Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

“Explorando a Margarida”, de Ainhoa Soto Boullosa

sábado, 25 de abril de 2015

Coa finalidade de mostrar textos que poidan servir de modelo nas aulas, buscamos relatos e poemas escritos polo alumnado para concursos semellantes ao Verbas para Comunicar. E foi toda unha sorpresa atopar este texto de Ainhoa Soto Boullosa cando remataba Primaria no colexio de Pontesampaio. Non nos estraña que fose premiado no concurso Ciencia que conta da Universidade de Vigo na súa edición de 2011, pois amosa unha madurez, unha orixinalidade e unha calidade que ben merecían ese recoñecemento. 

Así que xa sabedes, apréndese a escribir lendo, tamén historias coma esta:  

Explorando a Margarida
Un día, o ano pasado, estaba eu xogando co meu irmán Anxo no xardín. De súpeto a miña nai chamou a Anxo para que entrase a axudarlle a facer a merenda. Entón quedeime soa e escoitei voces. Pensei que viñan do parque, pero non. Fun ver se era a miña nai, pero tampouco. Mirei detrás da casa a ver se era algún amigo pero nada. Nun momento vireime e escoitei atentamente. Aquelas voces viñan dunha margarida!

Escoitei moi sorprendida e díxome:

– Oe ti!, axúdame, por favor!

Entón, do susto case me caio para atrás. A margarida volveume a dicir:

– Pero non te asustes muller, que non é para tanto!

E eu díxenlle:

– Como que non?, se me deches un susto de morte. As plantas non falan!

– Nunca lles falamos aos humanos, pero é que teño un problema moi grande e non sei que facer.

– Que che pasa?

– Pois que levo uns días atopándome moi mal. Xa pedín axuda ao doutor Caracol e á doutora Formiga, pero nada, non saben que facer. Por iso che falo a ti. Poderías axudarme mirando dentro de min cun microscopio a ver se ves algo?

Entón, eu contestei moi convencida:

– Encantaríame! O outro día, no meu cumpre regaláronme un microscopio moi potente, pero o problema é como te levo ata dentro da casa.

Entón ocorréuseme que podería arrincala de raíz e metela nunha maceta. Sen pensalo dúas veces, iso fixen. Cando xa a tiña na maceta corrín ao trasteiro e arrinqueille a Margarida, que así se chamaba a planta, unha pelciña do talo, tinguina de vermello e púxena na pletina. Entón vin polo ocular como unha especie de ladrillitos cun punto no medio de cada un, e tamén vin uns vermes pequeniños. Margarida díxome:

– Eses díxome a miña nai que se chaman cloroplastos e que dentro teñen un líquido para que as plantas sexamos verdes. Chámase clorofila.

Era moi raro, pero á vez moi chulo. Os dese cachiño estaban mortos e entón puxen a planta enteira na pletina xa que o microscopio era tan grande que cabía ben. Mirei e preguntei:

– Hai alguén aí?

E dixéronme:

– Si, ola, son Pepe e estes son a miña muller María, meu fillo Mario e a miña filla Natalia.

Eu, contesteille:

– Ah, ola! Eu son Ainhoa e a flor onde vivides chámase Margarida.

Entón, Pepe explicounos a min e a Margarida tiñan millóns e millóns de células e que en cada unha delas tiña cloroplastos coma eles, citoplasma, membrana celular, parede celular, núcleo e, dentro del, o ADN.

De súpeto, chegou unha bacteria enorme. Pepe díxome que xa o día anterior oíra falar dela e que matara a moitos cloroplastos. Esa era a explicación dos males de Margarida!

Margarita estaba moi asustada porque tiña medo de que se morrían mais cloroplastos podería morrer ela.

Diante do obxectivo do microscopio a bacteria empezou a reproducirse máis e máis e cada bacteria nova mataba outro cloroplasto.

Margarita empezou a chorar moito e moi forte. De tantos cloroplastos que morreran estábase poñendo moi pálida e eu non sabía que facer.

Entón fun á floristería, conteille aos donos o que lle pasaba a Margarida e déronme un bote onde puña CLOROFASTO. Pregunteille ao vendedor:

– Que é isto?

E contestoume:

– Un líquido feito de clorofila, con el seguro que a planta se pon ben nuns poucos minutos.

Corrín outra vez para a casa, reguei a Margarida co líquido e mirei de novo polo microscopio. Ao principio non sucedía nada. Os cloroplastos seguían moi débiles e as bacterias os estragaban. Margarita estaba morrendo!

Eu, moi asustada, volvín regar a planta. Estiven mirando uns minutos máis e, ao cabo dun intre, dende a raíz comezaron a chegar os reforzos da clorofila. Os cloroplastos comezaron a loitar con mais forza. Pouco a pouco foron gañando a batalla ata que, ao final, conseguiron derrotar as malvadas bacterias.

Despois diso Margarida empezou a poñerse ben. Aínda estaba moi asustada, pero xa comezaba a recuperarse.

Cando apaguei o microscopio xa eran as dúas da mañá. Fun durmir moi silenciosamente para non espertar aos meus pais.

Á mañá seguinte volvin plantar a margarida no xardín para que puidese vivir feliz alí e xogar cos seus amigos/as de sempre.

No colexio conteille aos meus compañeiros de clase toda a aventura que pasei e pareceulle ALUCINANTE.

Agora, cada vez que saio da casa saúdo a Margarida, régoa e coidoa coma se fose a miña irmá pequena.

0 comentarios:

Publicar un comentario