Páxinas

CPI Manuel Padín Truiteiro

Departamento de Lingua Galega e Literatura

Portafolio Dixital

Os materiais das aulas na rede

Recursos

Sobre lingua, literatura e outras temáticas de interese
 

Recomendamos unha lectura (1º ESO)

xoves, 16 de abril de 2020


Para a terceira avaliación, imos recomendar un libro. Pode ser, por exemplo, algún dos xa lidos neste curso ou un novo. A túa recomendación deberá incluír, como mínimo, o seguinte contido:
  1. Presentación dicindo o teu nome (con apelidos ou non, como queiras) e curso.
  2. Presentación do autor ou autora e comentar brevemente algo importante deste/a (lugar e data de nacemento, premios, profesión, etc.).
  3. Presentación do libro (título, editorial, número de páxinas, ano de publicación).
  4. Mención ao tema ou temas principais que se tratan.
  5. Resumo breve da historia do libro (non entres en detalles nin fagas spoilers).
  6. Motivos polos que che gustou o libro e polos que recomendas a súa lectura.
  7. Outras cuestións que queiras engadir.
Formatos posibles do traballo (escolle 1):
  • Só audio: traballo só con audio (pode ter música de fondo, pero non demasiado alta). Evita que no teu traballo “pareza que estás lendo”.
  • Vídeo (atende os consellos da parte final de). Actualmente hai abertos dous concursos de booktubers, aínda que o prazo de entrega de vídeos remata en breve. Informádevos aquí.
  •  
Exemplos

Reto Lector Galaxia 2019 



Reto Lector Galaxia 2018 



Reto Lector Galaxia 2017

 

 FLOCOS DE MILLO: IRIA VÁZQUEZ (CPI MANUEL PADÍN TRUITEIRO)




BRAIS LÓPEZ




AUDIO



David Alján, finalista no VII Certame de Relato Curto organizado pola FANPA

sábado, 1 de xuño de 2019


David Alján Lusquiños, alumno de 4º ESO, volveu dar mostra das súas dotes para a escrita literaria no VII Certame de Relato Curto convocado pola FANPA para todos os centros públicos da provincia. A participación nesta edición acadou unha cifra récord con 1300 textos nas diferentes categorías (Primaria, ESO, Bacharelato e FP e Adultos) e só 120 relatos pasaron á final.

Ademais deste recoñecemento e do diploma acreditativo, o relato "O panda" recóllese nun libro publicado pola editorial Kalandraka, fermosamente ilustrado por Ramón G. Trigo e amadriñado pola escritora Concha Blanco, que foi homenaxeada no acto de entrega de premios que tivo lugar no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra este venres 31 de maio. Ademais, o texto será publicado neste verán nas páxinas do Diario de Pontevedra, pero xa podedes lelo, e recomendamos vivamente a súa lectura, premendo aquí

Moitos parabéns, David, e grazas por compartir con todos e todas nós as túas creacións.

XII Certame Verbas para Comunicar

mércores, 17 de abril de 2019


Bulide, que o prazo para o envío de traballos remata o 7 de maio. Tedes toda a información sobre o concurso na páxina do IES.

Recomendamos un libro: listaxe de lecturas para o 3º trimestre (1º ESO)

sábado, 13 de abril de 2019

Como xa avanzamos na clase, para esta terceira avaliación, imos recomendar un libro. Pode ser, por exemplo, algún dos xa lidos neste curso ou un novo. A túa recomendación deberá incluír, como mínimo, o seguinte contido:
    1. Presentación dicindo o teu nome (con apelidos ou non, como queiras) e curso.
    2. Presentación do autor ou autora e comentar brevemente algo importante deste/a (lugar e data de nacemento, premios, profesión, etc.).
    3. Presentación do libro (título, editorial, número de páxinas, ano de publicación)
    4. Mención ao tema ou temas principais que se tratan.
    5. Resumo breve da historia do libro (non entres en detalles nin fagas spoilers).
    6. Motivos polos que che gustou o libro e polos que recomendas a súa lectura.
    7. Outras cuestións que queiras engadir.

Formatos posibles do traballo (escolle 1):
• Só audio: traballo só con audio (pode ter música de fondo, pero non demasiado alta). Evita que no teu traballo “pareza que estás lendo”.
• Vídeo (atende os concellos da parte final deste folio). Actualmente hai abertos dous concursos de booktubers, aínda que o prazo de entrega de vídeos remata en breve. Informádevos aquí.
•  Presentación de diapositivas ou outro formato semellante.
• Escrito: traballo escrito á man. Coida especialmente a presentación e a ortografía.

Listaxe de lecturas  

*Se premes no título de cada obra, poderás ler un resumo do seu argumento.
* Para resolver calquera dúbida, podedes escribir a linguadenegueiros@gmail.com.
  • Elena Gallego, Dragal (calquera das entregas da saga), col. Fóra de Xogo, Xerais. 

Moi boa participación do noso alumnado no Parlamento Xove

luns, 18 de marzo de 2019

O alumnado de Bacharelato do IES de Soutomaior estreouse no Parlamento Xove 2019 con dous equipos que acadaron uns bos resultados na súa primeira participación neste torneo de debate que organiza a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. A fase clasificatoria tivo lugar durante a fin de semana no centro Residencial Docente da Consellería de Educación en Culleredo.

