Certame que procura potenciar potenciación da creatividade artística a través da conxunción da palabra, o son e a imaxe, e o coñecemento e difusión da obra destes dous autores. 
  • Categoría: unha única a partir da ESO e participación individual ou grupal.
  • Prazo de preinscrición: até o 24 de marzo de 2018.
  • Prazo de presentación de orixinais: antes do 21 de abril de 2018.
  • Ligazón ás bases.
  • Convoca: Casa-MuseoManuel María

XVConcurso Mellor Xornalista Infantil e Xuvenil  

- Concurso convocado por La Voz de Galicia que procura que o alumnado se familiarice coa lectura e o manexo do xornal e que desenvolva a súa capacidade de exposición e redacción, baseándose en informacións publicadas na edición impresa ou dixital (Mellor Xornalista Infantil) ou mediante traballos orixinais de elaboración propia (Mellor Xornalista Xuvenil).
- Vai dirixido a todo o alumnado galego de: 
  • Educación Infantil, 1º e 2 de Primaria:  debuxo que ilustre unha nova.
  • Educación Primaria, de 3º a 6º curso e EE: reinterpretación dunha nova.
  • ESO: entrevista. 
- En todas as categorías os profesores deberán coordinar e revisar o traballo dos alumnos, ademais de orientalos na súa elaboración.
- Valorarase o interese dos traballos, o estilo xornalístico, a corrección gramatical e a presentación da páxina.
- Premios Infantil e Primaria: en cada categoría o 1º premio correspóndese cunha estadía de fin de semana no parque Warner para 4 persoas, unha cámara de fotos dixital para o 2º premio e mais un reprodutor MP4 para o 3º premio.
- Premios Xuvenil: unha estadía dunha fin de semana en Londres para 4 persoas para o 1º premio, un libro electrónico para o 2º premio e mais un altofalante inalámbrico para o 3º premio.
- O prazo de presentación remata o 30 de abril de 2018.
- Máis info.: bases.

0 comentarios:

Publicar un comentario