Os equipos, que partiparon por vez primeira nun certame destas características como actividade complementaria da materia "Obradoiro de Habilidades Comunicativas", obtiveron uns resultados moi positivos. O equipo composto por Cecilia Alonso, Talía García, Alejandro Gómez e Marta Reguera gañou dous debates mais non pasou á fase final no desempate por puntos. O equipo composto por Judith Domínguez, Xiana Herrero, Rolando Lago e Paula Ramallo,acadou unha moi boa puntuación de 381 puntos sobre un total de 480, cunha media de 127 puntos nunha escala de 160, aínda que non gañou ningún dos debates que disputaron con centros que quedaron na parte alta da clasificación.


Os profesores Román Cerqueiro e Orlando Molares, coordinadores dos equipos, destacan a implicación e o traballo desenvolvido na fase previa de investigación sobre o tema de debate: "Deberiamos unificar as políticas de acollida de persoas refuxiadas en todos os estados membros da Unión Europea?". Ademais, amosan a súa satisfacción pola grande progresión que experimentou o alumnado ao longo do día conforme se ían sucedendo os debates, ademais da limpeza coa que competiron nunha xornada de convivencia e aprendizaxe con equipos chegados de toda Galicia. O alumnado, pola súa banda, gozou tanto da experiencia que xa pensa na edición do próximo ano.

Moitos parabéns, Cecilia, Judith, Talía, Alejandro, Xiana, Rolando, Paula e Marta! Estarmos orgullosos/as do traballo que fixestes e do ben que representantes o noso centro.

Concurso Audiovisual "Mulleres" 2019

xoves, 7 de marzo de 2019

A Comisión Intersectorial de Xénero do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ten como función principal contribuír á corrección da discriminación que sofren as mulleres, propoñendo unha serie de actuacións concretas que camiñen cara a igualdade real. 

Unha desas actuacións consiste en convocar o concurso audiovisual "Mulleres" 2019, co obxectivo de concienciar á xuventude sobre a desigualdade existente entre mulleres e homes e promover a reflexión para lograr a igualdade neste ámbito. 

Poderán participar no concurso as e os estudantes de Bacharelato e de Ciclos Formativos de Grao Medio (CFGM) e Superior (CFGS), de centros de ensino de Galicia, de maneira grupal (entre dous e seis participantes). 

O tema será o movemento feminista do 8M e a súa relevancia social e o prazo de admisión das obras rematará o 1 de abril de 2019.

Consultade as bases aquí.

VII Certame de Relato Curto da Federación de ANPAs de Pontevedra

sábado, 2 de febreiro de 2019


A Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra (FANPA) convoca unha nova edición, e xa van sete, do seu Concurso de Relato Curto, que procura fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escrita, estimular o uso do galego nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores/as, apoiar os escritores/as noveis e afeccionados/as, crear un espazo común e familiar para a creación literaria.

Os traballos deben conter entre 200 e 300 palabras e a temática é libre. Pode participar, en cadansúa modalidade, tanto o alumnado da ESO e o Bacharelato como as familias e o profesorado e a data límite para o envío de traballos é o 28 de febreiro. 

http://blogs.nontedurmas.org/certame/wp-content/uploads/sites/4/2019/01/Bases_vii_edicion.pdf

O alumnado do CPI Manuel Padín Truiteiro tiña experiencia neste certame pois foron varias ocasións nas que diversas alumnas, como María González, chegaron á selección final e mesmo gañaron o concurso, como foi o caso de Olalla Castrillo co relato Xiros de luz na edición de 2017. 

Haberá que tentalo dende o novo IES, non é?

25N, berramos NON contra a violencia de xénero!

xoves, 29 de novembro de 2018

O alumnado do IES de Soutomaior tomou onte os corredores e os patios do noso centro para expresar con palabras, carteis e os seus propios corpos o seu rexeitamento claro e rotundo á violencia contra as mulleres poñendo así fin ás actividades conmmorativas do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
Durante o recreo as rapazas e os rapaces de 1º de Bacharelato realizaron a performance "Conxela a violencia", na que en intervalos de dous minutos conxelaron escenas de violencia que queren que desaparezan. A acción, coordinada polas profesoras de Educación Plástica e Educación Física, foi o preludio que anunciaba unha actividade que dende hai días se viña organizando en segredo nas aulas dos grupos de 2º e 4º da ESO, que prepararon unha manifestación sorpresa que conduciu a todo o alumnado do centro ao patio, onde, entre lemas e consignas que esixiron a fin da violencia machista, se deu lectura ao manifesto, que leron as alumnas Paula Puch e Lucía Costas.
MANIFESTO
 Con motivo da celebración do día para a eliminación da violencia contra a muller, o alumnado, profesorado e persoal do IES de Soutomaior queremos berrar…
Basta xa!
Por todas as mulleres que destacaron nos ámbitos da ciencia, do deporte, das artes e da literatura e que foron esquecidas pola historia…
Basta xa!
Por todas as mulleres que se ven obrigadas a casar sen poder escoller con quen.
Basta xa!
Por todas as rapazas do mundo que non teñen dereito á educación.
Basta xa!
Por todas as mulleres que sofren desigualdade no traballo.
Basta xa!
Por todas as mulleres que teñen medo de andar soas pola rúa.
Basta xa!
Polas mulleres maltratadas, violadas ou asesinadas.
Basta xa!
Polas mulleres que non teñen dereito a ser mulleres.
Basta xa!
Por todas elas, e por todas nós.
Basta xa!